Colonia Gallega, La
Xornal que apareceu en Bos Aires en maio de 1914 co subtitulo “Periódico de la tarde: Órgano de la Colectividad y Sociedades de su nombre en la República Argentina”. Nova Galicia foi a sociedade editora desta publicación fundada e dirixida por Fortunato Cruces. O grupo de colaboradores estaba integrado por escritores como Basilio Álvarez, P. Ruiz, Adolfo León Gómez, J. J. Lloret, A. Fernández Tafall, Manoel o Coxo, e Chuco de Canedo. Cunha redacción bilingüe, o contido mesturaba a información de actualidade coas novas do colectivo de emigrantes. Insería diversas seccións, como “Notas de Interés”, na que daban direccións para os novos emigrantes, ou “No Turreiro”, totalmente en galego. A publicidade era abundante e de produtos variados. A ilustración constaba de fotografías que evocaban Galicia, e de retratos dos personaxes sobre os que falaban nos artigos.