Commonwealth, literatura da

Commonwealth, literatura da

Literatura escrita en lingua inglesa por autores dos países membros da Commonwealth of Nations. Orixinada nos sistemas educativo e administrativo impostos por Reino Unido nas súas colonias, alcanzou o seu recoñecemento cando estas recobraron a súa independencia, a partir dos anos cincuenta e sesenta do s XX. Está escrita, sobre todo, por autores indíxenas pertencentes ás elites occidentalizadas e ten un carácter híbrido, xa que emprega o inglés pero desenvolve temas tradicionais, históricos, sociais e culturais autóctonos, a miúdo críticos cos valores occidentais. Os países máis representativos pola importancia da súa cultura autóctona son: a India e algunhas nacións africanas como Nixeria, Ghana, Kenya, Uganda, Tanzania e Malawi. A diversidade do proceso colonial nos diferentes países africanos está patente na temática política, máis ou menos reivindicativa. Na India, o dualismo cultural do escritor indio en lingua inglesa plásmase na gran variedade de temas literarios empregados, situados entre as dúas culturas. A natureza ecléctica desta literatura reflíctese na lingua, que non é o inglés estándar, senón o resultado da súa adaptación á pluralidade do contexto lingüístico e cultural das diversas nacións da Commonwealth.