Comisiones Obreras
Confederación sindical española constituída en 1977. Ten por obxectivo a defensa dos intereses dos traballadores do territorio español.
Órganos e estrutura
A Confederación de Comisiones Obreras, que reúne os diferentes sindicatos nacionais, ten dous tipos de órganos: os de dirección formados pola Comisión Ejecutiva Federal, Consejo Confederal e Secretarías Confederales; e os órganos de dirección e control formados pola Comisión de Garantías e a Comisión de Control Financiero. CC OO ten unha estrutura sectorial e territorial. A estrutura sectorial ten un sentido vertical e integra os traballadores en federacións segundo o posto de traballo que desempeñan e segundo o sector laboral ao que pertenzan. A estrutura territorial, de sentido horizontal, integra os traballadores segundo o criterio de territorialidade do seu posto de traballo, é dicir, nas comunidades autónomas. No ámbito internacional intégrase na Confederación Europea de Sindicatos (CES) e na Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres (CIOSL). Promove catro fundacións: Fundación para la Formación y el Empleo Miguel Escalera (FOREM), Fundación Paz y Solidaridad Serafín Aliaga, Fundación 1º de Mayo e Instituto Sindical de Trabajo, Ambiente y Salud, ademais da Escuela Sindical Juan Muñiz Zapico e do Gabinete de Estudios Jurídicos. Conta tamén con publicacións periódicas, monográficas, documentais e estatísticas entre as que destaca o xornal dixital diario Gaceta Sindical.
Historia
Constituída inicialmente como organización unitaria de base da clase obreira, a primeira comisión obreira formouse no ano 1958, durante a folga da mina La Comacha, en Asturias. Posteriormente, as comisións conseguiron unha rápida difusión nas folgas da minería asturiana entre 1962 e 1963 e durante toda a década no País Vasco, Madrid e Catalunya, onde protagonizaron as folgas de 1965 e 1967. A partir de 1966, o movemento penetrou, a través das eleccións sindicais, nas estruturas oficiais do Sindicato Vertical, de modo que practicamente chegou a monopolizar a loita sindical antifranquista. As comisións declaráronse ilegais en decembro de 1966 e os seus dirixentes foron condenados no denominado Proceso 1001. Trala morte de Franco, legalizouse en 1977 e acadou a hexemonía, aínda que o apoio aos Pactos da Moncloa en outubro de 1977 orixinou diversas escisións no seu seo. Desta maneira, varios sectores minoritarios separáronse, feito que deu lugar ao Sindicato Unitario e á CSUT, de modo que CC OO se conformou como un sindicato de tipo máis clásico -como Confederación Sindical de Comisiones Obreras- de estrutura federal, vinculado ao PCE-PSUC, ao tempo que perdía o seu carácter hexemónico, alcanzado e nalgúns sectores superado pola UGT. Presionada polas bases, a Confederación adoptou a partir de 1981 posturas máis radicais. Trala folga xeral de 1988 asinou unha acción conxunta con UGT e en 1990 ingresou na Confederación Europea de Sindicatos. Os seus secretarios xerais foron, sucesivamente, Marcelino Camacho (1978), Antonio Gutiérrez (1987) e José María Fidalgo (2000).