1 comicio
(
-
s
m
[HIST]
Asemblea popular romana, basicamente da época da República, que xunto co Senado e cos maxistrados eran os elementos fundamentais do poder republicano. Os máis antigos eran os comicios curiais (comitia curiata), unha asemblea que apareceu durante a monarquía etrusca constituída por nobres que elixían os reis. Despois da reforma do 509 a C, durante a época republicana, tiñan a función de conferirlles o imperium (o poder civil, militar e xudicial) aos maxistrados. Os comicios centuriados (comitia centuriata) apareceron con posterioridade ao ano 509 a C, cando a sociedade romana se reorganizou en cinco clases segundo a riqueza territorial dos seus membros e se subdividiu en centurias. O número de centurias que corresponden a cada unha das clases non é proporcional ao número de individuos que pertencen a cada unha delas. A primeira clase contaba con 80 centurias e cada unha das seguintes con 20, ata chegar á quinta, que tiña 30. Como o voto se facía por centurias e finalizaba cando se chegaba á maioría, ao comezar a votación polas centurias máis ricas, a miúdo xa non podían votar os cidadáns pobres. Deliberaban sobre as leis, as eleccións de maxistrados cum imperium e de censores, as declaracións de guerra e paz, e as condenas a morte por delito político. Os comicios por tribos (comitia tributa) teñen a súa orixe nas asembleas dos plebeos de Roma, que apareceron trala primeira secesión do ano 473 a C cando se organizaron por tribos baixo a presidencia dos seus xefes e que se transformaron en Asemblea do Estado, na que participaron todos os cidadáns desde o 287 a C. A súa importancia e atribucións medraron a expensas dos comicios centuriados, xa que chegaron a votar a maioría das leis, elixir os maxistrados inferiores e decidir en asuntos xudiciais que supoñían unha forte multa. Os comicios perderon as súas funcións e finalmente desapareceron durante o Imperio.
-
s
m
Acto electoral constituído polas reunións e actas electorais. A súa orixe pode datarse nas reunións celebradas polo pobo romano nunha parte do foro chamada comitium, para a elección dos seus maxistrados e a discusión dos asuntos públicos. OBS: Esta palabra emprégase normalmente en plural.