comida

comida

(

  1. s f

    Acción de comer.

    Ex: Quedamos en xuntarnos fóra do restaurante trala comida.

  2. s f

    Calquera cousa susceptible de ser consumida para alimentarse, particularmente cando está preparada con esta intención. Na tradición recóllense ditos como: “A comida, comida, desfai a compañía. A comida do fidalgo, pouco compango, caldo moito e mantel longo. A comida fría, estómago quente. A comida, quente, e a bebida fría. A comida que se perde por comida non é perdida. A comida, repousada; e a cea, paseada. A pouca comida, pouca bebida. Comida feita, compaña desfeita. Comida fina en corpos gordos, fai mal aos ósos. Comida fría e bebida quente, nunca fixeron bo ventre. Non hai mala comida pra quen se convida. Quente a comida, fría a bebida”.

    Ex: O barco tivo que aportar para coller víveres porque á tripulación apenas lle quedaba comida.

    Sinónimos: alimento.
  3. s f

    Calquera dos momentos do día reservados para comer e, especialmente, a comida do mediodía ou xantar. En Galicia facíase tradicionalmente ás doce e os pratos máis habituais eran a carne de porco con patacas cocidas e máis o caldo. Nas zonas costeiras e naquelas ata as que chegaban os peixeiros tamén era usual o peixe. No tempo de vixilia, o bacallau era o manxar ao que máis se recorría. A carne de tenreira só se acostumaba consumir nas celebracións. As outras comidas do día son o almorzo, que se toma na primeira hora da mañá e que adoitaba consistir nunha cunca de leite (frecuentemente augado) con sopas de pan ou papas e, se non había leite, caldo. Nalgunhas zonas era frecuente o consumo antes do almorzo dunha copa de augardente (ás veces con pan), coñecida como a parva. A derradeira comida do día é a cea, na que se acostumaba tomar caldo e pratos sinxelos, como peixe, filloas ou castañas. Entre estas comidas principais adoitábanse facer pequenos refrixerios chamados tacos, que normalmente consistían en chourizo, queixo ou tortillas con pan e viño en abundancia. En función do tipo de traballo que se realizaba en cada estación facíanse comidas específicas, se este era intenso, a comida facíase máis substanciosa. Por outra parte, en circunstancias particulares había comidas especiais, como as das festas e outras celebracións: vodas, enterros, concertos ou albaroques, ademais de comidas rituais como os bautizos de non-natos, comida que se facía ao pé de determinadas pontes e na que a comida sobrante se tiraba ao río (pratos e cubertos incluídos) ou se lle daba ao primeiro que pasase.

Frases feitas

  • Cocer a comida o estómago. Dixerir un alimento.

  • Estar en comida. Estar un alimento en sazón.

Refráns

  • A carne de ÓSO, dente de lobo.
  • Á cazola ben guisada ¿quen lle fai mala cara?
  • A comida fría, estómago quente.
  • A comida que se perde por comida, nunca é perdida.
  • A comida, quente; e a bebida, fría.
  • A comida, repousada; e a cea, paseada.
  • A muller que non come canda o seu home, ou come antes ou despois come.
  • A muller que non ten home na abada come.
  • Aceite, carne, pantrigo e sal, mercado ría real.
  • Cal de verzas, cal de papas, ataquémo-las barazas.
  • Cando comas a perdiz, cos dedos no nariz.
  • Carne de hoxe, pan de onte, viño de antano / viño de cando cadre.
  • Comer ósos da soá, barba untada e barriga va.
  • Comida fina en corpos gordos fai mal aos ósos.
  • Comida fría e bebida quente nunca fixeron bo ventre.
  • Deben nadar en viño os caracois, as brevas e os figos.
  • DixoIle o leite ao viño: ¡Ben chegado sexas, amigo; mais poucas veces veñas por ese camiño!
  • Dixolle o leite ao viño: ¡Vente para acá, meu amigo!
  • Espera un pouco, que verzas che cozo.
  • Mesa de catalán, moita vianda e pouco pan.
  • Non hai peor vicio có leite con tona e pantrigo.
  • Non hai tal vicio coma a carne e o pantrigo.
  • O cabrito, córneo dun mes; e o año, de tres.
  • O polo, cada ano; e o parrulo, cada tres ou catro.
  • Tal terra andar, tal pan comer.
  • Viño, acedo; touciño,veIlo; e pan, de centeo.

Palabras veciñas

2 comicio | cómico -ca | Cómicos | comida | comido -da | comigo | Comilla