Colombia
Estado do NO de América do Sur, entre o Océano Pacífico e o mar das Antillas. Limita ao O con Panamá, Ao L con Venezuela e Brasil e ao S con Perú e Ecuador. Abrangue tamén un territorio insular formado polo arquipélago de San Andrés y Providencia, o illote Malpelo, varios bancos do mar das Antillas e outras illas do Océano Pacífico (1.141.748 km2; 40.803.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 12°de latitude N e os 4° de latitude S e os 79° e 67° de lonxitude O. A súa capital é Bogotá.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
Litoloxicamente, Colombia aséntase sobre unha litoloxía moi heteroxénea, formada desde a era Precámbrica ata a Cuaternaria. Destacan os materiais da época Primaria. De O a L, na serra de Baudó hai rochas volcánicas cubertas por arxilas; nos Andes, rochas graníticas e gneis; na Sierra Occidental materiais cretáceos; na vertente occidental da Sierra Central materiais eruptivos; na Sierra Oriental xistos cristalinos, arxilas e margas, sobre os que se estenden limos terciarios; e en Sierra Nevada materiais cristalinos, granitos, gneis e xistos. As serras dos Andes e Los Llanos configuran o relevo de Colombia. A primeira, ao O, atravesa o país en dirección meridiana. A partir de Pasto, na fronteira con Ecuador, divídese en dúas cadeas montañosas paralelas (Cordillera Occidental e Cordillera Central), separadas por unha foxa tectónica que drenan os ríos Patía e Cauca. O Macizo Colombiano, entre Almaguer e Popayán, dá orixe a unha terceira cadea andina, a Cordillera Oriental. A Cordillera Occidental ou do Chocó é a de menor elevación, entre 2.000 m e 3.000 m de altitude, aínda que no seu extremo meridional aumenta considerablemente, con edificios volcánicos de grande altitude, como o Nevado Cumbal (que acada os 4.764 m), os altiplanos de Ipiales e o alto val de Urrao. A Sierra Central ou de Quindió é a máis alta, posto que supera os 3.400 m de altitude media; os cumios principais son Nevado del Tolima, Nevado del Ruiz e Nevado del Huila (5.750 m). Ao N está o altiplano de Antioquia, formado polos contrafortes da Sierra Central. A Cordillera Oriental ou Sumapaz, a máis longa e larga, con 3.200 m no sector central, separa a conca do río Magdalena e Los Llanos, e divídese en dúas ramas, a serra de Perijá e a cordilleira de Mérida, que chegan ata a depresión de Maracaibo. Entre as serras extraandinas destacan a de Baudó, ao NO do país, que vai desde o cabo Corrientes ata a fronteira con Panamá paralela á liña costeira, e ao N (á beira do mar das Antillas e coa elevación máis pronunciada do país), o monte de Santa Marta que, aínda que se relaciona coa Cordillera Central é independente e culmina no pico Cristóbal Colón, de 5.780 m de altitude. Ademais das considerables cadeas de montañas, cómpre sinalar ao N a chaira aluvial do Caribe, onde converxen os ríos Magdalena, Cauca e San Jorge e ao O a chaira do Pacífico; na vertente oriental dos Andes esténdese a gran chaira colombiana, que baixa gradualmente cara ao L, cunha altitude inferior a 150 m, drenada polos ríos das concas do Orinoco e do Amazonas. A costa caribeña presenta unha parte oriental baixa con albufeiras e marismas, como as de Ciénaga, as da desembocadura do río Magdalena, a baía de Cartagena e os golfos de Morrosquillo e Urabá, unha rexión occidental máis rochosa, que forma amplas baías, como a de Cupica, e unha parte meridional, a partir do cabo Corrientes, de costa baixa cuberta de mangleirais.
Climatoloxía e hidrografía
O clima é tropical húmido, a causa da súa proximidade co Ecuador, e cambia segundo a altitude, que en certos puntos se suaviza. Segundo a altitude se distinguen unha serie de estadios climáticos: de 0 a 1.000 m, clima ecuatorial con temperaturas medias de 27°C na costa e 33°C nas chairas orientais, con chuvias moi abundantes que chegan nalgúns lugares a 7.000 mm anuais; entre 1.000 e 2.000 m, propiamente tropical, con temperaturas de 18°C a 20°C e chuvias de 1.000 a 2.000 mm; de 2.000 a 3.000 m, temperaturas medias inferiores a 12°C. A partir dos 3.500 m son moito máis baixas; a área de neves perpetuas chega aos 4.500 m. Os ríos repártense en catro vertentes: a do Pacífico, con ríos curtos, como o San Juan, o Patía e o Mira; a do mar das Antillas, con ríos longos e caudalosos, como o Atrato, o Sinú e o complexo de Magdalena; as do Orinoco, cos ríos Arauca, Meta e Vichada; e a Amazonia, co río Caquetá.
Medio ambiente
Colombia presenta grandes contrastes naturais, con altitudes que van dende o nivel do mar ata os 5.755 m de altitude, coas costas do mar das Antillas e do Océano Pacífico e cos numerosos cursos fluviais entre os que destacan os dos ríos Orinoco e Amazonas. Esta diversidade en medios dá lugar a unha gran diversidade de ecosistemas, especies e endemismos, polo que Colombia presenta un dos niveis máis altos de biodiversidade do planeta. O país pode dividirse en cinco rexións bioxeográficas principais: orinóquica, amazónica, andina, caribeña e choqueña. A orinóquica, que comprende as terras baixas do sistema fluvial do río Orinoco e que presenta elevacións de 100 m a 500 m, está cuberta por unha vexetación de sabana, na que o lume é o factor máis significativo na formación da paisaxe, xa que altera a composición da vexetación e incide dunha forma maior na erosión do solo. A amazónica, unha chaira aluvial que conta cunha precipitación media de 2.500 mm, dá lugar a unha densa rede fluvial e a unha temperatura de 24°C, características que orixinan unha alta biodiversidade. A andina presenta tres cordilleiras principais, que discorren de xeito paralelo, orientadas de norte a sur, onde están presentes un alto número de endemismos. A caribeña comprende dende os mangleirais costeiros ata o macizo da Sierra Nevada de Santa Marta, que acada os 5.775 m e presenta elementos vexetais costeiros a alturas onde non se atopan en ningún outro sitio, caracterízase por unha alta porcentaxe de elementos endémicos propios. A choqueña ocupa a rexión costeira do Pacífico e nela predomina a pluvisilva. O goberno colombiano comezou en 1987 unha política de declaración de áreas naturais protexidas mediante a figura de Parque. A rede de parques naturais está composta por 42 espacios que cobren 9.016.893 ha (o 8,6% do territorio). Ademais, Colombia ten un sistema de 300 reservas indíxenas que abranguen uns 26 millóns de ha. Estas reservas son plenamente compatibles cos Parques Naturais para a conservación da natureza e, de feito, en 20 dos 42 espacios naturais protexidos hai comunidades indíxenas. En 1988 a declaración de 6 millóns de ha de pluvisilva como reserva indíxena, que non poden ser sometidas a explotación nin concesión gobernamentais, supuxo un paso importante na protección da rexión amazónica. Nembargantes, a integridade dos espacios protexidos estivo ameazada, dende o principio, pola ausencia de goberno estatal nas áreas rurais, pola actividade guerrilleira e polos produtores e traficantes de droga. Máis dun 45% do territorio está cuberto de bosques, que son a principal fonte de riqueza pola súa gran variedade de madeiras. Colombia foi un dos primeiros produtores de caucho, pero a súa industrialización só abastece o mercado interior.
Xeografía económica
Economía
A economía colombiana, malia o proceso de industrialización que comezou nos anos trinta, baséase en boa parte no sector primario, principalmente no café, que en 1996 achegaba ao PIB preto do 11%; case o 23% da poboacción activa dedícase á agricultura (1995), aínda que cunha tendencia a diminuír. O país presenta as características básicas do desenvolvemento: unha renda por habitante moi baixa (o 70% da media de América Latina), unha distribución moi desigual (a maior parte da poboación ten uns ingresos inferiores á media nun 40 ou 60%), un cuarto da poboación activa ocupada no sector primario e unha alta porcentaxe de desemprego (11,5% en 1996). En 1960 comezou un proxecto de crecemento para conseguir un aumento do PIB do 6%. Nos sete primeiros anos non se acadou o obxectivo (o crecemento foi dun 4,6%) e os investimentos conducíronse só de forma parcial. Desde 1979 ata 1982 chegou o Proxecto de Integración Nacional, que representou unha organización xeral dos transportes, unha mellora das condicións de vida no rural, coa creación de industrias subsidiarias nas vilas e de enlace coas cidades, o desenvolvemento de sindicatos, cooperativas e a explotación do potencial enerxético. Despois duns anos de prezos imprecisos, a suba xeral das materias primas, unido ás subas do petróleo, multiplicou o prezo por dous en catro anos [1975-1979]), aos que seguiron tres de baixada (ata o 11,5% por riba do de 1975), para volver subir nos anos seguintes. A economía colombiana mantivo un alto grao de crecemento, pero a partir de 1998 sufriu un retroceso ocasionado polo descenso das materias primas (café, carbón e petróleo), pola inestabilidade política e pola caída dos mercados emerxentes. A baixada do prezo internacional do café orixinou unhas perdas aproximadas de 240 millóns $ USA anuais. Neste ano, o crecemento do PIB só foi do 0,2%, fronte ao do ano anterior que chegou ao 3,2%. Esta situación afectou ao desemprego, que en 1997 alcanzou o 20% da poboación activa. O goberno puxo en marcha un plan de axuste para reducir o déficit de 6.000 millóns de dolares. En 1997 a poboación activa era de 15.757.000 persoas e a inflación alcanzou o 18,5%. A renda por habitante era en 1996 de 2.140 $ USA. A moeda oficial é o peso colombiano.
Agricultura, gandería e pesca
A economía colombiana baséase principalmente na agricultura. O cultivo máis importante é o café, do que Colombia é o segundo produtor mundial, con 732.000 toneladas en 1998. As plantacións están na súa maioría en mans de pequenos colonos. As diferencias climáticas fan que haxa unha gran diversidade de cultivos, polo que o territorio pode dividirse en catro grandes áreas agrícolas: a rexión litoral do Caribe e do Pacífico e o val do río Magdalena, onde se concentra a produción de bananas (segundo cultivo de exportación do país, cunha produción de 2.200.000 toneladas en 1998), o algodón, a cana de azucre, o millo, o arroz, o cacao, as hortalizas e as froitas tropicais; a rexión do val do río Cauca, que se dedica á produción de algodón, cana de azucre, cacao, tabaco, arroz e café; a rexión temperada, onde se produce café, principalmente nas vertentes das tres grandes serras andinas; e a rexión fría, onde o cultivo principal é o de cereais (trigo, cebada), patacas, mandioca, mazás, peras e soia. Máis dun 26% da terra está dedicada á gandería, principalmente porcina, ovina, equina e, especialmente, bovina. Esta última actividade orixina unha importante industria de carne en grandes explotacións que permite satisfacer as necesidades internas e certa exportación. A pesca procede dos ríos en máis dun 68% e, en segundo lugar, do Pacífico. A partir da ampliación da zona económica exclusiva ás 200 millas actuais, Colombia mellorou en termos absolutos a súa posición no sector Pacífico Centro-Occidental e incrementou a súa produción. A pesar de ter unha ampla área marítima, Colombia non está entre os 100 primeiros países exportadores de pescado. Ten grande importancia a pesca fluvial. A principios de 1990 o número de capturas totais ascendeu a 58.700 t, das que máis da metade corresponden a especies de auga doce. As principais capturas son a troita e o atún.
Minería
O subsolo é moi rico en minerais, aínda que están pouco explotados por mor das dificultades de comunicacións e da falta de investimentos. É o cuarto produtor de gas natural e o oitavo de petróleo de América Latina, con preto de 32.431.000 t en 1996. A produción aumenta constantemente nas divisións admistrativas de Vichada, Putumayo, Casanare e, sobre todo, Arauca. A súa produción de 30.065.000 t de carbón en 1996, convérteno no principal produtor de América Latina, sobre todo as rexións do interior, nos xacementos de La Loma e El Cerrejón, onde se construíu unha rede ferroviaria de 150 km para extraer o mineral. En Antioquia e nos aluvións dalgúns ríos atopouse ouro e en 1996 extraéronse 22.064 kg. É o segundo produtor de platino, con 826 kg en 1996. É o país máis importante en extracción de esmeraldas; nas minas de Muzo e Chivor, nos Andes, extráese ata un 95% da produción mundial. A produción de prata, centrada en Antioquia, tamén é importante pero tende a diminuír, como a de mercurio. Os xacementos de sal xema son propiedade do Estado, como a coñecida mina de Zipaquirá, pero o 81,3% das 576.000 t de sal extraídas en 1996 procedían das augas do Caribe. Tamén son notables os fosfatos e o xofre.
Industria
A industria experimentou un rápido desenvolvemento nos últimos anos coa aparición de 11 zonas francas nas principais cidades do país. Concéntrase sobre todo no distrito especial de Bogotá e nos departamentos de Cundinamarca, Antioquia, Cauca e Atlántico. As industrias máis importantes son a alimentaria, como as de cervexa, azucre e carne; a téxtil, de algodón e fibras artificiais, principalmente, centradas en Medellín, Bogotá e Cali; a siderúrxica (en 1995 producíronse 667.000 t de aceiro, principalmente en Paz de Río); e a química, centrada nos portos caribeños de Barranquilla, Cartagena e Santa Marta, nos que se inclúen as refinerías de petróleo. Outras industrias son as de cemento ou de papel, no val do río Cauca, que tamén destaca pola elaboración de café; as de madeira e de electricidade, que foi a que tivo a maior expansión. Na capital existen fábricas de cerámica. O turismo sitúa a Colombia no cuarto lugar de América Latina, con máis dun millón de visitantes. En 1996 foron 1.254.000 turistas, un 68,8% procedentes de Venezuela, un 12,6% de Ecuador e un 6,2% dos EE UU.
Comercio exterior
Entre as exportacións destacan as de café, ademais de petróleo refinado, bananas, azucre e algodón. Os principais clientes son EE UU (4.358.000.000 $ USA [1997]), Venezuela (989.000.000 $ USA [1997]) e Alemaña (727.000.000 $ USA [1997]). O crónico desequilibrio da balanza comercial e a diminución dos ingresos procedentes do café, obrigou ao endebedamento exterior, que en 1997 era de 31.777 millóns $ USA, e o pagamento de xuros e amortizacións aos EE UU chegou a consumir anualmente o 12% do total das divisas. A exportación clandestina de marihuana e cocaína, non inferior á exportación legal, representa, posiblemente, un 10% do PIB. Os préstamos do exterior proveñen, sobre todo, da axencia gobernamental dos EE UU e doutros organismos internacionais. As importacións máis importantes son produtos industriais e alimentarios. Entre os primeiros destacan os bens de equipo, os mecánicos e eléctricos, os minerais, os medios de transporte e os produtos químicos, mentres que nos alimentos destacan os produtos vexetais. Os principais provedores son EE UU (5.430.000.000 $ USA [1997]), Venezuela (1.599.000.000 $ USA [1997]) e Xapón (951.000.000 $ USA [1997]).
Transportes e comunicacións
Un dos principais problemas internos é a falta de boas comunicacións terrestres, dificultadas pola complicada configuración orográfica do territorio que encarece a construción de ferrocarrís e estradas. A rede ferroviaria que une os núcleos urbanos cos portos fluviais non é continua e dispoñía en 1994 de 3.230 km. As estradas alcanzaban os 115.564 km en 1997, dos que 13.868 estaban asfaltados, incluída a autoestrada Panamericana de 4.985 km. A outra grande estrada internacional é a de Simón Bolívar, que vai desde Caracas ata Guayaquil (Ecuador). Colombia dispón dunha flota mercante regular. O transporte fluvial, con 7.053 km, é moi importante, sobre todo polo río Magdalena e polo seu afluente Cauca que supoñen o 90% do total. As outras concas navegables son a do río Atrato, con 687 km, que desemboca tamén no Caribe; a do Orinoco, que se interna en Venezuela; e a do Amazonas, coa rede máis longa e cun porto para vapores na fronteira peruana. Colombia dispón de 98.000.000 km voados (1994) e seis aeroportos internacionais, o máis importante en Bogotá. O transporte de mercadorías faise por mar nun 98,8% e o resto por aire. No interior do país, sen embargo, predomina o transporte por camión (67%), seguido da navegación fluvial (15,4%), o transporte marítimo (10,1%), o ferrocarril (6,9%) e o avión. O transporte de pasaxeiros realízase en autobús no 83,9%, o avión ocupa o segundo lugar cun 12,55% e o ferrocarril o terceiro cun 2,4%.
Banca
O sistema financeiro está constituído polo Banco da República, a Superintendencia de Bancos, a banca especializada, a comercial e as institucións de desenvolvemento. O primeiro banco é o Central, aínda que non é totalmente unha institución oficial, xa que a organización da banca e a relación dos bancos comerciais se basea no sistema da Reserva Federal dos EE UU. A Superintendencia de Bancos é unha organización que depende do goberno e que constitúe o instrumento da política monetaria. Os bancos especializados levan a cabo actividades específicas. Destacan o Banco Central Hipotecario, o Banco Cafetero e a Caja de Crédito Agrario, Industrial y Minero. O capital estranxeiro participa activamente nos sectores clave da economía, especialmente na industria do petróleo. Os EE UU representan o 49% deste capital. As principais bolsas de valores son as de Bogotá, Medellín e Cali.
Xeografía humana
Demografía
Desde finais do s XIX Colombia experimentou un aumento demográfico de grande importancia. No ano 1912 tiña 4.507.000 h e en 1938 case se duplicou; triplicouse no curso de 1951, con 11.548.172 h, pero nos vinte e nove anos seguintes o aumento acelerouse e en 1979 pasou dos 26 millóns de habitantes. Este incremento débese aos elevados índices de crecemento natural (20‰ en 1996), xa que a natalidade é moi elevada (25,9‰ [1996]) e a mortalidade reduciuse grazas aos progresos da medicina e da hixiene (5,9‰ (1996]). A mortalidade infantil diminuíu aínda máis rapidamente e pasou do 153‰ en 1938 ao 70,4‰ en 1968 e ao 39,5‰ entre 1980-1985; en 1997 situábase no 24‰. Como consecuencia, a poboación ten unha porcentaxe elevadísima de persoas novas (o 69,9% menores de 29 anos en 1980).
Poboamento
A poboación de Colombia, que en 1993 era de 37.422.791 h, non está homoxeneamente distribuída polo territorio nacional. Así, as áreas máis densamente poboadas son a andina, na que se concentra o 75% da poboación, e a costa do Caribe, que aglutina o 21%; sen embargo, na Amazonia só vive o 4% da poboación colombiana. A densidade de poboación non é moi elevada, xa que hai moitas rexións practicamente despoboadas; o departamento do Atlántico ten 376 h/km2, mentres que no de Guainía non chega a 0,06 h/km2. Hai un intenso fluxo migratorio interno cara ás áreas urbanas, mentres que a emigración ao exterior é moi reducida. A poboación rural, desde o terceiro decenio do s XX, diminuíu a favor do crecemento da poboación urbana, que en 1997 era do 73,6%. A maior concentración atópase no distrito capital de Bogotá (6.004.782 h [1997]) e nas proximidades das áreas urbanas de Barranquilla (1.157.826 h [estim 1997]), Medellín (1.970.691 h [estim 1997]), Cartagena (812.595 h [estim 1997]), Cali (1.985.906 h [estim 1997]), Manizales (358.194 h [estim 1997]), Santa Marta (343.038 h [estim 1997]), Bucaramanga (508.240 h [estim 1997]), Ibagué (419.883 h [estim 1997]), Valledupar (296.624 h [estim 1997]), Cúcuta (589.196 h [estim 1997]) e Pereira (434.267 h [estim 1997]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O compoñente maioritario da poboación colombiana é froito da mestizaxe, pois o 57,25% da poboación son mestizos e o 14% son mulatos. Ademais, os descendentes de españois ou inmigrantes europeos de recente incorporación representan o 20% da poboación e os descendentes dos africanos, chegados como escravos a Colombia, son o 4%. Así mesmo, Colombia conserva unha gran riqueza étnica indíxena, malia que só representa o 1,75% da poboación total colombiana. Segundo o censo de poboación de 1993, revisado en 1997, en Colombia habitan 701.860 indíxenas que se reúnen en 80 grupos diferentes espallados por todo o territorio nacional, aínda que manteñen unha presenza maioritaria no oriente do Cauca, na península da Guajira, na Amazonia, na Orinoquía e na rexión do Pacífico. No conxunto de Colombia os indíxenas son minoritarios, non obstante no departamento de Vaupes representan a maioría da poboación (74,6%) e noutros departamentos teñen unha presenza destacada, como en Guainía (41%), Guajira (32,7%), Amazonas (31,5%), Vichada (26,9%) ou Cauca (13,5%). Os pobos indíxenas de Colombia teñen dereitos territoriais sobre os resguardos, que teñen a súa orixe na época colonial, recoñecidos polo Departamento Nacional de Planeación, sobre 279.487 km2, que representan o 24,5% do territorio nacional. Os pobos máis numerosos son o wayuu ou guajiro, que agrupa a 144.003 individuos (20% da poboación indíxena) na península de Guajira; o páez, que agrupa a 118.845 individuos (16,9% da poboación indíxena) principalmente en Tierradentro e no N do Cauca; o embera, que agrupa a 71.412 individuos (10,1% da poboación indíxena) no litoral Pacífico; e o pasto, que agrupa a 55.379 individuos (7,9% da poboación indíxena) no altiplano de Túquerres e Ipiales. Xunto con estes catro pobos maioritarios conviven outros pobos que teñen menor entidade demográfica; así 40 deles agrupan a menos de 1.000 individuos, 27 menos de 10.000 e 9 (ica, awa, coyaima-natagaima, guambiano, indíxenas de Caldas, inga, guahibo, yanacona e zenú) menos de 50.000. Segundo o artigo 7 da Constitución, o Estado recoñece e protexe a diversidade étnica e cultural de Colombia; ademais, pola Lei 21 de 1991 aprobouse o Convenio da Organización Internacional do Traballo sobre pobos indíxenas e tribais en países independentes. De acordo con estes textos legais, o Estado consagra para estas comunidades dereitos étnicos, culturais, territoriais, de autonomía e participación política que marcaron unha nova etapa nas reivindicacións históricas dos indíxenas. Non obstante , estes dereitos polos que se recoñecen a educación nas dúas linguas (a oficial e a indíxena) e intercultural para os grupos étnicos, a dobre nacionalidade para os pobos indíxenas que viven en zonas de fronteira, a propiedade comunitaria, inalienable, imprescritible e inembargable sobre as terras de resguardo, non significaron un avance cualitativo en canto que persisten graves problemas derivados da falta de políticas axeitadas en sanidade, educación, alimentación ou vivenda e a usurpación dos seus territorios por colonos, terratenentes ou narcotraficantes é un feito cotián. De feito, os maiores índices de pobreza danse entre a poboación negra e indíxena. Así mesmo, a violencia física e a agresión cultural promovida polo Estado, a Igrexa, as misións relixiosas internacionais, os colonos, os terratenentes, os narcotraficantes, os paramilitares, os guerrilleiros e os militares, ameazan a sobrevivencia destes grupos e converten os seus territorios en zonas de guerra e de conflito.
Diversidade lingüística
Segundo a Constitución de 1991 o idioma oficial de Colombia é o castelán. Non obstante , fálanse máis de sesenta linguas indíxenas (moitas delas son linguas oficiais nos seus territorios). Pódense distinguir en todo o territorio colombiano linguas pertencentes a distintas familias lingüísticas; entre elas cómpre destacar, a familia chibcha (entre as que sobresaen o motilón, o chimila, o ica, o cogui, o malayo, o tunebo, o cuna) que se estende polo centro, Urabá e Sierra Nevada; a familia caribe (o yukpa, o carijona), que se estende pola costa e as vertentes fluviais; a familia arawak (o piapoco, o curipaco, o yucuna, o guahibo, o cuiba, o guayabero), que se estende pola vertente amazónica e La Guajira; a familia tucano (o carapana, o cubeo, o desano, o macuna, o siriano, o tucano, o waimaja); a familia chocó (o embera, o waumeo); a familia quechua (o inga, o quechua); a familia huitoto (o huitoto, o muinane); a familia barbacoa-páez (o awa, o guambiano, o páez); e a familia tupí (o cocama, o nhengatu).
Relixións
A Constitución colombiana de 1991 garante a liberdade de cultos e recoñece a igualdade ante a lei de todas as confesións relixiosas e igrexas; sen embargo, no preámbulo dese texto xurídico, invócase a protección de Deus, feito que lle confire ao Estado un carácter máis confesional ca laico. A relixión maioritaria é a católica, practicada polo 95% da poboación; ademais, coexiste unha pequena minoría protestante que agrupa o 1% da poboación.
Ensino
No ano 1945 proclamouse en Colombia a liberdade de ensino. O goberno estableceu o programa que hai que seguir en todas as escolas e o profesorado está pagado por cada departamento e cada municipio en particular; o Estado só asume a inspección. De acordo co texto constitucional aprobado en 1991, naquelas comunidades con tradicións lingüísticas propias o ensino debe ser nas dúas linguas (oficial e a lingua propia indíxena). O ensino está dividido en catro fases: preescolar, para nenos menores de seis anos; ensino primario, gratuíto e obrigatorio durante cinco anos; ensino secundario, que dura catro anos; e ensino superior ou universitario, no que están incluídos os estudios universitarios, os das escolas de maxisterio, os dos institutos comerciais e os estudios técnicos. Os estudios universitarios poden seguirse en universidades privadas ou estatais. Entre as privadas destacan a Pontificia Universidad Javeriana que, fundada polos xesuítas en 1621 e pechada trala súa expulsión (1767), iniciou unha nova andaina en 1930 e conta con sedes en Bogotá e Medellín; e a Pontificia Bolivariana, fundada en 1936 polo arcebispo de Medellín, conta con sedes en Medellín, Bucaramanga, Montería e Palmira. Entre as estatais destacan a Universidad Nacional de Colombia, fundada en 1867 e con sedes en Bogotá, Medellín, Manizales, Arauca, San Andrés, Leticia e Palmira; e as de Antioquia, fundada en Medellín en 1803; a de Cartagena, fundada en Cartagena de Indias en 1827; e a do Atlántico, fundada en 1946 en Barranquilla.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Colombia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 68º posto cun índice do 0,764). A esperanza de vida no nacemento é de 70,7 anos, o índice de alfabetización de adultos é do 91,2% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 71%, e o PNB real por habitante (PPA) é de 6.006 $ USA.
Goberno e política
Proclamada independente de España en 1813, constituíuse como República tralo Congreso de Angostura, celebrado o 17 de decembro de 1819, e ata 1830 formou xunto con Ecuador, Panamá e Venezuela a Federación da Gran Colombia. Dende 1886, ano no que se estableceu a actual ordenación de Colombia, a historia política do país estivo marcada pola alternancia no poder entre liberais e conservadores e só a partir de 1974 houbo eleccións libres. Os poderes executivo, lexislativo e xudicial réxense pola Constitución de 1991, reformada en 1997. O poder executivo está formado polo presidente da República, que é ao mesmo tempo xefe do Estado e do goberno, elixido por sufraxio universal directo por catro anos; o vicepresidente, elixido no mesmo día e na mesma fórmula que o presidente; e o Consello de Ministros, elixido polo presidente. O poder lexislativo corresponde ao Congreso de la República, que está constituído polo Senado, formado por 100 membros elixidos por sufraxio universal e por dous membros adicionais elixidos polas comunidades indíxenas para un período de catro anos, e a Cámara de Representantes, formada por 163 membros elixidos por sufraxio universal en circunscricións territoriais e especiais, para garantir a presenza de representantes dos grupos étnicos, para un período de catro anos. O sistema xudicial baséase no dereito español, modificado trala aprobación da Constitución de 1991, cando entre 1992 e 1993 se introduciu un novo código baseado no modelo dos EE UU. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema. A vixilancia da constitucionalidade das leis vixentes correspóndelle á Corte Constitucional. Acepta con reservas a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. A pena de morte non está en vigor. Malia as formalidades legais, en Colombia non están garantidos os dereitos políticos e as liberdades civís como se denuncia na campaña internacional Colombia Los queremos vivos!. Segundo denunciou Amnistía Internacional no seu Informe do ano 2000, en Colombia produciuse unha escalada das violacións dos dereitos humanos sobre a poboación civil en xeral, particularmente sobre os defensores dos dereitos humanos e os xornalistas, no contexto dun conflito armado cada vez máis violento. En 1999, foron torturadas ou asasinadas máis de 3.500 persoas a mans das forzas armadas, dos grupos paramilitares que actuaban co seu apoio ou consentimento e dos grupos armados de oposición; ademais, máis de cen persoas desapareceron logo de ser secuestradas por grupos paramilitares e producíronse masivos desprazamentos de poboación. Neste clima de violencia, os sectores máis marxinados da sociedade, como os indíxenas, os nenos da rúa ou os inmigrantes, son obxecto de malos tratos e brutalidade policial sen que apenas actúe a xustiza na súa defensa. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP, relativo á abolición da pena de morte; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Estatuto de Roma do Tribunal Penal Internacional, asinado en setembro de 1998; Convención Americana sobre Dereitos Humanos (1969), coa realización da declaración prevista no artigo 62, pola que se recoñece como vinculante a competencia da Corte Interamericana de Dereitos Humanos sobre todos os casos relativos á interpretación ou á aplicación da Convención; Convención Interamericana para Previr e Sancionar a Tortura (1985) e Convención Interamericana sobre Desaparición Forzada de Persoas (1994), asinada pero non ratificada. Os partidos políticos máis importantes representan o liberalismo e o conservadurismo. O Partido Liberal (PL), liberal, aínda que ten estatuto de observador na Internacional Socialista. Defende os intereses dos sectores industriais e comerciais e alternou no goberno co Partido Conservador (dende 1987 Partido Social Conservador) ao longo de toda a historia política de Colombia. Na composición do Congreso durante a lexislatura iniciada en 1998 posúe a maioría de senadores (55,9%) e representantes (54%). Os seus dirixentes máis destacados son Ernesto Samper Pizano, César Gaviria Trujillo e Julio César Turbay Ayala, antigos presidentes da República; o seu presidente, Emilio Lebolo Castellanos, e o secretario xeral, José Fernando Bautista. O Partido Social Conservador (PSC), conservador, fundado en 1849 por Mariano Ospina Rodriguez e José Eusebio Caro, representa os intereses da oligarquía agraria. Na composición do Congreso na lexislatura iniciada en 1998 posúe o 27% dos senadores e o 24,5% dos representantes, ademais de pertencer a ese partido o presidente da República, Andrés Pastrana Arango, elixido en 1998. Os seus dirixentes máis destacados son Misael Pastrana Borrero e Belisario Betancur Cuartas, antigos presidentes da República, e o secretario xeral, Eugenio Merlano de la Ossa. Outros dous partidos minoritarios, pero con presenza parlamentaria, proceden da integración de antigos grupos guerrilleiros na vida democrática. A Alianza Democrática Movimiento 19 de Abril é unha organización de extrema esquerda que ten como obxectivos a integración latinoamericana, a democracia, a independencia nacional, a xustiza social e a paz. Fundouse en 1990 tralo abandono da loita armada do Movimiento 19 de Abril (M-19), grupo insurxente que iniciou as súas actividades nas cidades en 1979. En 1981 sufriu unha escisión ao xurdir, por unha banda, unha facción moderada dirixida por Jaime Bateman Cayón, que buscou unha saída negociada co goberno; e pola outra, unha facción que mantivo contactos coas FARC a través da Coordinadora Nacional de Bases (CNB). O clima de violencia política provocou que os seus líderes retornasen á loita armada; sen embargo, a principios do ano 1990 constituíronse nun grupo político no que se integraron elementos democristiáns que se denominou Acción Nacionalista por la Paz (ANP). O outro partido herdeiro dos grupos guerrilleiros é a Unión Patriótica, unha organización política xurdida en 1986 do encontro entre as FARC-EP e o Partido Comunista de Colombia, en unión con outros partidos e movementos democráticos e de esquerda, co obxectivo de lograr unha apertura democrática que garantize o libre exercicio da oposición e o seu acceso a todos os medios de comunicación social. Así mesmo, fóra do ámbito parlamentario, existen diversas organizacións guerrilleiras que tiveron un papel esencial na historia colombiana. As Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Ejército Popular (FARC-EP), unha organización insurxente na que converxeron en 1982 diversas frontes armadas. O primeiro grupo, dos que logo integraron as FARC, xurdiu como resposta á represión exercida polo exército colombiano o 27 de maio de 1974 sobre 48 familias campesiñas que promoveran un experimento socialista en Maquetalia. O 20 de xullo de 1974 deron a coñecer o Programa agrario das guerrillas, primeira proclama do aparello xurídico da organización que, no 2000, proclamou tres leis nacionais. Os seus dirixentes son Manuel Marulanda Vélez, coñecido como Tiro Fijo, e Jorge Briceno. Outro grupo guerrilleiro é o Ejército de Liberación Nacional (ELN), unha organización insurxente, de carácter político-militar, fundada o 4 de xullo de 1964 en resposta á situación política, económica e social imperante. O 7 de xaneiro de 1965 fixo público o Manifesto de Simacota, un programa de goberno comunista. Os seus dirixentes son Gerardo Bermúdez, coñecido como Francisco Galán, José Nicolás Rodríguez Bautista, coñecido como Gabino, Antonio García e Fabio Vázquez Castaño. O terceiro grupo guerrilleiro é o Ejército Popular de Liberación (EPL), formado en 1965 como brazo armado do Partido Comunista de Colombia (marxista-leninista). En 1984 aceptou a tregua ofrecida polo goberno, pero tralo asasinato do seu líder, Óscar William Calvo, retomou as armas en 1985, que abandonou definitivamente o 1 de marzo de 1991 para constituírse no partido político Esperanza, Paz y Libertad. O seu dirixente é Bernardo Gutiérrez Zuluaga. Outro grupo que apareceu en setembro de 1994 foi o Frente Popular de Liberación Nacional (FPLN), composto por disidentes do ELN e do EPL que se opuñan aos diálogos de paz iniciados co goberno colombiano. En 1985, o movemento armado revolucionario constitúese en Coordinadora Guerrillera Simón Bolívar (CGSB), dirixida por Manuel Pérez (ELN) e Manuel Marulanda Vélez (FARC), agrupando a totalidade dos insurxentes colombianos. Administrativamente, o país divídese en 32 departamentos e un distrito capital (Bogotá); ademais, a Constitución recoñece os concellos e os territorios indíxenas. Colombia tratou de reconstruír, en diferentes ocasións, a Gran Colombia; a última tentativa, a Carta de Quito de 1948, perdeu sentido cando se retirou Panamá e se modificaron os seus obxectivos para constituír o Grupo Andino. Segundo o Tratado López-Ramírez de 1999, confirmouse a soberanía colombiana sobre o arquipélago de San Andrés y Providencia, que non obstante continúa a reclamar, xunto co banco de Quitasueño, Nicaragua. Así mesmo, mantén un contencioso con Venezuela pola delimitación da fronteira marítima do golfo de Venezuela. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, Organización de Estados Americanos (OEA) e Sistema Económico Latinoamericano (SELA).
Historia
Período precolombino
Os primeiros poboadores prehistóricos no territorio colombiano documentáronse nos abrigos rochosos do xacemento de El Abra, preto de Bogotá, datados no 10450 a C e nos xacementos de Tibitó e Tequendama, onde apareceron restos de enterramentos cunha cronoloxía que vai do 11700 a C ao 6000 a C. Na costa atlántica colombiana asentáronse desde o VI milenio a C comunidades dedicadas á explotación dos recursos mariños en Monsú e Puerto Hormiga. Pola tipoloxía material atopada (depósitos de cunchas, ósos, obxectos de pedra e fragmentos de cerámica) pódese establecer unha vinculación coa comunidade establecida en Valdivia (Ecuador). Posteriormente, a poboación estendeuse ata a costa do Caribe, nas comunidades de Canope e Barlovento e a finais do II milenio a C penetrou na conca do río Magdalena. As diversas sociedades tribais asentadas na costa e nos cursos dos ríos sufriron importantes modificacións coa aparición, no I milenio a C, das estruturas xerarquizadas de poder e dos cacicados, que levaron a unha etapa de colonización xeneralizada de novos territorios unida á difusión e xeneralización do cultivo do millo. Durante esta etapa produciuse unha ocupación extensiva do territorio, con asentamentos dotados de certos criterios urbanísticos, coa creación de vías de comunicación e co desenvolvemento de certas prácticas de produción e comercio. Dos grupos que participaron neste proceso sobresaen os panzenús, distribuídos polo delta do río Sinú e do San Jorge, e as culturas de San Agustín e Tierradentro. Durante a nosa era, o proceso político de federación das aldeas permitiu a aparición de dúas grandes culturas: a chibcha ou muisca e a tairona, que no momento da conquista estaban inmersas no proceso de formación de dous novos estados. A confederación de tribos muiscas, establecidas nunha ampla área do altiplano e no curso alto do río Magdalena, representaba preto dun terzo da poboación indíxena no momento da conquista. Desenvolveron unha agricultura intensiva, feito que permitiu soster unha densa demografía agrupada en poboacións e divididas en clases seguindo criterios relixiosos. Foron destacados ceramistas e ourives; explotaban ademais os xacementos de sal e de esmeraldas e mantiñan un activo comercio destes produtos. No momento da conquista acadaran un alto desenvolvemento e a súa lingua era coñecida en case todo o territorio. Outros grupos situábanse nun estadio menos desenvolvido politicamente, como as tribos costeiras que se repartiron pola costa atlántica e polo istmo de Panamá, chamadas taironas, que foron desprazadas polos caribes; as tribos das chairas orientais e os quechuas, que se repartiron polo val do alto Cauca e na Cordillera Central, posuían unha forte tradición comercial.
Colonización española
Os primeiros exploradores que percorreron as costas atlánticas de Colombia foron Alonso de Ojeda e Juan de la Cosa, no 1499, e Rodrigo de Bastidas, entre 1500 e 1501. Ojeda e Diego de Nicuesa recibiron o encargo de Fernando o Católico de colonizar o territorio de Terra Firme (1509), pero non foi ata a fundación de Santa Marta por Rodrigo de Bastidas (1525) cando se constituíu unha base de penetración cara ao interior que se completou coa fundación de Cartagena (1533). Gonzalo Jiménez de Quesada saíu en 1536 de Santa Marta, explorou a desembocadura e o curso do río Magdalena, atravesou os Andes e chegou ao Altiplano onde descubriu e conquistou o reino chibcha, que recibiu o nome de Nuevo Reino de Granada. Quesada fundou Santa Fe de Bogotá nas abas orientais dos Andes en agosto de 1538. A chegada das expedicións de Nicolás de Federman, desde Venezuela, e de Sebastián de Benalcázar, desde Quito, ao territorio conquistado por Quesada supuxo a repartición do antigo reino chibcha entre os tres. A Audiencia, organización dotada con poderes administrativos e xudiciais, estableceuse en Santa Fe de Bogotá no 1550 e articulou todo o territorio de Nueva Granada pero dependente do vicerrei de Perú. As características específicas xunto coa distancia, a complexa orografía e as dificultades de comunicación co Perú favoreceron un desenvolvemento autónomo durante os ss XVI e XVII. A poboación colonial asentouse adaptándose ás posibilidades e características de cada zona. A costa atlántica, cunha orientación comercial, sufriu os continuos ataques piratas que obrigaron á construción e organización dun extenso sistema defensivo centrado en Cartagena de Indias. As comarcas do interior, distribuídas en vales paralelos e coas cidades de Medellín e Magdalena como núcleos principais, acolleron unha poboación organizada ao redor dos latifundios dedicados á cría de gando ou ao cultivo de tubérculos. Os territorios do Amazonas recibiron escasos colonizadores. As dificultades nas comunicacións non impediron os intercambios entre as rexións e permitiu unha especialización na produción. Así, mentres nas provincias orientais se desenvolveron as manufacturas téxtiles en grandes obradoiros, nas rexións das cordilleiras Central e Oriental explotouse a minería e a gandería, e nos vales e nas rexións intermedias tabaco, algodón e cana de azucre. Neste comercio interior entraban tamén os produtos do val do Cúcuta e do alto Magdalena, como o sal, a fariña, o cacao ou as carnes salgadas. O establecemento do vicerreinado de Nueva Granada produciuse no s XVIII dentro do proceso de reformas borbónicas, primeiro dun xeito provisional (1717-1723) e logo definitivo en 1740. As melloras administrativas unidas a un conxunto de vicerreis ilustrados, permitiron que Nueva Granada gozase dunha etapa de prosperidade e crearon un forte movemento cultural.
A loita pola independencia e a República da Gran Colombia
Na crise do sistema colonial europeo no último terzo do s XVIII incidiu o impacto inicial da Revolución Industrial, a independencia norteamericana e a Revolución Francesa, ademais do aumento demográfico e da loita polo poder da emerxente burguesía. Paralelamente, as ideas ilustradas de democracia, República e soberanía popular, penetraron no territorio americano. No proceso de independencia distínguense tres etapas: na primeira, durante o último terzo do s XVIII, producíronse diversas protestas e rebelións como a dos comuneiros del Socorro (1781) ou a conspiración de Pedro Fermín Vargas (1791); a segunda etapa, caracterizada pola loita revolucionaria, estendeuse durante os primeiros anos do s XIX. Neste período, ás dificultades coa metrópole uniuse a creación de xuntas en todo o Imperio Español, que levaron aos crioulos a esixir un cabildo aberto (20.7.1810) que substituíu a Audiencia e rematou na formación das Provincias Federadas de Nueva Granada. Pero a proclamación da independencia de España (16.7.1813) non impediu as diferencias entre os grupos federalistas e centralistas, situación que aproveitaron os realistas para reconquistar Nueva Granada (1816-1819). A guerra pola independencia converteuse nunha liorta civil e a poboación dividiuse entre realistas e independentistas. O venezolano Simón Bolívar, presidente provisional desde 1819, derrotou as forzas do vicerrei na Batalla da Ponte de Boyacá (9.9.1819) coa axuda británica e entrou na capital. No Congreso de Angostura (17.12.1819) proclamouse a República da Gran Colombia, con xurisdición sobre Nueva Granada, Venezuela, Ecuador e Panamá. Simón Bolívar foi elixido presidente, Francisco Antonio Zea vicepresidente e Santander vicepresidente de Nueva Granada. Bolívar consolidou a República da Gran Colombia nas batallas de Carabobo (21.6.1821), do lago de Maracaibo (1823) e de Ayacucho (1824), e comezou a modernización e a reorganización do país. No Congreso de Cucuta, en maio de 1821, redactouse a primeira Constitución, malia ás tensións entre federalistas e centralistas. Bolívar defendeu un proxecto panamericano, centralizador e autoritario que non se aceptou dun xeito unánime no seo da Gran Colombia e, cando reflectiu as súas ideas na Constitución de Bolivia, ao nomearse presidente vitalicio dotado de poderes supremos, os defensores da legalidade constitucional opuxéronse. As diferencias entrambos os dous grupos evidenciáronse na Convención de Ocaña, en abril de 1828, onde a oposición a Bolívar, encabezada por Santander obtivo a maioría. Os enfrontamentos partidistas, conxuracións e levantamentos non concluíron ata a desaparición dos líderes da independencia e a morte de Bolívar (17.12.1830). Durante a loita entre Bolívar e Santander, Venezuela e o Ecuador abandonaron a República (1830).
Da República de Nueva Granada ás guerras civís
O xeneral Rafael Urdaneta usurpou o poder (5.9.1830) e exerceu unha ditadura ata que as provincias do sur se rebelaron, dirixidas polos xenerais José Hilario López e José María Obando, e se produciu unha guerra civil. O conflito rematou coa restauración do goberno lexítimo e constituíuse a República de Nueva Granada, en novembro de 1831, que recibiu unha nova Constitución (1832) e tivo como primeiro presidente a Santander. O seu goberno, caracterizado pola fidelidade ás normas xurídicas, deu paso a conflitos entre os elementos liberais, que buscaban unha transformación radical da sociedade e da economía, e os conservadores, aliados cos bolivianos. A vitoria de Jose Ignacio Márquez (1837) permitiulle gobernar co apoio dos elementos de dereitas ata que se produciu unha nova loita entre 1839 e 1842, dirixida polo xeneral Obando. A guerra levou ao poder aos conservadores e situou á fronte do goberno o xeneral vencedor Pedro Alcántara Herrán, quen aprobou unha nova Constitución na que se limitaban as liberdades públicas e se establecía un sistema de administración centralizado. Sucedeuno no goberno o xeneral Cipriano Mosquera, quen reformou a economía e o ensino e comezou unha campaña de obras públicas que fomentaron a introdución do ferrocarril e a navegación de vapor. A pesar das reformas e melloras, a situación económica e as institucións sociais conservaron o seu carácter colonial. Durante o goberno do liberal José Hilario López (1849-1853) produciuse unha reforma na política e na economía, substituíronse os múltiples impostos herdados da época colonial pola contribución única, declarouse abolida a escravitude e decretouse a liberdade de cultivos. Sucedeuno no goberno o xeneral Obando, elixido en 1853, que adoptou unha Constitución federalista, laica, democrática e liberal que garantía a liberdade de prensa e outros dereitos civís e abolía as estruturas coloniais que perviviran. Pero unha coalición de conservadores e liberais moderados destituíu o presidente Obando e devolveu o poder aos conservadores en 1854. Apoiándose na nova Constitución, elaborada polo presidente conservador Mariano Ospina Rodríguez e aprobada en maio de 1858, Panamá e outros estados convertéronse en estados federais e a República constituíuse na Confederación Granadina. A política centralizadora encabezada polo presidente iniciou unha guerra civil en 1861, na que se enfrontaron os liberais, que buscaban unha maior soberanía para os estados que formaban a confederación, e os conservadores, que buscaban o fortalecemento do poder central. A vitoria dos liberais impuxo o seu líder, o xeneral Mosquera, que emprendeu medidas que limitaba o poder da Igrexa e incautaba as súas propiedades. En maio de 1863 reuniuse a Convención constituínte e aprobouse a Constitución de Rionegro, na que se presentaban os principios liberais: a soberanía procedía das seccións e o estado central servía como simple delegado. Pola Carta de Rionegro estableceuse a unión dos estados soberanos nos Estados Unidos de Colombia, que continuou en vigor durante os seguintes anos de gobernos de carácter liberal radical. Os gobernos radicais esforzáronse na modernización do país, buscando a creación dun sistema produtivo capitalista, pero fracasaron pola economía afirmada en sistemas primitivos de produción agrícola, dedicada ao monocultivo exportador. A mellora na educación produciuse a través da creación de escolas normais laicas e obrigatorias en todas as provincias, seguindo métodos pedagóxicos de orixe alemana. A crise da economía provocada polo atraso da agricultura e pola elevada débeda exterior, levaron á caída do réxime radical. Os conservadores volveron dominar a vida política colombiana dende 1880, cando o presidente Rafael Núñez Moledo emprendeu un proceso que buscaba corrixir os excesos liberais, coñecido como Regeneración. Esta reacción ao liberalismo culminou coa Constitución unitaria de 1886, que reinstaurou o modelo unitario, centralista e proteccionista de carácter presidencialista, clerical e moderado. Estableceuse tamén o nome oficial da nación, que pasou a chamarse República de Colombia e fixouse a nova estrutura do país, vixente ata a nova Constitución de 1991. Os liberais enfrontáronse aos conservadores en tres guerras civís desde 1894, a última coñecida como Guerra dos Mil Días estendeuse entre 1899 e 1903 e produciu 100.000 mortos.
Da perda de Panamá á crise do 1929
O proxecto dunha canle interoceánica que tentaba levar a cabo a compañía de Lesseps fracasou polo que o Congreso dos EE UU, logo de adquirir os dereitos e as accións, presionou a Colombia para arrendar unha franxa do territorio. Non obstante , a negativa colombiana favoreceu unha conspiración separatista en Panamá que, iniciada o 3 de novembro de 1903, levou a este país á independencia. O exército dos EE UU interveu protexendo o novo territorio, mentres o goberno recoñecía a súa independencia. Os gobernos conservadores que se sucederon tiveron que facer fronte a un conxunto de problemas económicos e sociais, como a tensión entre as administracións locais e a central, as relacións Igrexa-Estado polo control da educación e a desamortización, e a rivalidade entre conservadores e liberais. O goberno do xeneral Reyes (1904-1909) tentou reducir a crise económica eliminando papel moeda pero ata o aumento no comercio do café, a situación económica non se estabilizou. Colombia viviu unha etapa de recuperación durante a Primeira Guerra Mundial, cando os excedentes de comercio permitiron un incipiente proceso de industrialización que, apoiado pola entrada de capitais estranxeiros despois do restablecemento de relacións cos EE UU, fomentou os investimentos nas explotacións petrolíferas desde 1921. Ao mesmo tempo a United Fruit Company ampliou o cultivo de bananas e o café converteuse na exportación básica. Durante o goberno do presidente Miguel Abadía Méndez (1926-1930), a economía vinculouse ás grandes empresas internacionais mentres que a burguesía crioula se enriqueceu no proceso de industrialización. As revoltas sociais dende 1925 e a folga dos traballadores das plantacións plataneiras (1928) amosaban as tensións e desigualdades sociais. Froito desta situación e da crise do 1929, o predominio conservador debilitouse e no 1930 chegou o triunfo liberal de Enrique Olaya Herrera.
O réxime liberal
A chegada á presidencia da República de Alfonso López supuxo o auténtico comezo da República liberal e emprendeu as reformas constitucionais de 1936, que permitiron que o goberno regulase a propiedade das terras non cultivadas segundo os intereses nacionais, realizase unha reforma tributaria que gravou o patrimonio, establecese o dereito á folga regulado pola lei, rompese coa Igrexa católica e secularizase o ensino público. Paralelamente, continuaron coa política de expansión industrial, impulsáronse as obras públicas e a reforma agraria e adoptouse un novo código laboral (1944), no que se regulaba a asistencia social, os salarios mínimos e o pagamento dos días festivos. Durante a Segunda Guerra Mundial, Colombia rompeu relacións diplomáticas con Alemaña, Italia e Xapón (1941) e o Senado colombiano declarou a guerra a Alemaña en 1943. En xuño de 1945 asinou os estatutos da Organización das Nacións Unidas, como un dos 51 membros fundadores. A tolerancia cara aos partidos da esquerda durante os gobernos liberais supuxo un perigo para a hexemonía dos liberais máis tradicionais e, sobre todo, da oligarquía conservadora que, unida á presión dos capitais estranxeiros, levou a dimisión do presidente no 1946.
Período de crise: O Bogotazo e La Violencia
A precaria vitoria do Partido Conservador levou á presidencia a Mariano Ospina Pérez (7.8.1946), que tivo que enfrontarse cun Parlamento controlado pola oposición. O sector máis duro dos conservadores tentou facerse co poder emprendendo unha campaña violenta contra destacados elementos da oposición e grupos de campesiños. O presidente prohibiu os partidos políticos de esquerdas e disolveu o Congreso, polo que os liberais quedaron á marxe do poder. A tensión aumentou co asasinato do dirixente da esquerda liberal, Jorge Eliecer Gaitán, o 9 de abril de 1948, feito que provocou unha revolta popular coñecida como o Bogotazo, que orixinou unha auténtica guerra civil nas área rurais, coñecida como La Violencia. Nesta revolta apareceu o primeiro grupo guerrilleiro dos 36 que actuaron durante as seguintes presidencias conservadoras e militares. O goberno controlou a situación coa axuda do exército e incluíu a igual número de liberais e conservadores no goberno, pero a tensión e a violencia aumentaron. Os membros liberais do goberno cesaron nos seus cargos despois do decreto gobernamental que prohibiu as manifestacións e o Partido Liberal retirouse das eleccións presidenciais de 1949, nas que saíu elixido o conservador Laureano Gómez Castro. O goberno declarou o estado de sitio, suspendeu as sesións do Congreso no 1950 e reprimiu con dureza o Partido Liberal e as guerrillas. A represión da revolta, que se estendeu ata 1958, provocou 200.000 mortos e moitos máis desprazados e orixinou a aparición da guerrilla colombiana. Gómez Castro permaneceu no poder ata 1953 e coas súas medidas ditatoriais desencadeou o terror e a guerra civil. O xeneral Rojas Pinilla, co apoio dos conservadores e dos liberais moderados, derrocou o réxime de Gómez en xuño de 1953 e estableceu unha ditadura conservadora paternalista. Reelixido pola Asamblea para outro cuatrienio, en 1957, ante a oposición de diversos sectores sociais e dos partidos políticos, suspendeu o Congreso e tentou unha ditadura; sen embargo, en maio renunciou en favor dunha xunta militar que dirixiu o país mentres os líderes dos partidos liberal e conservador asinaban un pacto que culminou coa instauración da Frente Nacional.
Os gobernos do Pacto Nacional
O Pacto Nacional de 1957, en vixencia ata 1974, estableceu un sistema de poder compartido en todas as áreas do goberno e da administración e a alternancia na presidencia de ambos os dous partidos, comezando por un presidente liberal; sen embargo, a coalición non acadou a maioría absoluta necesaria para aprobar proxectos lexislativos durante a década dos sesenta. O liberal Alberto Lleras Camargo, que gobernou de 1958 a 1962, logrou certa estabilidade política e social. O seu sucesor, o conservador Guillermo León Valencia Muñoz ostentou a presidencia entre 1962 e 1966, período no que instaurou unha verdadeira ditadura ao gobernar por decreto. Así mesmo, a declaración do estado de sitio en 1963 e a conseguinte violencia exercida sobre os movementos populares de orientación socialista, levaron á creación de novos grupos guerrilleiros. Un pequeno grupo, coñecido como Tiro Fijo, dirixido por Manuel Marulanda e Jacobo Arenas apareceu en Marquetalia en 1964 logo da represión exercida polo exército sobre unhas familias campesiñas; na década dos oitenta este grupo constituíse como Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC). No mesmo ano constituíuse o Ejército de Liberación Nacional (ELN) e, en 1965, xurdiu o Ejército Popular de Liberación. Con esta situación de fondo, en 1966 foi elixido presidente o liberal Carlos Lleras Restrepo, que continuou gobernando mediante decretos ata 1970. Durante o seu mandato a guerrilla espallouse con certa lentitude debido á oposición que atopou nos grupos de autodefensa, armados e pagados polos latifundistas e co apoio de mercenarios internacionais e do exército, que tamén creou grupos paramilitares. Non obstante , malia a forza dos grupos contrainsurxentes, os grupos guerrilleiros lograron rachar o seu illamento, que os mantivera á marxe do sindicalismo urbano que dominaba a oposición ao réxime político, e penetraron no tecido urbano colombiano. Así, Misael Pastrana Borrero, presidente polo Partido Conservador de 1970 a 1974, tivo que enfrontarse á aparición de novos partidos de oposición e ao auxe da actividade guerrilleira coa aparición do Movimiento 19 de Abril (M-19), que iniciou a guerrilla urbana en 1974.
O decenio liberal: os gobernos de López Michelsen e Turbay Ayala
A instauración de eleccións presidenciais en 1974 puxo punto final ao Pacto Nacional, dominado polas cúpulas dos partidos liberal e conservador, que non resolveu os problemas administrativos, o malestar social e a crise financeira e universitaria. Nas eleccións de 1974 gañou o Partido Liberal e Alfonso López Michelsen, novo presidente do Estado, tentou atender as demandas populares, pero os grandes intereses económicos levaron ao fracaso a súa política. O nivel de desemprego persistiu e ao final do seu mandato só o 30 % dos traballadores ocupados percibía prestacións sociais; ademais, durante o seu goberno, a actividade guerrilleira medrou paulatinamente. O Partido Liberal volveu gañar en 1978, aínda que con escasa marxe, e levou á presidencia a Julio César Turbay Ayala. Durante este mandato, o fracaso da reforma agraria e a represión e persecución polo goberno dos movementos sociais de oposición de esquerdas, favoreceu o feito de que as guerrillas ocupasen o baleiro da representación popular. A actividade guerrilleira incrementouse e estendeuse polas rexións gandeiras do sur do Magdalena medio, o Ariari, Urabá e Córdoba, onde impuxeron a extorsión e o secuestro no caso de non satisfacer os pagamentos. Esta situación provocou a creación de grupos armados de propietarios e campesiños que contaron co apoio do exército. O presidente tentou iniciar un movemento pacificador coa guerrilla pero a oposición do exército obrigouno a emprender un plan de loita armada.
Primeiros avances na pacificación do país
Nas eleccións de 1982 os liberais conservaron a maioría no Congreso; sen embargo, Belisario Betancur obtivo a presidencia polo Partido Conservador. Entre as medidas que tomou durante o seu goberno cómpre salientar a lei de amnistía de 1982, que afectou a numerosos guerrilleiros, e o inicio de conversas de paz co M-19 en 1983. En maio de 1984, asinou unha tregua cos principais grupos guerrilleiros (FARC, EPL e M-19) que significou o ingreso na política parlamentaria de moitas desas forzas de oposición armada. Non obstante , malia eses avances, o goberno respondeu ao asasinato do ministro de Xustiza, motivado polo enfrontamento co tráfico de drogas, endurecendo as medidas represivas. A situación coas organizacións guerrilleiras empeorou e volveron á loita durante 1985, mentres a campaña contra os narcotraficantes retrocedía. Neste clima de violencia as forzas do M-19 tomaron o Palacio de Xustiza de Bogotá (6.11.1985), que foi violentamente recuperado polo exército nun asalto no que morreron 53 persoas, entre maxistrados e civís. Na política exterior, Colombia mantivo algúns contenciosos con países veciños como Venezuela e Honduras; así mesmo, en 1982, incorporouse ao movemento de países non aliñados e, en 1983, ingresou no Grupo de Contadora. Algunhas das medidas de axuste económico, como a redución do gasto público, o incremento nos prezos do combustible e do transporte e o aumento dos impostos, adoptadas polo goberno en xaneiro de 1985 para favorecer as exportacións e reducir o déficit fiscal nun 30 % agudizaron a recesión económica e favoreceron a perda de poder adquisitivo nos salarios. Sobre esta deteriorada situación, provocada tanto polo fracaso do proceso pacificador no país coma pola dureza do plan económico, que non satisfixo nin os sindicatos nin os acredores internacionais, incidiu a erupción do volcán Nevado del Ruiz en novembro de 1985, que causou milleiros de víctimas debido á inoperancia gobernativa. O conxunto destes feitos favoreceu, en última instancia, unha ampla vitoria do Partido Liberal en 1986, ano de elección presidencias e lexislativas.
A ameaza do narcotráfico e o rearmamento da guerrilla
O presidente liberal Virgilio Barco, elixido nas presidenciais do ano 1986, comezou unha política de pacificación coas guerrillas. Como resposta ao plan de paz proposto polo presidente, o M-19 declarou a fin das hostilidades e abandonou a loita armada no 1989; dende ese momento, a principal ameaza da sociedade proviña dos grupos paramilitares, que asasinaban a calquera que se opuxese aos cárteles da droga. En agosto de 1989, tralo asasinato do candidato liberal á presidencia da República, Luis Carlos Galán, o goberno iniciou unha ofensiva contra os intereses dos narcotraficantes que supuxo que a policía e o exército arrestase máis de 10.000 persoas, vinculadas aos cárteles da droga (Medellín, Cali, Bogotá e Santa Marta) e confiscase as propiedades de numerosos presuntos narcotraficantes. Tralos comicios de maio de 1990, nos que a abstención foi do 58% e nos que concorreu por primeira vez a Alianza Democrática M-19 (ADM-19), nome co que actuou o M-19 como partido político, resultou elixido novo presidente da República o liberal César R. Gaviria. Nese ano, as numerosas organizacións guerrilleiras, así como os exércitos paralelos dos cárteles da coca, introduciron a Colombia nunha situación de violencia que o Estado non puido controlar. En 1991 iniciouse o diálogo entre o goberno de Gaviria e os representantes da Coordinadora Guerrillera Simón Bolívar, que agrupaba a todos os grupos guerrilleiros, baixo a dirección das FARC e do ELN, que actuaban nun 35% do territorio. No transcurso destas negociacións debateuse a desmobilización da guerrilla con garantías constitucionais, a subordinación das Forzas Armadas ao poder civil, o desmantelamento dos grupos paramilitares e a reinserción dos guerrilleiros nas súas áreas de influencia política. O 5 de xullo de 1991 aprobouse unha nova Constitución na que se establecía a prohibición de reelixir o presidente, reformábase o sistema electoral e o sistema xudicial (prohibíase extraditar a súbditos colombianos para seren xulgados noutros países) e, ademais, consagrábase a elección directa das autoridades locais, un réxime de autonomía para os pobos indíxenas e a iniciativa lexislativa popular. Así mesmo, o novo texto constitucional recollía a doutrina que o dereito internacional establecía sobre dereitos humanos. Como consecuencia, moitos dos principais traficantes rendéronse e foron detidos, entre eles o xefe do cártel de Medellín, Pablo Escobar. Trala fuxida de Escobar, o 22 de xullo do 1992, comezou unha nova onda de violencia que non rematou malia que as forzas de seguridade abateron a Escobar en decembro de 1993. O liberal Ernesto Samper Pizarro iniciou o seu goberno (1994-1998) cunha serie de vitorias contra os narcotraficantes; sen embargo, en setembro de 1995 descubriuse que o cártel de Cali contribuíra economicamente á campaña presidencial, o que demostraba o nivel de corrupción ao que chegara a administración e a forza dos cárteles da droga. Ademais, acusouse a Samper de que os éxitos iniciais na súa loita contra o narcotráfico foran o tributo que pagara ao cártel de Cali, que deste xeito desataba unha guerra contra outros cárteles na procura dunha maior influencia a conta da policía e o exército colombiano. Ante esta situación, a guerrilla rearmouse novamente e comezou un proceso de expansión que a levou a penetrar en novas rexións, entre elas as zonas cafeteiras, o Caribe e as proximidades de Bogotá e Medellín. O feito de que, no territorio controlado polas guerrillas das FARC e do ELN, estes grupos asumían as funcións de goberno, levou ao presidente a declarar, en agosto de 1996, o estado de sitio durante 90 días nun pouco afortunado intento por controlar a violencia e os secuestros indiscriminados.
O goberno de Pastrana: novas conversas cos grupos guerrilleiros e Plan Colombia
O 7 de xaneiro de 1998 o goberno iniciou negociacións oficiais coas FARC, que continuou o presidente conservador Andrés Pastrana, elixido o 7 de agosto de 1998. As FARC aceptaron desmilitarizar a área de San Vicente de Caguán, que se constituíu en sede dos contactos. As negociacións provocaron o descontento dos demais grupos guerrilleiros, principalmente o ELN, dos grupos paramilitares representados polas Autodefensas Unidas de Colombia (AUC) e tamén do exército, que non foi quen de solucionar o conflito armado e resultou sospeitoso de complicidade cos paramilitares. Neste contexto, as FARC e os grupos paramilitares das AUC sostiveron durísimos combates en decembro de 1998. En 1999 o ELN emprendeu unha campaña de espectaculares accións co obxecto de forzar ao goberno a unha nova negociación. Neste clima de tensións, en setembro do 1999 Pastrana solicitou axuda militar dos EE UU para combater o tráfico de drogas. Esta solicitude foi atendida polo goberno e Congreso dos EE UU, que no 2000 aprobaron o Plan Colombia, que supuxo a oferta de 1.600 millóns de dólares en axuda por parte dos EE UU. Segundo a propaganda oficial o Plan Colombia contribúe ao desenvolvemento de Colombia debido aos medios militares e económicos despregados na loita contra o narcotráfico e os elementos subversivos; ademais, insisten no carácter benfeitor vinculado á axuda económica que se destina ás reformas sociais e institucionais. Non obstante , os organizacións non gobernamentais que traballan en Colombia atopan numerosas eivas a este Plan, tanto porque a maioría do orzamento está destinada á compra de equipo militar coma pola represión militar desatada que provocou numerosas masacres entre a poboación civil e o desprazamento forzado de milleiros de campesiños. Neste sentido, os numerosos detractores do Plan non dubidan en falar de ‘vietnamización’ de Colombia. Co obxecto de apoiar a xestión de Pastrana, o presidente dos EE UU Bill Clinton visitou o país en agosto do 2000 no marco do Cumio Iberoamericano celebrado en Cartagena de Indias. As negociacións coas FARC, que se suspenderon o 25 de xaneiro do 2000 ante a falta de actuacións por parte do goberno contra os paramilitares, reanudáronse o 2 de maio, despois de que en abril se destituísen varios xenerais sospeitosos de colaborar cos paramilitares; nesta reunión, Marulanda e Pastrana definiron unha axenda de negociacións con doce puntos que ían dende as reformas económicas e sociais á reestruturación do exército, pasando pola loita contra o tráfico de droga e a política internacional. Nun informe da Comisión de Dereitos Humanos da ONU, publicado en abril do 2000, acusábase o exército colombiano de complicidade cos grupos paramilitares e de violar os máis básicos dereitos humanos.