Club Fútbol Lemos

Club Fútbol Lemos

Club fundado en Monforte de Lemos en abril de 1923 a partir da fusión do Club Atlético e do Monforte Club de Fútbol. Viste uniforme completamente branco e foi no campo da estrada de Ourense onde disputou os seus partidos como local nos primeiros anos. Despois pasou ao campo de San Lázaro, que recibiu o nome de Luís Bodegas en homenaxe a un malogrado xogador monfortino. Dende a tempada 1999-2000 o Lemos xoga no estadio da Pinguela. Logo dunha brillante traxectoria, ao remate da tempada 1935-1936 acadou o ascenso á Segunda División da liga española, na que non puido participar ao seren suspendidas as competicións por mor da Guerra Civil (1936-1939). Rematada a guerra, o Lemos viuse na obriga de renunciar á súa praza na categoría por mor das precarias condicións económicas e deportivas nas que quedara, carente de xogadores e de instalacións axeitadas para afrontar o campionato. En 1943 reincorporouse ás competicións oficiais. En 1964 proclamouse Campión da Copa Galicia.