Colonia
Familia de arquitectos e escultores de orixe alemá asentados en Burgos durante os ss XV e XVI. Juan de Colonia (Colonia?-Burgos? 1481), introduciu o estilo flamengo na escola castelá ao chegar a Burgos cara ao 1440. Realizou na catedral de Burgos a lanterna e as agullas das torres, o sepulcro do arcebispo don Alonso de Cartagena na capela da Visitación e iniciou as obras da capela de Santa Ana. No ano 1454 comezou a construción da cartuxa de Miraflores que continuou o seu fillo Simón. Simón de Colonia (Burgos? 1450? - 1551?), arquitecto e escultor representante do chamado estilo isabelino, sucedeu o seu pai como mestre de obras da catedal burgalesa. Realizou un dos últimos exemplos de capelas funerarias góticas, a capela do Condestable (1484) rematada cunha bóveda estrelada. Tamén traballou na igrexa de San Juan de los Reyes, na catedral de Sevilla e na portada da igrexa de San Pablo de Valladolid. O seu fillo Francisco de Colonia (1470?-1542) mesturou na súa obra os elementos góticos e os renacentistas. Realizou na catedral de Burgos a portada da sancristía da capela do Condestable (1512-1517) e a fachada de Pellejería (1516-1532), onde nunha composición amodo de retablo gótico introduciu elementos decorativos propios do repertorio renacentista de importación italiana.