Comisión Europea

Comisión Europea

Órgano executivo da Unión Europea que personifica e defende os seus intereses xerais. A súa orixe está nos primitivos tratados da CEE, a CEEA e a CECA, ata que en 1965 o Tratado de Bruxelas unificou a Comisión para as tres comunidades. Componse de vinte membros, os comisarios, designados polos gobernos dos estados membros e investidos polo Parlamento europeo e por un mandato renovable de cinco anos. A distribución dos comisarios por cada Estado determínase de maneira que cada Estado membro estea representado por un nacional, polo menos, e nunca por máis de dous. As súas funcións principais son as de garda dos tratados comunitarios, velando polo cumprimento da legalidade comunitaria; a instrumentación das políticas comunitarias, a través da execución dos orzamentos comunitarios e a administración dos fondos estruturais; a representación da Unión no exterior, ante terceiros estados; a organización de conferencias internacionais; e o impulso da actividade comunitaria en xeral, a través da iniciativa nas normativas e a adopción de regulamentos, directivas e decisións.