Compañía de Radio-Televisión de Galicia
Sociedade anónima de titularidade pública que xurdiu ao abeiro da Lei de Creación da CRTVG, aprobada polo Parlamento de Galicia o 11 de xullo de 1984. Os seus obxectivos principais son a posta en funcionamento, a xestión e a explotación da Radio Galega e da Televisión de Galicia, co que se pretende potenciar a normalización lingüística do galego, a cohesión do tecido social e xeográfico do país, e a divulgación da cultura e dos trazos identificativos de Galicia. Para isto, conta con tres órganos que dirixen o funcionamento do ente público: o Consello de Administración, o Consello Asesor da Compañía e as súas sociedades, e mais o director xeral. O primeiro destes órganos está composto por doce membros elixidos en cada lexislatura polo Parlamento de Galicia, que se encargan do cumprimento do disposto pola Lei de Creación da Compañía, á parte da aprobación daquelas materias que enmarcan as principais directrices que rexen o funcionamento da Compañía, como son: a programación e os seus contidos, a memoria anual, o cadro de persoal e a súa formación, e as normas reguladoras en canto a emisión de espacios publicitarios. O Consello Asesor está formado por vocais escollidos entre os profesionais da Radio Galega e da Televisión de Galicia, por xestores de servicios públicos e por representantes da Administración Autónoma, do Consello da Cultura Galega, das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, do Parlamento de Galicia e das catro deputacións provinciais; aínda que carece de competencias decisorias, encárgase de emitir informes de opinión, valoracións ou ditames. O dirección xeral, a persoa que ten a responsabilidade executiva da CRTVG, recibe o nomeamento do goberno de Galicia e a duración do seu mandato coincide coa lexislatura parlamentaria, aínda que pode renovar no cargo. Ao longo da súa historia, os seus directores xerais foron: Luís Losada Espinosa (1985-1986), Luís Rodríguez García (1986-1987), Abilio Bernaldo de Quirós y Salvador (1987-1990), Ramón Villot y Villot (1990-1994) e Francisco Campos Freire (dende 1994). Entre as súas funcións están as de xestionar o ente público e as sociedades que o compoñen, así como guiar o traballo da Dirección de Comunicación e Relacións Externas. Para todo isto conta cun equipo técnico, administrativo e xurídico que tamén forma parte da Compañía. As sociedades que conforman a CRTVG son a Televisión de Galicia e a Radio Galega, que abranguen, co seu sinal, Galicia, o norte de Portugal e as zonas máis occidentais do Principado de Asturias e da Comunidade Autónoma de Castela e León. A emisión da súa programación en galego comezou en 1985, polo que se constituíu nun dos primeiros medios audiovisuais e radiofónicos que realizaban o seu labor integramente nesta lingua. Á parte destas sociedades, dende 1995 conta cunha páxina web na rede Internet, dende a que ofrece información xeral, imaxes dos principais concellos de Galicia mediante cámaras web, emisións da Radio Galega con son estéreo, e diversos vídeos e conferencias en tempo real. Posúe tamén un servizo de teletexto, o segundo en canto a número de páxinas en España. Por outra banda, as emisións de Galicia TV da canle internacional difúndense a través de Vía Digital, en España; dos satélites Hispasat e Eutelsat Hot Bird-3, en América e Europa; e das redes de cable, en Portugal. Conta cun total de 671 profesionais repartidos entre as súas sociedades.