Chan

Chan

Publicación bisemanal subtitulada “La Revista de los gallegos”, que se editou (1969-1970) en Madrid. Raimundo García Domínguez Borobó foi o seu director e fundador e Jesús Tobío, subdirector. Acollía traballos de colaboradores como Manuel Blanco Tobío, Máximo Sar, Ben-Cho-Shey, Fernando Mon, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Carlos García Bayón, A. Tomé, Lavandeira ou Siro López; os tres últimos deseñaban o humor gráfico. Nesta publicación confluíron varias xeracións de escritores, tanto da preguerra e do exilio, como autores novos. Contaba coas seccións: “Anacos”, “Folloteca”, “Pensando en gallego”, “Economía” e “Actualidad”. A revista daba a coñecer a realidade e a actualidade de Galicia, centrada na economía das “Páxinas económicas, Galicia como empresa” e na política, nacional ou internacional, en “Atlas en el Toral”. No eido cultural acollía traballos sobre música, historia e literatura, nos apartados “Poetas do Chan”, “Biblioteca Gallega” e “Anaquelerías”, e a sección de crítica de libros de Concha Castroviejo. Tamén incluía entrevistas coa sinatura de Perfecto Conde Muruais. Estaba ilustrada con fotografías, debuxos e viñetas. Comezou a segunda etapa en febreiro de 1971 co subtítulo de “La revista de Galicia”, e cesou en xullo do mesmo ano. Nela apareceron novos colaboradores como Fernando Ónega, Constantino Cabanas, Carballo Calero, Alonso Montero, Ánxel Fole, Quesada e X. Marín. Tratou as mesmas materias que na etapa anterior nas seccións de “Poesía”, “Prosa”, “Teatro”, “Didáctica”, “Estudios encol do idioma”, “Arqueología” ou “Entrevistas”, pero tamén gañou en diversidade ao incluír outros temas no apartado “Chan de la mujer”.