Comas i Camps, Joan

Comas i Camps, Joan

Pedagogo e antropólogo físico e indixenista. Foi inspector de primeiro ensino de Lugo (1928-1932) e entre 1928 e 1930 trasladouse a Xenebra para ampliar estudios na Escola Universitaria de Ciencias da Educación (antes Instituto J. J. Rousseau). Alí asistiu a cursos e realizou traballos de pedagoxía e psicoloxía experimental, didáctica pedagóxica, organización escolar, etc, baixo a dirección de, entre outros, Bovet, Piaget, Claparède, Dottrens, Dubois e M. Pitard. Produto destas experiencias foi o amplo labor desenvolvido no campo do primeiro ensino durante a Segunda República. Ao longo da súa estadía en Lugo e Xenebra colaborou en Vida Escolar, onde publicou varios artigos nos que recollía as súas investigacións sobre escolas novas, a reforma escolar austríaca, a educación para a paz, as granxas escolares e outros temas. En 1938 exerceu como secretario xeral do ministerio de Instrución da República. Trala Guerra Civil española exiliouse a México, onde se especializou en antropoloxía e etnografía. Foi catedrático de Antropoloxía Física Xeral na Escuela Nacional de Antropología de México (1941-1959), un dos fundadores da Escuela Nacional de Antropología e Historia, e un dos promotores da antropoloxía universitaria en México; así, grazas á súa xestión, en 1963 fundouse a sección de investigacións antropolóxicas na Universidad Nacional Autónoma de México. Os seus traballos centráronse na antropoloxía física mexicana e na divulgación do saber antropolóxico; neste sentido, destacou pola súa postura en contra do racismo e na defensa da unidade e igualdade do xénero humano. Así mesmo, as súas investigacións melloraron o coñecemento das culturas e das etnias indíxenas de América. Dirixiu o Boletín Bibliográfico de Antropología Americana (1945-1952). Entre as súas obras cómpre destacar Cantinas y colonias escolares (1935), Las razas humanas (1946), Origen y evolución del hombre (1952), Razón de ser del movimiento indigenista (1953), Manual de antropología física (1957), La educación ante la discriminación racial (1958), Paleoantropología y evolución (1959), La antropología física en México, 1943-1959 (1960), Unidad y variedad de la especie humana (1967), Introdución a la prehistoria general (1971), Razas y racismo (1971) e Unidad y variedad de la especie humana (1977). En 1978 recibiu o Premio Malinowski e o título de doutor honoris causa pola Universidad Complutense de Madrid.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Alaior, Menorca

  • Deceso

    Lugar : Ciudad de México