Comores
Estado do Océano Índico, na entrada N do canal de Moçambique, formado polas illas Grande Comore (Ngazidja), Anjouan (Ndzouani) e Mwali (Mohéli), ademais de numerosos illotes e arrecifes coralinos (1.862 km2; 658.000 h [1998]). Aínda que a illa de Mayotte (Mahoré) forma parte do arquipélago das Comores, é territorio de Francia por decisión dos seus habitantes en plebiscito. Esténdese entre os 11°-13° de latitude S e os 43°-45° de lonxitude L. A capital é Moroni, na illa de Grande Comore.
Xeografía
Xeografía física
As illas son de orixe volcánica, cunha orografía accidentada en todo o territorio. As costas posúen numerosos acantilados. A máxima elevación é o monte Kartala, situado na Grande Comore, con 2.361 m de altitude e tamén de orixe volcánica. As chairas están localizadas principalmente no fondo dos vales e na costa, onde abundan as áreas pantanosas. O clima é tropical, con temperaturas altas e regularmente distribuídas durante todo o ano, con precipitacións abundantes, superiores a 1.500 mm anuais, que incluso nalgunhas partes chegan aos 2.500 mm. A estación chuviosa esténdese desde finais de novembro ata abril. A flora é variada e abundante; predominan os bosques de grande espesura no interior e na costa a vexetación é a típica das áreas pantanosas.
Xeografía económica
A economía está inmersa nunha crise, agravada despois do golpe de estado de 1999, que reduciu a entrada de divisas ao diminuír o turismo. A maior parte da poboación dedícase á agricultura, actividade que proporciona o 39% do PIB, favorecida polo clima tropical monzónico e pola fertilidade dos solos volcánicos. Os cultivos máis estendidos son os destinados á alimentación insular: arroz, cereais, tubérculos, cana de azucre e bananas. Entre os cultivos de exportación destacan as plantacións de cocos, vainilla e sisal, ademais de café, cacao e, sobre todo, especias. A industria é insignificante e redúcese á elaboración de perfumes. Os servicios están pouco desenvolvidos, pero despois da súa conversión en centro turístico internacional, este sector achega ao PIB o 48%. O PIB por habitante é de 670 $ USA (1997), cunha débeda externa no mesmo ano de 5.071 millóns $ USA. A inflación situábase en 1997 no 8,7%. A poboación activa é de 1.141.000 h (1998), cun 44% incluída no sector primario, un 13% no secundario e un 43% no terciario. A moeda oficial é o franco comoriano, ligado ao franco francés, polo que pertence á área do euro. Toda a electricidade se produce co petróleo importado dos estados árabes do Golfo Pérsico.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un claro signo negativo. O valor das importacións en 1991 acadaba os 83 millóns $ USA, mentres que as exportacións representaron 51 millóns $ USA. O principal cliente e provedor é a UE, sobre todo Francia e Alemaña.
Transportes e comunicacións
As comunicacións están pouco desenvolvidas, dispón de 900 km de estradas dos que 688 están asfaltados. Non posúe ferrocaril e a mariña mercante está formada por 5 unidades. O aeroporto principal é o da capital, Moroni.
Xeografía humana
Demografía
O crecemento da poboación non é moi elevado (2,7% [1995-2000]), debido ao alto índice de mortalidade infantil (75,3‰ [1996]). O índice de mortalidade situábase en 1996 no 10,3‰, mentres que a natalidade era de 45,8‰. A esperanza de vida é de 56 anos para os homes e 61 para as mulleres (1996). Predomina a poboación máis nova, cun 50% menor de 15 anos. A densidade de poboación é altísima, con 295,1 h/km2en 1991.
Poboamento
A sociedade é predominantemente rural; en 1997 o grao de poboación urbana era do 31,5%. O poboamento caracterízase pola súa irregularidade. Os principais núcleos de poboación son Foumbouni (5.600 h [estim 1990]), na illa de Grande Comore, Mutsamudu (15.000 h [estim 1990]) e Domoni (8.000 h [estim 1990]), na illa de Anjouan.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
As illas están habitadas por unha poboación que descende da mestizaxe entre compoñentes índicos (procedentes sobre todo de Madagascar, Arabia, Indonesia, India ou Malaisia) e africanos, sobre todo bantús chegados da costa oriental de África. Dentro do grupo comoriano, que agrupa o 96,9% da poboación total das illas, recoñécense os seguintes pobos: antalaotra (maioritarios entre os comorianos), casre, makoa, oimapasaha e sakalava. Así mesmo, existe unha pequena poboación europea descendente dos colonos franceses. Practica o Islam, da seita sunnita, o 99,3% da poboación e constitúe a relixión oficial do Estado. A poboación católica apenas é significativa estatisticamente; sen embargo, mantén certo poder económico derivado da súa orixe colonial. As linguas oficiais son o francés e o árabe; así mesmo, fálase o comoriano e o swahili. Dende a instauración da República Islámica é obrigatoria a educación coránica; ademais, o sistema educativo divídese en tres graos (primario, secundario e universitario). En 1998, o índice de analfabetismo na poboación maior de 15 anos era do 41,5% e o 61% da poboación estaba sen escolarizar.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Comores entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 137º posto cun índice do 0,510). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 59,2 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 58,5% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 39%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 1.398 $ USA.
Goberno e política
Antiga colonia francesa, proclamouse independente o 6 de xullo de 1975. Dende esa data sucedéronse 19 golpes de estado, algúns deles frustrados, e aprobáronse tres constitucións, a primeira en 1978, a segunda en 1992 e unha terceira, aprobada o 20 de outubro de 1996, segundo a que o poder executivo está dirixido polo presidente da República, elixido por sufraxio universal directo por cinco anos, e o primeiro ministro e o Consello de Ministros, designados polo presidente, aínda que tralo golpe de estado de 1999 están suspendidos os dereitos políticos. O poder lexislativo correspóndelle á Assemblée Fédérale (Asemblea Federal), tamén disolta tralo golpe de estado de 1999, e formada por 43 membros elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos; por último, o Senate (Senado) está composto por 15 membros en representación de cada unha das tres illas que constitúen a federación comoriana. O sistema xudicial baséase no dereito francés, aínda que no novo código está modificado polo dereito musulmán. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema. Está en vigor a pena de morte e, segundo os informes de Amnistía Internacional, cometéronse diferentes abusos contra os dereitos humanos. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Convención sobre os Dereitos do Neno, Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Contra a Muller e a Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos; ademais, no 2000 asinou a Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial, a Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes e o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional. Trala disolución da Asemblea, os partidos reduciron a súa capacidade de influencia; sen embargo, o Rassemblement National pour la Développement (RND, Agrupación Nacional para o Desenvolvemento), partido conservador de corte tradicionalista, foi o maioritario nas últimas eleccións democráticas de 1996 e é o partido do goberno no poder dende 1999. Outros partidos, con representación parlamentaria en 1996, son a Front National pour la Justice (FNJ, Fronte Nacional para a Xustiza), de ideoloxía islámica, e o prooccidental Forum pour le Redressement National (FRN, Foro para a Renovación Nacional). Ademais, o Parti Républicain des Comores (PRC, Partido Republicano das Comores) desenvolve unha intensa campaña no exilio a prol da democratización e da modernización do arquipélago. Administrativamente, a división do país corresponde a cada unha das tres illas; sen embargo, esta división estivo suxeita a diversas modificacións constitucionais. Segundo a Constitución do 1 de outubro de 1978, a República constituíase de xeito federal co recoñecemento en cada illa dunha entidade federal con amplas competencias; nos anos 1982 e 1984 revisouse a Constitución para reducir a capacidade de autogoberno das illas. A Constitución do 7 de xuño de 1992 recuperaba o espírito federalista do anterior texto constitucional e introducía o concepto de equilibrio entre as illas; sen embargo, na práctica non puido desenvolverse debido ao golpe de estado de 1995. A última Constitución, aprobada o 20 de outubro de 1996, recoñece as aspiracións lexítimas da poboación das diferentes illas; sen embargo, quedou obsoleta debido aos acontecementos posteriores. Ademais, na división administrativa recoñécense catro concellos (Domoni, Fomboni, Moroni e Mutsamudu). Dende o momento en que acadou a independencia, o goberno da República reclama a illa de Mayotte, que permanece baixo soberanía francesa cun réxime de colectividade territorial de carácter departamental debido á súa particularidade étnica (mahorés) e relixiosa (católicos). Así mesmo, nas illas de Anjouan e Mohéli existen movementos separatistas. Na primeira destas, un movemento separatista reclama a súa anexión a Francia; en 1997 produciuse unha revolta que chegou a proclamar a súa independencia das Comores o 14 de xullo; sen embargo, a posterior rivalidade entre varias organizacións no seo do movemento independentista e a intermediación da OUA levaron á súa reincorporación na República Federal. Forma parte destes organismos internacionais: Liga Árabe, ONU, Organización da Conferencia Islámica (OCI) e Organización para a Unidade Africana (OUA), e está asociado á Unión Europea.
Historia
Comores: entre África e Oriente
Os restos arqueolóxicos localizados no arquipélago indican que os primeiros poboadores humanos chegaron da costa africana ao redor do s VII a C e que pertencían á civilización swahili, composta maioritariamente por elementos da etnia bantú, que achegaron ás illas unha organización política e social de orixe africana. Este sistema político estaba dirixido por un mafé ou mafani, os xefes das grandes familias que deron paso aos mabedja, que conformaron unha xefatura dirixente en cada vila. A chegada ao arquipélago de elementos orixinarios de Persia, da Península Arábiga e do Iemen, a finais do s X, supuxo a instalación do sistema de sultanatos, que se superpoñían ao sistema swahili. Os sultáns gobernaban pero estaban limitados no exercicio do seu goberno por un gran consello de notables ou Manjelisa, que interviñan nos principais asuntos do goberno, e polos visires, que exercían o poder en determinadas rexións. A finais do s XV e comezos do s XVI chegou a Comores un novo grupo de poboción islámica que transformou profundamente a sociedade, que dominou os líderes tradicionais ou que se aliou con eles mediante matrimonios. A islamización da sociedade afectou á poboación e estableceu división sociais marcadas; por unha banda os nobres ou wakabaila, a continuación os homes libres, que se dedicaban á agricultura e á gandería, e por último o grupo dos escravos. No s XVI, os portugueses instaláronse nas illas (1500-1505) e estableceron unha base na súa ruta cara ao Índico, mentres un grupo de malgaches sakalava se establecían no S da illa de Mayotte. Durante os ss XVI e XVII, as illas Comores convertéronse en lugar de arribada para os ingleses, holandeses e franceses; pero, dende mediados do s XVIII, as catro illas sufriron os ataques dos piratas de orixe malgache, dedicados á procura de escravos. Estas incursións, unidas aos enfrontamentos entre os sultáns e ao interese das potencias coloniais europeas por dominar o estratéxico paso do canal de Moçambique, favoreceu o feito de que os franceses adquirisen a illa de Mayotte (1841) a un usurpador malgache.
A conquista francesa
A ocupación da illa supuxo o enfrontamento cos británicos pola posesión do resto do arquipélago, que permaneceu oficialmente independente, malia que no ano 1865 a raíña de Mohéli e o sultán de Grande Comore concederon os dereitos de explotación a particulares franceses. Un deles, León Humblot, obtivo a maioría das terras das illas no 1884 e conseguiu que Francia impuxese o seu protectorado sobre as outras tres illas no 1886. A introdución do sistema de plantacións coloniais coa imposición do sistema de traballos forzados, levou á insurrección dos nativos, que se sublevaron en Mayotte no 1856, en Anjouan no 1889, en Grande Comore no 1890 e na illa de Mohéli en 1896 e 1902. En 1890, Francia e Gran Bretaña asinaron un acordo polo que os franceses recibían as Comores e a illa de Madagascar. O arquipélago foi oficialmente anexionado a Madagascar e converteuse en colonia (1908), pero non foi ata 1912 cando o poder metropolitano decidiu colonizar as illas para limitar o poder do Residente, representante do goberno francés que se ocupaba da política exterior das illas e, de feito, quen permitiu que os colonos roubasen as terras dos indíxenas e que os explotasen como escravos. A organización administrativa das illas Comores sufriu algunhas modificacións desde 1912; situouse á fronte un xefe de provincia ou administrador superior, similar aos que existían en Madagascar, instalado en Dzaoudzi (Mayotte) e, ademais en cada unha das illas había un administrador que se ocupaba de recadar os impostos. O goberno colonial francés tivo que enfrontarse con dúas revoltas, a primeira orixinouse en 1915 pola negativa dos habitantes da vila de Djomani a pagar o imposto de capitación e que obrigou o gobernador xeral a intervir co envío de gardas malgaches e tiradores senegaleses para someter os sublevados. En 1940 produciuse unha nova revolta motivada pola decisión da administración de requisar man de obra para traballar nas plantacións durante a guerra. Os traballadores declaráronse en folga e desatouse a violencia contra os colonos e a administración.
Do territorio autónomo á independencia
Despois da Segunda Guerra Mundial, o arquipélago adquiriu a autonomía administrativa (1946), impulsada pola presión do seu deputado Saïd Mohamed Cheick, diante da Asemblea nacional francesa, pero o Estado francés ocupou os postos claves da administración e empregou a indíxenas vinculados aos intereses franceses. En 1957 creouse un órgano executivo, o Consello de Goberno, presidido polo administrador superior e no que Saïd Mohamed Cheick recibiu o posto simbólico de vicepresidente, mentres os consellos rexionais designaban os ministros. Adquiriu o estatuto de territorio francés de ultramar (1958) por medio dun referendo e accedeu ao autogoberno interno no 1961. Saïd Mohamed Cheick, que presidiu o novo Consello de Goberno, gobernou dun xeito despótico sen atender as reivindicacións populares e monopolizou a vida política co seu partido, o UDC. A situación cambiou despois da revolta dos estudiantes contra a colonización (1968) e apareceron novos partidos: o Rassemblement Democratique du Peuble Comorien (RDPC), fundado por mozos intelectuais, o Parti Social-Democrate (PSDC) ou o Parti Socialiste Comorien (PASOCO), que se aliñou ideoloxicamente cos independentistas Mouvement pour la Libération Nationale (MOLINACO). Á morte de Saïd Mohamed Cheick, os seus sucesores permitiron o acceso destes grupos e formaron goberno ata a independencia, agás o PASOCO. Mediante o referendo de decembro de 1974, o arquipélago pronunciouse pola independencia, proclamada unilateralmente polo presidente do goberno Ahmed Abdallah o 6 de xullo de 1975. A illa de Mayotte, cunha poboación maioritariamente cristiá, votou a favor da súa permanencia baixo protección francesa.
Comores trala independencia: o desenvolvemento contra a democracia
Nas eleccións de xullo de 1975 resultou elixido presidente do país Ahmed Abdallah, pero foi destituído por un golpe de estado organizado por Ali Soilih e que situou á fronte do Estado o príncipe Jaffar (3.8.1975). En outubro de 1975, a ONU recoñeceu o Estado comoriano cos seus límites coloniais; feito que orixinou unha rolda de conversas para asinar un acordo transitorio que permitise a reintegración da illa de Mayotte. A. Soilih substituíu o príncipe Jaffar á fronte do Estado e instalou un poder de tipo democrático popular nun Estado musulmán. Emprendeu a reforma e a consolidación da nova nación coa organización dun corpo diplomático orientado á procura de axudas exteriores e a creación dun exército. Estableceu ademais a elección de comités de loita contra as tradicións e as supersticións, e preocupouse tamén da situación dos estudiantes de secundaria. O réxime de A. Soilih tratou a busca da autosuficiencia para o que debería acadar logros sociais e melloras na explotación agrícola, pero pensou que o partido único era a mellor forma de obter un desenvolvemento económico rápido. Durante o goberno de A. Soilih aprobouse a nova constitución, que establecía unha república islámica dirixida por un presidente. Ahmed Abdallah volveu ao poder mediante un golpe de estado organizado e dirixido por mercenarios franceses ás ordes de Robert Denard o 23 de maio de 1978. Elixido presidente da República en outubro de 1978, restableceu as relacións con Francia e reorganizou o goberno en 1980 co nomeamento de R. Denard como xefe do exército. A. Abdallah foi o único candidato ás eleccións presidenciais de 1984 e despois de modificar a constitución volveu á presidencia, co que continuou a súa política de represión contra os partidos e movementos da oposición, principalmente a Front Democratique de Moustoifa Cheikh. Cando o presidente tentou poñer fin á presenza dos mercenarios, morreu asasinado polas súas propias tropas o 26 de novembro de 1989. O goberno interino asumiuno Said Mohammed Djohar, membro da Corte Suprema de Xustiza, que nas eleccións de marzo de 1990 obtivo a vitoria para a Agrupación para a Renovación Democrática (RRD). O seu goberno enfrontouse cunha acusación da Corte Suprema de Xustiza durante o mes de xullo de 1991, segundo a que estaba incapacitado para gobernar, pero co apoio de Francia e do exército permaneceu no poder. En novembro de 1991, a Unión para o Progreso Comoriano (Volzima), o partido maioritario, retirouse do goberno, co que obrigou a Said Mohammed Djohar a establecer unha nova coalición de goberno e a firma dun pacto de reconciliación nacional que o recoñecese como presidente. A Conferencia Nacional presentou unha nova Constitución o 8 de abril de 1992, que foi aprobada por referendo o 24 de maio de 1992. Despois dun intento de golpe de Estado, as eleccións de novembro de 1992 canceláronse nalgu-nhas áreas pola presión e violencia exercidas. A crise institucional e a inestabilidade política dos gobernos de Said Mohammed Djohar acentuouse nas eleccións lexislativas do 12 e do 20 de decembro de 1993, que estiveron marcadas pola violencia e as irregularidades, principalmente na illa de Anjouan. Os partidos opositores boicotearon a segunda volta destas eleccións e deixaron en maioría o partido do presidente, a Agrupación na República (RDR). A crise política continuou nas illas mentres a oposición boicoteaba as eleccións a conselleiros, que se produciron o 25 de abril de 1995. O 29 de setembro dese mesmo ano, Bob Denard protagonizou un novo golpe de estado, co apoio dalgúns partidos políticos da oposición; durante uns días, o poder estivo nas mans de Aycuba Combo, coordinador do Comité de Transición Militar, e logo pasou a Mohamed Taki Abdoulkarim. A intervención francesa abortou o intento de golpe e liberou o presidente e o primeiro ministro, co que se constituíu un goberno de unión nacional con representantes de todos os partidos. Nas eleccións presidenciais e parlamentarias de 1996, consideradas libres polos observadores internacionais, saíu vencedor Mohamed Taki Abdoulkarim, da Unión Nacional pola Democracia de Comores. O novo presidente solicitou o restablecemento da presenza militar francesa no arquipélago e adoptou unha nova constitución, por referendo, en outubro de 1996, que incrementou o papel da lei islámica, eliminou os dereitos de expresión e asociación, e reduciu a autonomía local. Esta medida provocou na illa de Anjouan os primeiros movementos de independencia, autoproclamada o 14 de xullo de 1997 despois de meses de protestas e enfrontamentos coas forzas armadas. Os secesionistas buscaban a reanexión con Francia como saída ao desastre económico e político, pero o presidente Mohamed Taki Abdoulkarim tentou o sometemento dos secesionistas a comezos de setembro, que rematou nun rotundo fracaso. A intervención da OUA permitiu a reunión das partes en conflito en Addis Abeba, a comezos de decembro de 1997. Como consecuencia desta reunión asinouse un acordo polo que se formaría unha comisión internacional para informar sobre os acontecementos de Anjouan e Mohéli, e para atopar o xeito de soster unha conferencia entre as illas que definise un novo cadro de institucións. Ademais, nesta reunión propúxose a preparación dunha táboa redonda entre os principais organismos internacionais para mobilizar a axuda para o desenvolvemento. Os separatistas de Anjouan aprobaron mediante referendo, celebrado o 28 de febreiro de 1998, unha Constitución para a illa, e o seu presidente, Abdalá Ibrahim, nomeou primeiro ministro a Said Omar Chamasi. Pouco despois comezou a oposición entre os membros do goberno, que se escindiron en milicias rivais. Tralo asasinato de Mohamed Taki Abdoulkarim (6.11.1998), nomeouse un novo presidente interino, Tadjidine Ben Said Massounde, que asinou un tratado de paz cos grupos separatistas en abril de 1999 auspiciado pola Organización para a Unidade Africana (OUA), no que se concedeu unha ampla autonomía ás illas de Anjouan e Mohéli, e proporcionoulles un presidente rotatorio. O acordo rompeuse ante a presión dos poboadores orixinarios de Anjouan que vivían en Grande Comore. O xefe das forzas armadas, Azali Assoumani, chegou ao poder a través dun golpe de estado o 30 de abril de 1999, disolveu a Asemblea Federal e autoproclamouse presidente o 6 de maio de 1999. O 31 de marzo de 2000 produciuse, segundo fontes militares, un intento de golpe de estado; un dos xefes da sublevación, Mahamoud Ahmed Abdallah, fillo de Mahamoud Abdallah, foi arrestado.