Colmeiro Guimarás, Manuel
Pintor. Nacido no seo dunha familia campesiña, pasou os seus primeiros anos entre Chapa e Margaride (parroquias do concello de Silleda), ata que en 1913 emigrou a Bos Aires. Alí comezou a pintar os obxectos e cousas que tiña ao seu redor e as paisaxes que lembraba de Galicia. En 1917 ingresou por libre na Academia de Bellas Artes de Bos Aires, ao tempo que estudiaba co pintor arxentino Demetrio Urruchúa, co escultor Planas Casas e co gravador Pompeu Audivert, tamén emigrados. Nestes anos compaxinou a pintura con distintos traballos e colaborou na revista Fuego. Moitas das súas primeiras obras na Arxentina, de carácter expresionista, queimounas ao non consideralas axeitadas. En 1923 participou na Exposición de Arte Gallego de Bos Aires con catro obras de pequeno formato. Regresou a Galicia en 1926 e instalouse en Margaride. Realizou a súa primeira mostra individual na sala de exposicións do Faro de Vigo en 1928, ano no que recibiu unha bolsa da Deputación de Pontevedra que lle renovaron os dous anos seguintes. En 1929 instalouse en Madrid, pero non acudiu á escola da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, senón que preferiu frecuentar academias non oficiais, ao tempo que realizaba numerosas visitas ao Museo del Prado que contribuíron á súa formación. En 1930 comezou a indagar no campo da pintura abstracta (Pintura, 1931). En 1931 expuxo na sala Maragall de Barcelona, cidade na que residiu un ano e na que se relacionou coa vangarda artística. Continuou frecuentando os ambientes intelectuais galegos, colaborou cos responsables de Resol e coñeceu, entre outros, a Carlos Maside, Arturo Souto, Eiroa, Luís Seoane e Rafael Dieste, con quen asistía aos faladoiros dos cafés composteláns. Nestes anos formouse o Movemento Renovador da Arte Galega, do que foi un dos seus representantes. Dende 1931 expuxo por toda a Península Ibérica, como no Palacio de España de Lisboa (1932), no Círculo de Bellas Artes de Madrid (1932), na Barraca de García Lorca (1932), na Asociación de Artistas Vascos de Bilbao (1933), na Asociación de Artistas da Coruña (1934) ou nas Galeries Laietanes de Barcelona (1935). Durantes estes anos madurou o seu repertorio iconográfico centrado na representación do ser humano e a súa relación coa natureza na procura de amosar un mundo primitivo e ancestral. Esa visión escolleu como marco propicio os lugares da nenez do artista, a comarca do Deza. Lonxe da visión folclorista e tipificada da paisaxe e do pobo galego, representou os homes e as mulleres tal e como son. Son representacións tratadas cunha técnica esquemática e colorida, onde o debuxo se amosa firme e as composicións teñen un carácter muralista. Unha das inquedanzas de Colmeiro foi a realización de murais; en 1931 proxectou Os traballos da terra, que o concello de Santiago de Compostela comezou a instalar en 1936. Realizou paisaxes como Marcha o inverno (1928) ou Sol de verán (1929), escenas de campesiños nos labores do campo, como Arando (1928) e Labranza (1931), e paisaxes con referencias á mitoloxía clásica, como Hércules na paisaxe (1932). Tamén destes anos son as primeiras feiras, as maternidades, como Muller co neno (1930), nus femininos e os bodegóns, onde os protagonistas son as fogazas de pan como Cesta de pan (1932). Froito da experiencia acadada en Madrid e Barcelona foi a incorporación na súa produción das propostas modernistas (Mulleres a cabalo, 1931), cubistas, surrealistas (O sono, 1933) ou fauvistas, sen esquecer as referencias sempre presentes provenientes de Cezanne. Cando estaba a preparar a súa segunda exposición en Madrid, na Biblioteca Nacional, comezou a Guerra Civil, e a finais de 1936 embarcou en Lisboa rumbo a Bos Aires. Na súa segunda estancia en Arxentina (1937-1948) mantivo contacto coa intelectualidade galega alí exiliada. As referencias á súa parroquia de Margaride, onde quedara a súa familia, estiveron sempre presentes nas súas paisaxes ou escenas populares. As maternidades que pintou nese momento evocan os recordos da súa nai (Retrato da miña nai, 1947) ou da súa muller (Recordo, 1940), resoltas cunha técnica que se aproxima ao xestualismo de carácter expresionista (A noite, 1938). Tamén está presente a sensación de ausencia (A carta, O adiós, 1938) ou a situación política española (Guerra, 1938). Realizou unha serie dedicada ás mulleres en situación de espera (peixeiras, nus femininos na praia) caracterizada polo predominio da cor azul difuminada nunha atmosfera abstracta. Outro ciclo pitórico, no que predominou a cor verde, é o relacionado coas paisaxes da súa terra e cos murais das Galerías Florida Pacífico de Bos Aires (1946), onde presentou a unha parella galega inmersa no seu medio natural, simbolizado pola tríade do ceo-terra-mar. Realizou debuxos para as editoriais Poseidón, Atlántica, Emecé e Nova; entre as obras que ilustrou destacan De catro a catro, de Manuel Antonio (1940), e Contos do Miño, de Eliseo Alonso (1955). En 1948 viaxou a París onde se instalou en 1949; situou o seu estudo na rúa Vaugirard e converteuse nun dos representantes da Escuela Española de París. O coñecemento da tradición artística parisina non impediu que mantivese as súas referencias temáticas vinculadas ao mundo galego. Pódese apreciar unha radicalización da súa estética que o levou a unha maior austeridade nas formas que enlazaron co primitivismo. A súa paleta de cores potenciou a luminosidade a través do uso das cores verdes, carmíns ou azuis. Esta luminosidade favoreceu a sensación sintética e escultórica das súas figuras, que seguían a ser panadeiras, bodegóns, vendedoras, nus femininos, etc. A súa obra reflitiu tamén o mundo no que vivía daquela: Notre Dame de París (1950) e Paisaxe de Sèvres (1952). Durante a súa estadía en París ilustrou Poemas: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez (1954). En 1950 regresou a Galicia e dende entón pasou os invernos en París e os veráns en Margaride e Vigo, ata que dende 1970 as estadías en Galicia son máis frecuentes. Ademais de París, expuxo en Londres (Broad Art Gallery, 1964) e retomou as exposicións en España: Sala Velázquez (Pontevedra, 1952), Ateneo de Madrid (1961) e na Galería Biosca de Madrid en numerosas ocasións. O recoñecemento á súa traxectoria artística chegoulle en 1968 cando a Exposición Nacional de Bellas Artes lle dedicou unha sala de honor. Durante as décadas dos anos setenta e oitenta, época na que retornou definitivamente a Galicia, continuou coas súas propostas temáticas nas que ten relevancia a preocupación social (A fuxida, 1976), o nu como unha exaltación da muller que acada un simbolismo próximo á sacralidade, e mesmo a temática mariña que anteriormente apenas estaba representada na súa obra (Pescador, 1973). Nos últimos anos da súa vida, os problemas de vista impedíronlle continuar coa pintura. En 1978, a Caixa de Aforros Municipal de Vigo dedicoulle unha mostra antolóxica e en 1983 o Museo Español de Arte Contemporáneo de Madrid organizou unha mostra que despois percorreu as principais cidades galegas. En 1987, a Bienal de Pontevedra dedicoulle a sección de pensionado artístico e en 1999 Caixavigo organizou a derradeira mostra á que asistiu o pintor. Recibiu o Pedrón de Ouro (1982) e o Premio das Artes da Xunta de Galicia (1987). Consérvanse as súas obras en diversas coleccións de París, Montevideo, Bos Aires, Nova York, Madrid e Barcelona e nas principais coleccións de arte contemporánea de Galicia.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Chapa, Silleda -
Deceso
Lugar : Salvaterra de Miño