Combarro
Parroquia do concello de Poio baixo a advocación de san Roque. Situada na beira setentrional da ría de Pontevedra, o seu porto pesqueiro acolle unha pequena flota artesanal dedicada á pesca de baixura; sen embargo, a súa actividade máis destacada é a descarga do mexillón cultivado nos polígonos do seu litoral. No 1105 foi doada pola raíña dona Urraca e o conde don Reimundo ao mosteiro de Poio e foi señorío beneditino ata o s XIX. Durante a Idade Media constituíu, xunto a San Xoán de Poio, o couto de Poio, que contou con organización concelleira e con administrador de xustiza. O bo estado de conservación do núcleo histórico da vila de Combarro, que constitúe un dos exemplos máis destacados da arquitectura popular mariñeira tradicional, convérteno, ademais de ser unha ilustración frecuente de moitas publicacións sobre Galicia, nun dos lugares máis visitados das Rías Baixas, favorecido pola proximidade dos grandes centros turísticos da comarca do Salnés (Sanxenxo, O Grove e Cambados). Declarado Ben de Interese Cultural en 1972, destaca por ter as construcións axeitadas ás necesidades dos seus habitantes: mariñeiros e labregos. As casas, situadas á beira do mar, están feitas en pedra e teñen a aparencia de pequenos pazos con solaina de balaústres nas fachadas e con dous andares, dedicado ao inferior a alboio, cortes e adega onde gardar os útiles de labranza e os aparellos da pesca. Os hórreos, situados á beira do mar e en moitas ocasións a menos dun metro de distancia, reciben o nome de palleiras por ser a palla o material tradicional das súas cubertas. Consérvanse máis de 30 exemplares realizados en granito, ladrillo ou madeira. Nas encrucilladas das rúas e nas prazas consérvanse cruceiros construídos durante o s XVIII e primeiros anos do s XIX. Algúns deles presentan unha mesa-altar que se engalana para a procesión do Corpus Christi. Entre os conservados destacan o situado no adro da igrexa parroquial, coa imaxe de san Roque acompañado dun can, e os que no seu reverso presentan a imaxe da virxe do Socorro que pisa e castiga o demo. Preto da vila, en Esperón, acháronse gravados rupestres que foron declarados Ben de Interese Cultural en 1975.
Datos de poboación (2007)
| Concello | Poio |
|---|---|
| Poboación Total | 1767 h |
| Poboación Homes | 891 h |
| Poboación Mulleres | 876 h |