Club Deportivo Lugo
Club de fútbol fundado en xuño de 1953. Colleu o relevo do Club Deportivo Polvorín, disolto por motivos económicos, polo que lle permitiu participar inicialmente na competición nacional de Liga na Terceira División (tempada 1953-1954). Viste camiseta con raias verticais vermellas e brancas e pantalón azul. Xoga os seus partidos como local no Novo Estadio Anxo Carro, inaugurado o 31 de agosto de 1974 (ata esa data xogaba no vello Anxo Carro). En 1978 ascendeu á Segunda División “B”, categoría que perdeu ao remate da campaña seguinte (1978-1979). O seu segundo ascenso á 2ª “B” acadouno en 1986. Na tempada 1991-1992 obtivo o seu maior éxito na Liga, ao acceder por primeira vez na súa historia á categoría de prata do fútbol español, a Segunda División “A”, na que xa militara antes a Gimnástica Lucense, outro dos precedentes do club (participou en Segunda durante tres tempadas). A experiencia resultou negativa e só puido participar nunha campaña nesa categoría, a 1992-1993, que rematou co descenso a Segunda “B”. Outro dos logros destacados do Club Deportivo Lugo foi o subcampionato da Copa Federación Española, que acadou na temporada 1998-1999, disputando a final co equipo filial do Real Racing Club de Santander.