Colmena, La
Novela publicada por Camilo José Cela en 1951. Trátase dun retrato colectivo da sociedade madrileña dos anos 1942 e 1943, que responde ao modelo de estrutura aberta, sen argumento nin desenlace. Céntrase na incerteza do destino do home e ao seu redor conflúen a humillación, a pobreza, o sexo, a ameaza, a lembranza da guerra, etc, responsables da alienación humana. Consta de seis capítulos e un epílogo, distribución que reproduce no texto a imaxe do propio título: unha colmea constituída por celas que identifica a colectividade humana coa das abellas. Esta compartimentación do material narrado incide implicitamente no illamento, na falta de comunicación e na soidade dos personaxes, pechados nas súas respectivas celas. A unidade refórzase pola redución temporal e espacial: a acción desenvólvese nunha serie de espacios máis ou menos fixos do Madrid da posguerra e abarca tres xornadas consecutivas, incompletas e o comezo matutino dunha cuarta do citado ano. A orde narrativa non coincide coa orde cronolóxica dos acontecementos, de xeito que suxire unha idea da vida como labirinto ou caos. Hai múltiples perspectivas e tres voces primordiais: a dos personaxes nos diálogos e monólogos, a dun narrador omnisciente e a dun autor implícito que interfire na trama dirixíndose ao lector, exclamando, valorando e reflexionando sobre o comportamento e carácter dos personaxes que retratan unha sociedade mediocre, pouco moral e vulgar. Destaca a figura de Martín Marco, que responde ao perfil psicolóxico do intelectual bohemio e insatisfeito, preocupado pola inxusta ordenación da sociedade; é un personaxe contraditorio no que conviven a sensibilidade e a tenrura, o medo, o orgullo e o odio. Considérase o alter ego do autor, non só pola súa condición de literato que busca o éxito no Madrid da inmediata posguerra, senón tamén porque a través das súas palabras Cela expresa os aspectos máis importantes do significado de La Colmena; é un personaxe itinerante que constitúe un factor de dinamismo. Xunto a el, destacan a beata Doña Visi, a súa filla Julia, que se atopa co seu mozo Ventura Aguado nunha casa de citas, Doña Rosa, dona do café ao que acode a señorita Elvira, buscona vella e solitaria, Roberto González, pobre pluriempregado e a súa muller, Filo, irmá de Martín Marco. Con respecto ao estilo, establécese un contraste entre a rapidez das frases narrativas ou dos diálogos, fronte á morosidade dos períodos nas reflexións e descricións, nunha prosa chea de efectos rítmicos.