colonato
(< colono)
Institución aparecida no Imperio Romano durante a crise económica do s III d C, pola que un campesiño quedaba adscrito a perpetuidade ao terreo que cultivaba. A depresión da economía romana converteu a terra na única fonte de riqueza, e a man de obra permanente para explotala era un ben preciado. Esta situación fixo que o estado procurase vincular, dun xeito permanente, o campesiño arrendatario á terra, a fin de recadar o imposto territorial (exactio) e cobrar a capitación persoal (capitatio). Baixo o sistema do colonato, o campesiño continúa a ser un home libre, pero non podía abandonar a terra, desenvolver funcións públicas e o seu estado era perpetuo e hereditario. As vías de entrada no colonato eran diversas, podía accederse polo nacemento, por convenio, como castigo xudicial, ou por prescrición durante trinta anos. O recoñecemento legal do colonato chegou polo imposto territorial de Diocleciano.