Club Deportivo Ourense, SAD
Club de fútbol fundado en Ourense o 10 de setembro de 1952. Xoga os seus partidos como local no campo do Couto e viste camiseta vermella e pantalón azul. Principiou a súa andaina na categoría rexional na tempada 1952-1953, ano no que acadou o ascenso á Terceira División do fútbol español. En 1959 superou na promoción o Getxo e ascendou á Segunda División. Na tempada seguinte clasificouse no 3º posto da liga, a piques de lograr o acceso á máxima categoría. Nas campañas sucesivas repetiu os bos resultados. Non obstante , ao remate da tempada 1964-1965 descendeu a Terceira División. Recuperou a categoría de prata á conclusión do exercicio de 1968-1969, pero o seu retorno pechouse cun novo descenso na temporada seguinte. O terceiro ascenso gañouno na tempada 1972-1973; desta volta mantívose dúas campañas en Segunda División. Houbo que agardar ata a conclusión do campionato de 1993-1994 para acadar outro ascenso, que lle permitiu disputar a liga de Segunda División na tempada 1994-1995. Malia que descendeu, só tardou un ano en recuperar a categoría; así, en 1996 iniciaba outra etapa en Segunda División, na que permaneceu durante as campañas 1996-1997, 1997-1998 e 1998-1999. No verán de 1997 o club converteuse en sociedade anónima deportiva; na tempada 1997-1998 foi líder da clasificación de Segunda División por primeira vez na súa historia, e mantivo esa condición durante varias xornadas.