Compañía Nacional de Teatro Clásico
Compañía creada en 1985 no ámbito do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y Musicales, dependente do ministerio de Cultura e con sede en Madrid. Ideouse co obxectivo de manter a vixencia e a actualidade da literatura dramática clásica castelá. Adolfo Marsillach dirixiuna ata 1989, ano no que asumiu a dirección Rafael Pérez Sierra, quen ocupou o cargo ata 1992. Posteriormente, Marsillach volveu ocuparse da dirección ata 1996, función que logo pasou a exercer José Luís Alonso de Santos. Calderón de la Barca, Lope de Vega, Ruíz de Alarcón, Miguel de Cervantes, Tirso de Molina, Fernando de Rojas ou Agustín Moreto son algúns dos autores máis recorrentes nas realizacións escénicas da compañía, desde a que tamén se desenvolveron diversas actividades de promoción e divulgación dos clásicos, como o Festival de Teatro Clásico de Almagro.