Clunia
Grupo de jazz fundado entre os anos 1981 e 1982 polo pianista Nani García, o batería Fernando Llorca e o contrabaixista Baldo Martínez, que por esta época se reunían a tocar no mítico club de jazz coruñes Filloa Jazz. En 1982 gravaron o seu primeiro disco (Clunia Jazz) e incorporouse á formación o saxofonista Antonio Cal. En 1984 gravaron Afueras Periódicas, en colaboración con Jorge Pardo, e incorporouse un novo saxo, Javier Escaned. Un ano máis tarde gravaron un disco para RNE coa colaboración de Maria João. Dentro da súa discografía destacan, ademais, Rúa Cega (1986), co saxofonista Miguel Ogando, e Carpe Diem (1995), co saxofonista Tom Gullion. En 1983, no XVIII Festival Internacional de Donostia, obtiveron o segundo premio ao mellor grupo e o primeiro en composición, na figura do seu pianista Nani García. O concello da Coruña nomeounos en 1986 Coruñeses do Ano e o programa Jazz entre amigos premiou o seu labor dese ano.