cómic
(
-
s
m
Procedemento narrativo de extensión variable baseado na sucesión de imaxes gráficas acompañadas ou non de escritura. Cando se representan diálogos, o texto aparece dentro duns globos chamados bocadillos que se sitúan enriba ou arredor do personaxe e poden expresar pensamentos, onomatopeas, metáforas visuais, etc. A unidade narrativa mínima é a viñeta, que representa un corte da acción no espazo e no tempo e que se vincula coas seguintes nunha secuencia caracterizada pola economía sintáctica.
Confrontacións: historieta.
Orixe e historia do cómic
Pódense remontar as orixes do cómic aos xeroglíficos exipcios, ás estelas mesopotámicas, ás cerámicas gregas, aos tapices e retablos medievais e ás iluminacións dos libros. O seu precedente máis inmediato foron as historias relatadas por medio de viñetas do suízo Rodolphe Töppfer, autor, a mediados do s XIX, de Histoire de M. Jabot e Histoires en estampes. O cómic tal e como se considera modernamente naceu a finais do s XIX nos EE UU ligado ao desenvolvemento da prensa escrita. A historieta Yellow Kid (1896) de Richard F. Outcault considérase como o primeiro cómic, xa que publicaba semanalmente as aventuras deste personaxe. O paso seguinte foi publicar unha banda diaria e despois volumes dedicados exclusivamente ás historietas. Os superheroes naceron nos anos trinta coa aparición de Tarzán, de Harold Foster; Dick Tracy, de Chester Gould; e Flash Gordon, de Alex Raymond, historietas que chegaron tamén a Europa. En 1938 coa creación de Superman, da autoría de Jerry Siegel e Joe Shuster, naceu o prototipo do superheroe americano: un home con poderes sobrenaturais, defensor da humanidade e vestido cunhas roupas especiais. Á súa beira naceron outros como Batman, creado por Bob Kane e Bill Finger. De xeito paralelo apareceron os primeiros personaxes europeos como Tintin, obra do belga Hergué. Durante a Segunda Guerra Mundial os cómics serviron de apoio propagandístico das distintas ideoloxías; así, o italiano Kurt Caesar creou a Romano il Legionario, aviador fascista, e, por outra banda, Jack Kirby e Joe Simon crearon o Capitán América, en loita contra os nazis. Trala guerra, o cómic viviu nos EE UU un período de censura semellante ao doutras manifestacións artísticas; foi o momento do nacemento de Peanuts (Carliños e Snoopy), de Charles M. Schulz. Nestes anos comezou a súa andaina Tetsuwan Atom, un dos representantes do manga xaponés. En Europa triunfou o cómic infantil e xuvenil publicado en francés: Morris foi o creador de Lucky Luke (1946), Peyo deu vida aos Schtroumpfs (Pitufos) e Albert Uderzo e René Goscinny crearon Astérix (1959). A consagración do cómic produciuse a partir dos anos sesenta, nos que se organizaron salóns, congresos e exposicións dedicados a este medio de expresión. Nos EE UU destacou a editorial Marvel, promotora de novos superheroes como Spiderman, Conan o Bárbaro ou A Masa. En Europa cómpre destacar a Hugo Pratt, pai do mariño Corto Maltés; Jean-Claude Forest, creador de Barbarella; e a revista Métal Hurlant, creada en 1974 por un grupo de debuxantes franceses e que deu cabida ás historietas de carácter fantástico. Outros autores destacables foron Quino, creador de Mafalda, e Bill Watterson, pai de Calvin e Hobbes. Nos últimos anos do s XX o cómic abrangueu distintas modalidades, dende o manga xaponés ata o cómic erótico e de ciencia fición. Como sucedeu coas obras literarias, o cómic tamén se adaptou ao cine, como acontecera nos anos trinta coa produción cinematográfica de Dick Tracy. Posteriormente, destacaron a serie de películas de Superman, iniciada en 1978, e de Batman (1989). Tamén houbo o caso contrario, a creación dun personaxe cinematográfico que logo se pasou ao cómic, tal e como fixo Walt Disney con Mickey Mouse, creado en 1927 e adaptado ao cómic en 1930.
O cómic en España
A creación en 1917 da revista TBO marcou o desenvolvemento do cómic español ata o punto de crear a palabra tebeo para denominar estas historietas. Despois naceron as revistas Pulgarcito, Jaimito e ddt. Entre os cómics de aventuras destacaron as series Roberto Alcázar y Pedrín (1940), de Eduardo Vañó; El Guerrero del Antifaz (1944), de Manuel Gago; e El Capitán Trueno (1956), de Víctor Mora. Entre os cómics humorísticos sobresaen as creacións de Francisco Ibáñez (Mortadelo y Filemón, Rompetechos, El botones Sacarino e Pepe Gotera y Otilio), José Escobar (Zipi y Zape e Carpanta), Vázquez (Anacleto e Las hermanas Gilda) e Jan (Superlópez). A partir dos anos setenta destacou o traballo de, entre outros, Antonio Hernández Palacios, Víctor de la Fuente, Luís García, Carlos Giménez, Esteban Maroto, Enric Sió e Daniel Torres; os personaxes de Goomer, de Riccardo e Nacho, e Mot; e entre as revistas El Jueves e Historias de la puta mili. O cine español tamén adaptou personaxes e historietas dos cómics. En 1954 Joaquín Romero Marchent levou á gran pantalla El Coyote, personaxe literario de José Mallorquí convertido en cómic por Francisco Batet; outra versión deste personaxe realizouna Mario Camus en 1998. Outras películas baseadas en cómics foron Las aventuras de Zipi y Zape (1982); de Enrique Guevara; Makinavaja, el último choriso (1992), de Carlos Suárez, baseado no personaxe de Ivá; e Goomer (1999), de José Luis Feito e Carlos Varel.
O cómic en Galicia
Hai antecedentes deste tipo de humor nos cantares de cego e mesmo nos debuxos de moitas das viñetas de Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Maside, Torres e Huici, entre outros; tamén poden incluírse os novos cantares de cego que compuxo Isaac Díaz Pardo, pero en todos eles falta a intencionalidade de facer cómic e a incorporación do globo e outros elementos que axilizan e dan continuidade aos relatos. A intencionalidade de facer un cómic galego moderno xurdiu en Madrid; alí, nos anos sesenta do s XX, Reimundo Patiño elaborou unha historia na que un etnólogo moi parecido a Vicente Risco busca un país asolagado. O autor polariza a inquietude de moitos mozos que ven no cómic un xeito ideal para comunicarse co seu pobo. O relato non chegou a rematarse e así se publicou en 1988. Dos seus consellos saen os primeiros cómics, publicados na revista Chan por Xaquín Marín en 1971 e a fundación do colectivo Fusquenlla, formado por Xaquín Marín, Patiño e Xesús Castro, e do grupo de Cómic do Castro en 1972 con Xosé Díaz, Xesús Campos, Esperante e Rosendo, que organizaron a primeira mostra no ano 1973, e dos que saíu posteriormente a primeira revista de cómic: A Cova das Choias, fundada en Xenebra e distribuída na clandestinidade. Patiño presentou en Madrid o seu cómic mural O home que falaba vegliota (1972); tamén editou e publicou en Brais Pinto 2 Viaxes (1975), primeiro álbum de cómic feito en Galicia, en colaboración con Xaquín Marín. Anteriormente xa saíra Axóuxere (1974), suplemento infantil de La Región, con cómics de Balboa e Sarry. Nese mesmo ano apareceu Vagalume, publicación para nenos onde colaboraron Xiráldez, Oitabén, Riccardo Lázaro, Saavedra Pita, Docampo e Llorca, entre outros, unha proposta que cesou a súa edición en 1978. No remate da década saíron os libros Gaspariño (1978), de Xaquín Marín, e Esquizoide (1979), de Antón Patiño, e a revista Xofre, que contou con colaboradores que destacaron posteriormente, como Xan López-Domínguez, Fran Jaraba e Miguelanxo Prado. No inicio dos anos oitenta xurdiu en Ferrol a publicación El patito feo, na que participaron Eduardo Galán Dudi, A. Cubero, Xan López Domínguez e Francisco Oti. En 1982 editáronse o fanzine Fat City e o especial “Comix e Ilustración en Galicia” da revista Coordenadas, onde apareceu a historieta O home que falaba arameu, ideada por X. Marín e R. Patiño. En 1983, Pepe Carreiro, Xosé Cermeño, Antón Mascato e Gogue fundaron a revista mensual Can sen dono; nese ano apareceron os fanzines A Ameixa Cacofónica e Valium Dez, esta última promovida por Fausto Isorna e Pedro Sardiña. Nesa época destacaron, ademais, fóra de Galicia a obra de Suso Peña e Armando Salas. Por outra banda, en Ourense creouse o Frente Comixario, que contaba coa colaboración de Pestiño, Carballo, Paradelo, Moxón, Moreiras, Robledo, Chaler, Real, etc, arredor dos que xurdiron as Xornadas de Banda Desenhada a partir de 1989, no mesmo ano no que naceu a revista Das Kapital. Dous anos máis tarde organizouse o Premio Ourense de Banda Deseñada. Estes autores fan de ponte cos novos tempos, nos que apareceron novas publicacións como a revista Tintimán e os cómics Vigorizador, Escupe, O Coiote, Katarsis, Castrellis e Interlínea, todos eles editados en Vigo. Tamén nesta cidade se elaborou o primeiro programa radiofónico dedicado ao cómic, bautizado como Arte Alfa e dirixido por Carlos Portela dende Radio ECCA. Na cidade de Lugo destacan os fanzines Sperma, O Cadaleito e Atlántico Express. Nos anos noventa, en Ourense, á par do Frente Comixario, xurdiu Phanzynex, centrado na información e na crítica sobre o mundo do cómic. Coa fusión destas dúas publicacións naceu o fanzine Lanterna Craneal. Tamén apareceron Lendia Prea e os fanzines monográficos Gor e Nar. Outros títulos que cómpre salientar son A Irmandade dos Lectores Tristes, de Fausto Isorna e Aníbal C. Malvar, Flores desde Hiroshima, cos mesmos autores en colaboración con Rober G. Méndez, e No nome da amada morta, dentro da serie “Un misterio para Simón”. A finais dos anos noventa confirmáronse autores como Miguelanxo Prado, Carlos Portela, Fernando Iglesias e Norberto Fernández, entre outros. No eido das exposicións sobresae a mostra Viñetas desde o Atlántico da Coruña, dirixida por Miguelanxo Prado. Destes anos é a obra Cita na Habana, da autoría de Fran Jaraba, o inicio da edición de Elipse, un proxecto de Miguelanxo Prado e Agustín Fernández Paz, coas colaboracións de, entre outros, Kiko da Silva, Fernando Iglesias e Francisco Bueno Capeáns. En xaneiro de 2000 xurdiu a revista Golfiño que contou coas colaboración de, entre outros, Evaristo Pereira, Fernando Varela, Xaquín Marín e Fausto Isorna, que cesou a súa edición en xuño de 2001. -
s
m
Publicación que recolle unha ou varias narracións en banda deseñada.