Poio
Concello da comarca de Pontevedra, situado no SO da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-O da provincia de Pontevedra. A súa posición xeográfica é 42° 26’ 40” latitude N e 8° 41’ 00” lonxitude O. Limita ao N co concello de Meis (comarca do Salnés), ao L co de Pontevedra (comarca de Pontevedra), ao O co de Meaño e Sanxenxo (os dous da comarca do Salnés) e ao S coa ría de Pontevedra. Abrangue unha superficie de 33,9 km 2 , en que acolle unha poboación de 15.456 h (2007), distribuída entre as parroquias de Combarro, Poio (San Salvador), Poio (San Xoán), Raxó e Samieira. A capital está no lugar do Convento, na parroquia de Poio (San Xoán), localizada a 63 km de Santiago de Compostela e a 4 km de Pontevedra. Está adscrito á arquiarquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Pontevedra.
Xeografía física
Os principais elementos do relevo de Poio son a liña de costa da ría de Pontevedra e o macizo de Castrove, que forman un relevo en costa con fortes pendentes. O macizo de Castrove é un bloque granítico, de entre 500 e 600 m de altitude, que forma unha aliñación lonxitudinal de dirección NL-SO que delimita a ría de Pontevedra polo N, separándoa do Salnés e da ría de Arousa. A franxa litoral é, en consecuencia, estreita e accidentada e só acada certa entidade no SL, onde aproveita un pequeno entrante da parroquia de Poio (San Salvador). O concello sitúase nun espazo de dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, propio do litoral pontevedrés. Localizado nun territorio costeiro, os rexistros térmicos vense influenciados pola acción do océano, polo que as temperaturas son suaves todo o ano e as precipacións abondosas debido á configuración do relevo. A temperatura media anual é de 14,2°C; a media de xaneiro é de 9,3°C, a de xullo de 19,4°C e a amplitude térmica extrema chega aos 19,5°C. A precipitación media anual é de 1.800 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival, xa que o 37% das precipitacións se recollen en inverno, fronte ao 8% do verán, mentres que a primavera co 26% e o outono co 30% constitúen estacións de transición. A rede hidrográfica está composta basicamente por regos de curto percorrido como o Mouro, Cancela, Covelo ou Muíños, que baixan desde as abas do Castrove con forte pendente pola proximidade entre o nacemento e a desembocadura. As formas vexetais clímax víronse moi afectadas pola acción antrópica, xa que foron substituídas por grandes extensións de eucaliptos ou ben degradadas ata converterse en espazos de mato ou rocha núa.
Xeografía humana
A evolución da poboación de Poio é positiva, en especial desde 1960, o que deu como resultado que a poboación de comezos do s XXI sexa case o triplo da de 1900. Ata 1960 viviu un crecemento pausado, aínda que non faltaron momentos en que este se acelerou (entre 1910 e 1920 creceu un 1,55% interanual, e entre 1930 e 1940 chegou ao 1,80% interanual), cambiando a tendencia global de crecemento suave (0,73% entre 1900 e 1910, 0,36% entre 1940 e 1960) ou incluso de leves perdas de poboación (-0,50% entre 1920 e 1930). A partir de 1960 converteuse nun dos concellos con máis forte crecemento das Rías Baixas, en especial entre 1960 e 1981 cando incrementou a súa poboación un 2,72% anual, aínda que pasou a ser máis lento nas últimas décadas do século (entre 1981 e 2001 creceu un 1,17% interanual). Entre 2001 e 2007 o aumento foi do 8,3%. As causas desta dinámica tan positiva están na súa localización na Galicia costeira, no crecemento turístico da marxe N da ría de Pontevedra e na proximidade da cidade de Pontevedra, polo que o seu extremo SL se converteu nunha auténtica prolongación do núcleo urbano capitalino. En 2006 o crecemento natural foi positivo (3,7‰) cunha natalidade do 10,8‰, superior á mortalidade (7,1‰)- A súa poboación é aínda nova, xa que os menores de 20 anos representan o 19,2% fronte ao 15,2% dos maiores de 65anos; o grupo intermedio representa o 65,6%. A distribución da poboación por sexos inclínase a prol das mulleres (50,84% fronte ao 49,15% de homes).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Poio é de 56,9% (67,8% a masculina e 46,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 51% (61,9% a masculina e 40,7% a feminina) ea taxa de paro sitúase no 10,3% (8,7% a masculina e 12,6% a feminina). A agricultura ten unha importancia relativa, xa que tan só ocupa o 1,2% da man de obra, agás a que se realiza a tempo parcial. A superficie cultivada esténdese polo 26,11% do territorio e os cultivos máis importantes son o millo, a vide e a pataca. A superficie destinada a prados e pastos é escasa (1,89% do territorio) e as poucas vacas que existen están destinadas á produción de leite (114 cabezas, 2007), mentres que o gando porcino está orientado á reprodución (130 cabezas reprodutoras, 2005). A pesca dá traballo ao 15,1% da man de obra, especialmente no marisqueo e na pesca de baixura con base nos portos de Campelo, Combarro e Raxó. A industria emprega o 12,4% da man de obra e destacan os sectores conserveiro, téxtil e de artes gráficas. A construción representa o 14,7% da poboación ocupada e aproveita unha intensa actividade inmobiliaria residencial vinculada á demanda turística. O principal sector económico son os servizos (56,7%). Neste sector teñen unha forte incidencia as actividades turísticas, que se engaden aos equipamentos xerados pola demanda dos residentes no concello. Dada a proximidade á cidade de Pontevedra instaláronse no concello complexos comerciais e colexios e sanatorios privados. A principal vía de comunicación é a estrada PO-550, que une Pontevedra co Grove.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados no concello datan de época megalítica. Destacan os gravados rupestres de Montecelo (Poio) e os de Samieira, declarados BIC en 1975. A historia do concello destacou sobre todo a partir da Idade Media, cando quedou vinculada á do mosteiro de San Xoán de Poio. Durante o Antigo Réxime o seu territorio estivo repartido entre as xurisdicións de Combarro e A Lanzada, señorío ambas as dúas do arcebispo de Santiago e incluídas na provincia de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do actual concello dentro do partido xudicial de Cambados. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 e creouse o concello de Poio, pertencente ao partido xudicial de Pontevedra. En 1867 engadíuselle a parroquia de Combarro e desde entón non houbo variacións.
Patrimonio cultural
Declarado concello de Interese Turístico, a súa riqueza arquitectónica destaca pola arquitectura relixiosa, que ten no mosteiro de San Xoán de Poio a súa mostra máis interesante (BIC, 1971). A arquitectura popular está representada por abundantes cruceiros e hórreos, especialmente na vila de Combarro, conxunto declarado BIC en 1972. Das festas que se celebran no concello destacan a romaría da Saleta en agosto, na parroquia de Raxó, a romaría da Renda en setembro, en Combarro, e diversas festas gastronómicas como a festa dos Magostos, a dos Maios, a do Carneiro e a da Ameixa, ademais da celebración de San Xoán.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Pontevedra |
| Extensión | 33 Km2 |
| Poboación Total | 15456 h |
| Poboación Homes | 7598 h |
| Poboación Mulleres | 7858 h |
| Densidade de poboación | 468.36 h/Km2 |