Comisións Obreiras
Sindicato Nacional de CC OO de Galicia constituído en marzo de 1978, é unha organización de clase que ten por tarefa principal a defensa dos intereses da clase traballadora e dos dereitos nacionais de Galicia na perspectiva do socialismo democrático. Desenvolve a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Órganos, estrutura e obxectivos
Os órganos de dirección son o Congreso Nacional, máximo órgano deliberante e decisorio; a Conferencia Nacional, convocada intercongresualmente para cuestións de interese puntual; o Consello Nacional, máximo órgano de dirección e representación entre congresos; e a Comisión Executiva Nacional, órgano de dirección que leva á práctica as decisións e directrices adoptadas polo Consello e polo Congreso. A coordinación está a cargo do Comité Nacional e a representación legal e pública recae no Secretario Xeral. A estrutura interna é en sentido vertical, para atender a rama laboral, e horizontal, en atención á súa procedencia territorial (A Coruña, Ferrol, Santiago-O Barbanza, Lugo, A Mariña, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo). As federacións nacionais sectoriais recoñecidas no seu seo son: a de actividades diversas; a da Administración Pública de Galicia; a de alimentación, bebidas e tabacos; a de comercio, hostalería e turismo; a de comunicación e transporte; a de construción, madeira e afíns; a de ensino; a de mineirometalúrxica; a de pensionistas e xubilados; a de sanidade; a de servicios financeiros administrativos; e a de industrias téxtiles, peleteiras, químicas e afíns. Segundo os Estatutos aprobados no VII Congreso Nacional, celebrado en abril do 2000, inspírase nos seguintes principios: defensa das reivindicacións dos traballadores co obxecto de construír unha sociedade socialista en liberdade; procura da unidade sindical libremente decidida polos traballadores; funcionamento democrático de todos os órganos do Sindicato e respecto ás decisións acordadas pola maioría; organización das reivindicacións espontáneas da clase traballadora co obxecto de incorporalas á loita de clases que ten como finalidade a emancipación da clase traballadora; promoción da igualdade de sexos; supresión de toda opresión nacional e de calquera tipo de explotación; solidariedade cos pobos que loitan polas liberdades democráticas e coas persoas refuxiadas ou perseguidas polo exercicio dos seus dereitos democráticos. No ámbito estatal forma parte da Confederación Sindical de Comisiones Obreras dende 1978, no internacional intégrase na Confederación Europea de Sindicatos (CES), na Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres (CIOSL) e no Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal. O sindicato ofrécelles aos seus afiliados-cotizantes, que no 2000 eran 44.000, unha serie de servicios de formación, acceso a vivendas en réxime de cooperativas, asesoría xurídica e información, etc. Así mesmo, para desenvolver actividades complementarias e dar resposta a esixencias culturais, de formación ou de solidariedade internacional, promove tres fundacións: Fundación 10 de Marzo, Fundación Formación e Emprego (FOREM), Fundación Paz e Solidariedade e Centro de Información aos Traballadores Estranxeiros (CITE). Ademais, para difundir os seus obxectivos conta con diversas publicacións, tanto monográficas como periódicas, entre as que cómpre salientar Galicia Sindical.
Historia
Logo dunha etapa de espontaneidade, caracterizada pola falta de continuidade, as primeiras comisións obreiras xurdiron en Vigo e Ferrol en relación coa estratexia entrista, que defendía a presenza de militantes comunistas no Sindicato Vertical para loitar dende dentro, promovida nos anos sesenta polo Partido Comunista. Así, Manuel Rodríguez, coñecido como Xaniño, impulsou a primeira comisión obreira na factoría de Barreras en Vigo en 1962; en 1963 foi Manuel Rey e Waldino Varela os que promoveron a primeira comisión obreira na factoría de Vulcano, tamén en Vigo; e, tamén no 1962, Amador Martínez, coñecido como Ramón, e Xulio Aneiros lideraron a primeira comisión na empresa Bazán de Ferrol. O exemplo destas comisións obreiras espallouse axiña por Vigo, onde aparecen novas comisións en empresas como Álvarez ou Citroën, e por Ferrol, onde xurdiron en Pybse, Maderera, Megasa, Astano e outras empresas. A presenza de CC OO nos conflitos laborais de Vigo e Ferrol, como as folgas de Megasa e Maderera en Ferrol (1967), as accións do 10 de marzo de 1972 en Ferrol e posterior folga en Vigo en apoio aos traballadores detidos, a folga convocada en Vigo en maio de 1972 en apoio á loita dos traballadores de Barreras polo convenio colectivo, a folga xeral en Vigo que paralizou a cidade entre o 10 e o 23 de setembro de 1972 motivada polos despedimentos de Citroën, as xornadas en defensa dos procesados polo Xuízo dos 23 (1975) e pola amnistía (1976) ou as manifestacións de 1976 e 1977 contra as medidas económicas do goberno, foron fundamentais na consolidación de Comisión Obreiras como o sindicato hexemónico entre a clase obreira galega, que chegou a agrupar a máis de 70.000 afiliados durante a Transición. En xullo de 1976, na Asemblea Xeral de Comisiones Obreras celebrada en Barcelona, decidiuse a transformación das Comisións Obreiras nun sindicato; así mesmo, elixiuse un Secretariado presidido por Marcelino Camacho e composto por 26 membros, entre os que estaban Eduardo Fernández Pérez, de Vigo, e José Manuel Iglesias, de Ferrol. Un fito nese proceso cara á formación dun novo sindicato foi a reunión, en novembro de 1976, da Coordinadora Nacional de Comisións Obreiras de Galicia. O I Congreso constituínte do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia celebrouse na sala Las Palmeras, situada no barrio obreiro de Barreiro (Cabral, Vigo), en xuño de 1978. Dende ese momento, o sindicato dotouse duns órganos de dirección propios e dunha organización adaptada á realidade social e territorial galega. A análise teórica dos acontecementos de Galicia nos anos anteriores levaron a definilo como un sindicato de clase, unitario, democrático, independente e sociopolítico. Nese Congreso elixiuse a Manuel Amor Deus secretario xeral e unha comisión executiva composta por 33 membros, dos que 27 eran do Partido Comunista de Galicia, 2 do Movemento Comunista, 1 de Unificación Comunista e 3 independentes. En 1978, nas primeiras eleccións sindicais da democracia, CC OO conseguiu 347 delegados dun total de 535 posibles nas grandes empresas galegas (Astano, Aluminios de Galicia, Álvarez, Barreras, Bazán, Carnaud, Censa, Citroën, Iberduero, Intelsa, Isolux, Megasa, Pescanova, Picusa, Pontesa, Tabacalera, Unión Cristalera e Vulcano). Dende o ano 1982, rematada a Transición e trala chegada ao poder do Partido Socialista Obrero Español (PSOE), lideraron a maioría das mobilizacións obreiras contra a reconversión industrial e as súas consecuencias sociais e laborais. Así, neses anos convocaron 8 folgas xerais, tanto a nivel comarcal como nacional, contra a política económica e industrial dos gobernos socialistas. A primeira, convocada tamén pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UXT) e a Intersindical Nacionalista de Traballadores Galegos (INTG) na comarca viguesa, celebrouse o 15 de abril de 1983 contra o desmantelamento industrial de Vigo; estes mesmos sindicatos convocaban unha nova folga xeral na comarca de Vigo o 12 de febreiro de 1984. Xunto coa INTG mobilizáronse o 29 de novembro de 1984 contra a política do goberno. Para protestar contra a reforma da Seguridade Social e contra o recorte das pensións, convocaron xunto coa Converxencia Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), a Unión Sindical Obreira (USO), a Confederación Nacional del Trabajo (CNT) e o Sindicato Libre da Mariña Mercante (SLMM), unha nova folga xeral o 20 de xuño de 1985. A folga do 14 de decembro de 1988, convocada xunto coa UXT e a Confederación Intersindical Galega (CIG), paralizou todo o país. Cos mesmos convocantes (UXT e CIG), celebráronse dúas folgas xerais máis, o 28 de maio de 1992 e o 27 de xaneiro de 1994, para protestar pola política de reindustrialización de Galicia. Unha vez consumada a reconversión, a acción de CC OO centrouse na defensa dos intereses dos traballadores en xeral: mobilizacións contra as sucesivas reformas laborais dos últimos gobernos socialistas e dos gobernos populares, e mantemento do poder adquisitivo dos xubilados. Para lograr eses obxectivos acadou, dende 1988, unha sólida unidade de acción coa UXT, aínda que no ano 2001 entrou en crise; así mesmo, dende 1993 participa en acordos puntuais coa CIG. O nomeamento de Xesús Díaz Díaz como Secretario Xeral trala dimisión de Manuel Amor Deus, iniciou unha crise interna motivada pola negativa do sector maioritario, liderado por Xesús Díaz Díaz, de incluír no secratariado o sector carrillista, liderado por Eduardo Fernández Pérez. A posterior inclusión dese sector minoritario no Secretariado fixo posible a elección, en 1989, de Xesús Díaz Díaz como Secretario Xeral e a recuperación da unidade interna. No ano 1989 acadouse a integración definitiva en CC OO das Comisións Mariñeiras, sindicato do mar que xurdira nos anos setenta en estreita conexión coas comisións obreiras. No VII Congreso, celebrado en abril do 2000, aprobáronse uns novos Estatutos que, mantendo os principios herdados do I Congreso de 1978, inciden na independencia de calquera partido ou formación política e afirman o carácter internacionalista. No transcurso dese congreso elixiuse secretario xeral a Xan María Castro Paz e unha comisión executiva formada por 17 membros.