comedia

comedia

(< lat comoedĭa < grκωμωδία, deκωμωσός ‘comediante’)

  1. [LIT/ESPECT]
    1. s f

      Xénero dramático fundamental da preceptiva clásica caracterizado polo desenlace feliz e pola súa intención, xeralmente crítica, moralizadora ou satírica. Defínese, en termos xerais, polo desequilibrio dunha situación de estabilidade, que progresa cara a un novo equilibrio, concibido de forma optimista, a través de enredos, equívocos, trucos e enganos que introduce o autor para divertir o público. Esixe unha actitude de distanciamento con respecto á acción para facer efectiva a crítica humorística das debilidades humanas que a caracteriza. Xurdiu en Atenas no s V a C, a partir dos desfiles e cantos rituais celebrados anualmente en honor do deus Dionisos. Aristóteles concibiu na súa Poética a primeira definición do xénero, por oposición á traxedia, como “unha imitación dramática de homes inferiores”. Seguindo a súa teoría, tradicionalmente se lle atribúen tres trazos: personaxes vulgares, sen grandes virtudes, que se expresan nun estilo humilde ou baixo; desenlace feliz e recursos destinados a provocar a risa do espectador. Considérase que o seu creador foi Aristófanes, quen a organizou en prólogo, entrada do coro (parodos), intervencións do coro (agón), apelación ao público (parábase), diálogos dos personaxes (episodios) e desfile final (éxodo). Así mesmo, empregou parodias da linguaxe e caricaturización de certos personaxes, prototipos de defectos físicos e morais, para conseguir efectos cómicos. Nos ss IV-III a C, a fórmula de Aristófanes, chamada comedia ática ou antiga, substituíuse pola comedia nova ou helenística, que ten por principal cultivador a Menandro. Denominábase tamén fábula palliata, porque os actores vestían o palio ou túnica grega. Os seus representantes máis sinalados foron Plauto e Terencio (ss III-II a C). Fronte a ela está a comedia togata (modalidade na que destacou Titino), que recibía o seu nome da toga romana dos actores e trataba asuntos autóctonos. Na Idade Media, a grande influencia da Divina Commedia de Dante Alighieri supuxo que o vocábulo se aplicase ás narracións poéticas de carácter alegórico e se preferisen os termos de farsa ou égloga para as obras teatrais. A comedia baseada nos modelos clásicos tivo unha época de esplendor durante o Renacemento; as comedias de Plauto e Terencio servíronlle de modelo á chamada comedia humanística, escrita en latín. A comedia renacentista francesa iniciouse con Eugène (1533), de Étienne Jodelle e continuou, entre outros, con Jean-Antoine de Baïf e Pierre de Larivey. En Inglaterra, os clásicos latinos foron imitados por Nicholas Udall; en Alemaña, a temática clásica foi recollida por Hans Sachs; en Inglaterra, o poeta John Lyly creou, entre 1583 e 1602, diversas comedias clásicas e William Shakespeare representou a síntese de elementos novelescos e dramáticos anteriores. En España, destacaron nesta época, entre outros, Lope de Vega, Juan Ruiz de Alarcón, Tirso de Molina, Pedro Calderón de la Barca, Francisco de Rojas Zorrilla e Agustín Moreto. En Francia, Molière, iniciador da comedia moderna, cultivou a comedia de caracteres e de intriga, a comedia-ballet e a farsa; no s XVIII seguírono Alain René Lesage, Philippe Néricault Destouches e Alexis Piron. En Italia volveuse á comedia escrita con Carlo Goldoni e Carlo Gozzi. O inglés William Congreve mesturou a comedia de costumes coa sentimental. Oliver Goldsmith, Richard B. B. Sheridan e John Gay representaron, respectivamente, a comedia sentimental, a de costumes e a parodia satírico-política. A Ilustración tivo a figura de Gotthold Ephraim Lessing, creador da comedia nacional alemana. En España, o teatro recibiu a influencia do neoclasicismo francés nas comedias de Leandro Fernández de Moratín. No s XVIII, o xénero diversificouse coa creación de múltiples variedades, como a comedia burguesa, a comedia sentimental ou a comedia lacrimóxena. Durante os ss XIX e XX proseguiu a diversificación e a subseguinte disolución do esquema clásico. A comedia alemá enriqueceuse con Heinrich von Kleist, Georg Büchner e os austríacos Ferdinand Raimund, Franz Grillparzer, Johann Nestroy e Ludwig Anzengruber. Continuaron Frank Wedekind, Carl Dternheim, Ödön von Horváth e Bertolt Brecht. En Francia, Alfred de Musset creou un tipo de comedia romántica. A tradición de comedia burguesa comezou con Eugène Scribe e continuou con Vic22torien Sardou, Eugène Labiche e Ernest Feydeau, cultivadores do vaudeville. Entre os comediógrafos franceses posteriores destacan Georges Courteline, Sacha Guitry, Marcel Pagnol, Jules Romains, Jean Giraudoux e Eugène Ionesco. Inglaterra tivo sempre unha alta comedia convencional (Henry Arthur Jones, Arthur Wing Pinero). Destacaron Oscar Wilde e George Bernard Shaw. En España a comedia do s XIX tivo tres autores importantes: Ventura de la Vega, Adelardo López de Ayala e Manuel Tamayo e Baus, que cultivaron a alta comedia moralizadora. A obra de Jacinto Benavente significou a decadencia do naturalismo. Carlos Arniches situouse dentro dunha corrente popular, mentres Enrique Jardiel Poncela intentou un humor verbal con situacións grotescas. Alejandro Casona cultivou a comedia sentimental e de evasión, e Alfonso Paso aplicou estas derivacións tardías da pièce bien faite. En Italia destacou a renovación de Luigi Pirandello. Por último, en Rusia, desde finais do s XVII, impúxose a comedia satírica que, iniciada con Aleksandr Gribojedov, culminou con Nikolaj Gogol (Revizor, 1836). A comedia foi un dos xéneros máis cultivados da literatura dramática galega, na que destacan obras como A man de Santiña, de Ramón Cabanillas; A fiestra valdeira, de Rafael Dieste; Os vellos non deben de namorarse, de Daniel R. Castelao; e A farsa das zocas, de Ricardo Carballo Calero. No ámbito teatral tamén hai que destacar espectáculos como Celtas sen filtro, de Artello; Commedia, de Ollomoltranvía; Oé, oé, oé, de Teatro do Aquí; Fábula, de Áncora Producións; Para ser exactos, de Mofa e Befa; e Annus Horribilis, de Chévere.

    2. alta comedia

      Comedia, xeralmente de tema amoroso, protagonizada por xentes de clases acomodadas que recorre ás sutilezas da linguaxe, alusións, agudezas ou xogos de palabras.

    3. baixa comedia

      Comedia que utiliza recursos da farsa e do cómico.

    4. comedia antiga

      Comedia que se representaba en Atenas no s V a C, xurdida de ritos festivos e caracterizada pola sátira da vida política e social e pola presenza de coros burlescos.

    5. comedia ballet

      Comedia concibida por Molière e Lully na que o ballet alterna co texto dialogado, formando parte da acción ou como intermedio autónomo entre as escenas e os actos.

    6. comedia burguesa

      Modalidade de comedia orixinaria do s XVIII na que os temas e personaxes pertencen á clase burguesa.

    7. comedia burlesca

      Tipo de comedia aparecido no s XVII, de carácter literario ou histórico, que se representaba durante o Entroido e na que se parodiaban temas e personaxes coñecidos polo público.

    8. comedia de capa e espada

      Modalidade da comedia barroca española. O seu nome deriva da indumentaria dos personaxes, que se reduce á capa e á espada propias dun cabaleiro. O móbil da acción adoita ser un duelo, os celos ou os distintos aspectos dun galanteo. Calderón foi o seu principal cultivador.

    9. comedia de caracteres

      Comedia que se caracteriza polo predominio da análise psicolóxica dos personaxes sobre a intriga. Os protagonistas adoitan ser estereotipos que representan unha determinada peculiaridade do ser humano ou certas actitudes sociais.

    10. comedia de costumes

      Comedia que describe as formas de vida dun ou varios estratos sociais nunha época concreta.

    11. comedia de fantasía

      Comedia que sitúa a acción en espacios afastados ou exóticos e nunha época imprecisa.

    12. comedia de intriga/de enredo

      Comedia que lle dá máis importancia ao enxeño da acción escénica ca aos caracteres.

    13. comedia de maxia

      Comedia que xoga con efectos escenográficos coa intención de sorprender o espectador. Moi popular no Barroco, baséase en efectos máxicos e espectaculares producidos pola intervención de poderes sobrenaturais (fadas, demos, anxos, seres mitolóxicos, etc). O principal é a captación do público mediante os artificios da tremoia.

    14. comedia elexíaca

      Comedia que, durante o s XII, estaba escrita en dísticos elexíacos latinos.

    15. comedia heroica

      Modalidade intermedia entre a traxedia e a comedia que confronta personaxes de alto rango e ten un final feliz. Cultivouse en Inglaterra e Francia a partir de temas importados do teatro español dos Séculos de Ouro.

    16. comedia italiana

      Xénero teatral que se desenvolveu en Francia a partir de mediados do s XVI. A súa orixe está nas compañías italianas que presentaban espectáculos baseados nas técnicas da Commedia dell’Arte. No 1639 instalouse en París a compañía de Tiberio Fiorelli, que gañou o favor real e chegou a compartir teatro coa compañía de Molière. En 1716 chegou a París unha nova compañía, dirixida por Luigi Ricobboni, que comezou a presentar espectáculos en francés, algúns deles baseados en textos de Pierre Marivaux, co que aumentou o éxito e a proxección do xénero. Por extensión, tamén se utilizou a mesma denominación para a sala na que estas compañías ofrecían os seus espectáculos.

    17. comedia musical

      Obra teatral con música -xeralmente cancións intercaladas no texto, con obertura ou sen ela, con algúns números de baile e escritas para unha orquestra lixeira- típica de EE UU e Inglaterra que xurdiu a partir de mediados do s XIX. Cun argumento que combina a trama cómica e a romántica, tivo o seu apoxeo nas décadas de 1920 e 1930 coa obra de compositores americanos (Jerome Kern, George Gershwin e Cole Porter). Como xénero cinematográfico que combina acción, música e coreografía dentro dunha unidade temática, apareceu cara aos anos 1927-1928. Este xénero tivo momentos dun grande esplendor, principalmente na década de 1950, con obras como On the Town (Na cidade, 1949) ou Singing in the Rain (Cantando baixo a chuvia, 1952), de Stanley Donen e Gene Kelly, e An American in Paris (Un americano en París, 1951), premiada cun Oscar. Posteriormente, o xénero entrou nunha profunda crise, superada unicamente por éxitos illados, como West Side Story (1961), de Jerome Robbins ou My Fair Lady (1964), de George Cukor, ambas as dúas tamén premiadas cun Oscar. Nos anos setenta e oitenta, o musical non recuperou a forza que tivera nos anos cincuenta; non obstante hai títulos de interese como Cabaret (1972), Jesus Christ Superstar (1972), New York, New York (1977) e All That Jazz (1979). O prototipo musical de finais do s XX e principios do XXI, tanto no que se refire á estética como á difusión, está representado polos vídeos de música.

    18. comedia negra

      Xénero próximo á traxicomedia, que propón unha visión da existencia pesimista e desilusionada, sen o recurso dunha solución tráxica. Os valores néganse e a peza só remata favorablemente por un xiro irónico.

    19. comedia nova

      Comedia dos ss IV-III a C consagrada á crítica dos vicios individuais e á análise de caracteres (Menandro), trazo que persistiu en Plauto e Terencio. Nela, o coro deslígase da acción dramática.

    20. comedia nueva

      Fórmula teatral proposta por Lope de Vega que reacciona contra os preceptos da poética clásica. De enorme éxito no seu tempo, impúxose como a modalidade característica do Barroco español.

    21. comedia pastoril

      Obra que dramatiza a vida dos pastores, tomados como prototipo dunha existencia inocente, utópica e nostálxica, que pertence ao pasado. O tema cultivouse sobre todo nos s XVI e XVII.

    22. comedia satírica

      Comedia que enfatiza e denuncia unha práctica social ou política, ou un comportamento humano reprobable por medio da sátira e da burla.

    23. comedia sentimental

      Tipo de comedia xurdida no s XVIII que tiña intención moralizante e intentaba conmover os espectadores coas vicisitudes dos protagonistas, que acostumaban ver recompensada a súa bondade contra os prexuízos e as intransixencias sociais. A finais do século derivou cara ao drama burgués e o melodrama.

  2. comedia cinematográfica [IMAX]

    Xénero cinematográfico do cine cómico do que se diferenza por un humor moito máis refinado e intelectualizado, ademais de que é o director o que lle dá carácter á obra e non o actor. O efecto cómico baséase nos gags, frases con dobre sentido, situacións ridículas e enredos elegantes. Algúns dos seus mestres foron Howard Hawks, Ernst Lubitsch, Frank Capra, George Cukor, Vincent Minnelli, Stanley Donen, Billy Wilder, Blake Edwards e, máis recentemente, Peter Bogdanovich, Mel Brooks ou Woody Allen.

  3. s f

    Acontecemento da vida real que provoca risa.

    Ex: Estivemos a rir coa comedia que montaron á hora do café.

  4. s f

    Acción ou comportamento finxido para enganar a alguén.

    Ex: Quéixase moito, pero todo é comedia.

    Sinónimos: argallada, farsa, teatro.