Chiapas

Chiapas

Estado federal de México, no SL do país (74.211 km2; 3.584.786 h [1995]). A capital é Tuxtla Gutiérrez (289.626 h [1990]). Ocupa gran parte do istmo de Tehuantepec. Na súa orografía destacan o volcán de Tacaná (4.100 m) e a Sierra Sur de Chiapas. Está drenado polos ríos Grijalva e Suchiapa. A economía é agrícola; o 61% da superficie dedícase ao cultivo do millo. Outros cultivos importantes son o café, o plátano e a cana de azucre. Un dos problemas para o desenvolvemento económico da zona é o atraso da súa rede de comunicacións. Só dispón de 14 km de estradas, dos que 3 están asfaltados. Chiapas posúe o índice de crecemento máis elevado do país, cun 4,5% anual. O 42% da poboación é menor de 15 anos e o grao de analfabetismo é do 30%.
Historia
Durante o período preclásico (2500 a C-300 d C) establecéronse neste territorio varios grupos procedentes do altiplano de Guatemala, ao redor dos ríos Usumacinta e La Pasión. A influencia olmeca deixouse sentir na segunda metade do período e estendeuse dende a costa do Pacífico ata Kaminaljuyú (Guatemala), e orixinou a denominada cultura izapa. No período clásico (300-900 d C) destacaron os grandes centros de Palenque, Bonampak, Santa Elena e Chiapa de Corzo. Posteriormente, os chiapanecos foron dominados polos toltecas, os aztecas e polos españois, despois da expedición de P. de Alvarado, en 1526. A provincia de Chiapas constituíuse como unha dependencia da Audiencia de México (1528-1543) e pasou despois á Capitanía xeneral de Guatemala. Durante o proceso de liberación de España, Chiapas proclamou a súa independencia e adoptou o plan de Igualada (28.8.1821); incorporouse a México polo referendo de 1824. A situación do estado de Chiapas caracterizouse, dende os tempos da colonia, pola desigualdade no reparto da riqueza e da terra e perpetuouse na República cunha organización sociopolítica apoiada nas vellas estruturas dependentes do latifundio. O conflito agrario, resolto en aparencia coa política de Cárdenas (1939), que impuxo controis aos intereses dos terratenentes, reapareceu durante a sublevación trinitaria (1955), cando os terratenentes apoiados por funcionarios corruptos e caciques empregaron o exército nacional para eliminar os grupos de solicitantes de terras. Os vellos impulsos agrarios e laborais do cardenismo permaneceron na base da acción indixenista e rexurdiu durante o proceso de acumulación das propiedades, a finais de 1960. En 1974 producíronse en Chiapas novos movementos de protesta que foron soterrados e someteron as poboacións a incendios e desaloxos. Durante 20 anos a guerra foi interpretada como un “preito” entre comunidades e ejidos que xurdían de xeito cotián. A protesta iniciouse cando o Ejército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN), dirixido por unha pequena cúpula militar encabezada polo subcomandante Marcos, tivo os primeiros encontros co exército federal en Corralchen, en maio de 1993. Pero a data “oficial” do inicio da revolta foi o 1 de xaneiro de 1994, coincidindo coa incorporación de México ao Tratado de Libre Comercio Norteamericano. Dende o primeiro momento contou co apoio dos campesiños indíxenas pertencentes aos grupos tzotzil, tzeltal, tojolabal, chol e lacandón. Entre as causas desta sublevación pódense apuntar: a marxinación dos grupos indíxenas chapanecos, a forte presenza do racismo como elemento do ámbito cultural dos grupos sociais dominantes, unido ao agravio e á vexación das comunidades indíxenas con respecto ao seu pasado histórico, a súa resistencia secular contra os caxtlanes (brancos e mestizos) e a necesidade de tomar unha iniciativa que os situase de novo na historia contemporánea. Ademais de innumerables agravios, económicos e políticos, contra outros sectores da poboación mexicana, que constitúen a maioría do país. Os enfrontamentos entre o EZLN e as forzas do exército mexicano producíronse nas principais cidades do estado, no cuartel militar de Rancho Nuevo e en Ocosingo. O aumento da violencia levou ao goberno a decretar o alto o fogo (12.1.1994) e designou a Manuel Camacho Solís como comisionado gobernamental para a paz en Chiapas (10.1.1994). O comisionado negociou unha saída pacífica ao conflito coa intermediación do bispo Samuel Ruiz a cambio dun conxunto de concesións nas que se incluía a supresión do candidato do PRI ao goberno do Estado. O conflito quedou sen solución ata que as delegacións do EZLN e o goberno federal, na persoa de Camacho Solís, asinaron os Acuerdos sobre Derechos y Cultura Indígena (16.2.1996). Coñecidos tamén como Acuerdos de San Andrés (ASA), resumen os eixos para a construción dunha nova relación entre o estado mexicano e os 56 pobos indios. A base do acordo é o recoñecemento constitucional dos pobos indios, como un suxeito xurídico colectivo, con autonomía para gobernarse polos seus sistemas normativos, exercer as súas formas de representación popular, administrar os recursos naturais do seu territorio en coordinación co Estado e definir os temas e as formas do ensino para os seus pobos. En setembro de 1997, o EZLN anunciou a creación da Frente Zapatista de Liberación Nacional (FZLN) como brazo político do zapatismo, despois dunha parálise nos acordos asinados co goberno de Ernesto Zedillo. O asasinato dun grupo de indíxenas tzotziles da localidade chiapaneca de Acteal (22.12.1997) por un comando paramilitar provocou numerosas protestas contra o goberno, incluída a da Igrexa católica. O presidente Zedillo destituíu o secretario do ministerio de Gobernación Emilio Chuayffet, acusado de instigador da masacre e o gobernador de Chiapas, Ruiz Ferro, dimitiu. Ao mesmo tempo, despregou novos efectivos do exército na selva Lacandona, nun intento de destruír o cuartel xeral dos zapatistas. O 13 de marzo o presidente Zedillo ofreceu unha autonomía limitada en materia de dereitos e cultura, que foi contestada dende Chiapas. O bispo Samuel Ruiz dimitiu da presidencia da Comisión Nacional de Intermediación (7.6.1998), como protesta pola presión do goberno no seu labor conciliador, que, unida aos enfrontamentos do exército cun grupo do EZLN en San Juan de la Liberdade a mediados do mes, supuxo un retroceso na situación. Despois das eleccións de xullo o subcomandante Marcos declarouse disposto ao dialogo co goberno (4.9.1998), pero resultou estéril. No mes de xullo producíronse novos enfrontamentos entre o EZLN e a policía, e numerosos organismos non gobernamentais defensores dos dereitos humanos pedíronlle ao executivo que modificase a súa política con Chiapas e asumise os pactos asinados. Os conflitos intercomunitarios aumentaron e a violencia dos paramilitares e a militarización nas rexións indias abriron o camiño a novas masacres e ás expulsións dos campesiños. En abril de 1999 un grupo numeroso de campesiños indíxenas recuperou de xeito pacífico o edificio do concello de San Andrés Larraínzar, en Chiapas. As ofertas de amnistía do goberno a cambio da entrega das armas e o recoñecemento dos dereitos dos indíxenas -aínda que negando a autonomía- non foron aceptadas. O conflito entrou nunha fase latente e as negociacións de paz non progresaban e que se limitaban á discusión sobre a concesión dunha maior autonomía para as comunidades autóctonas. Durante o proceso electoral, que comezou coas primarias no seo dos partidos e finalizou coa elección do candidato da Alianza por el Cambio Vicente Fox como presidente, o EZLN aproximou posturas e desbloqueou o diálogo co devandito presidente. Como resposta á oferta enviada por Vicente Fox despois do retiro dos campamentos militares de Guadalupe Tepeyac, La Garrucha e Río Euseba, o EZLN defendeu a Iniciativa de Reformas Constitucionales de la Cocopa (Comisión Parlamentaria de Concordia e Pacificación) e o 28 de abril de 2001 anunciou que non avanzaría sobre as posicións desocupadas polo exército.