Cominges Tapias, Antonio de
Arquitecto. Formouse na Escuela de Arquitectura de Madrid, onde se licenciou en 1924. Foi profesor de xeometría, debuxo arquitectónico, estereotomía e construción na Escola de Artes e Oficios de Vigo (1927-1967), e arquitecto municipal de Santiago de Compostela (1930-1931) e de Lavadores. Traballou en Vigo ata que se xubilou en 1974. Durante a súa estadía en Santiago de Compostela proxectou o Hotel Compostela (1930). Influenciado polas ideas arquitectónicas de Gómez Román e Palacios, a súa arquitectura anterior á Guerra Civil caracterízase por unha concepción rexionalista sen a proliferación ornamental que existía noutros arquitectos contemporáneos. Construíu vivendas particulares para a burguesía viguesa da época, edificios para institucións docentes, como o colexio Cluny (1929) e o Fogar e a Clínica San Rafael (1935). Trala guerra a súa actividade incrementouse e realizou un gran número de proxectos, tanto de carácter privado como público. Estilisticamente evolucionou cara a un eclecticismo no que abondan as referencias historicistas e os recursos decorativos nas fachadas, para as que empregou sempre a pedra. Entre as vivendas unifamiliares que realizou destacan o chalé de Enrique Lorenzo (1946), a Casa da Acollida da Muller de Vigo (1956) ou os múltiples proxectos da zona de Canido. Desenvolveu proxectos de centros docentes, como o Instituto Santa Irene (1941), onde destaca a incorporación de elementos clasicistas no eixe central, rematado coa torre central; o Colexio-Fogar San Roque (1943); ou o edificio da Xunta de Galicia de Protección de Menores, Fogar San Paio (1953). Elaborou tamén un importante número de proxectos para institucións relixiosas, como a capela do colexio Apóstol (1950), as igrexas de Fátima (1951), Nosa Señora do Carme (1951), a capela das Trinitarias (1953) e a igrexa da Soidade (1957).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso