Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Parque Natural do
Área natural do extremo occidental da Península do Barbanza, entre as rías de Muros e Noia, ao N, e de Arousa, ao S. A enseada sedimentaria de Corrubedo é un amplo entrante delimitado por acantilados baixos de orixe granítica e, cara ao interior, por unha serie de pequenas elevacións que non superan os 300 m de altitude. Constitúe un singular sistema de praia-barreira composto por un grande areal de máis de 4 km de lonxitude, cun extenso campo dunar asociado (que pecha no seu interior a pequena lagoa de Carregal) e unha área de marismas sucada por numerosas canles que conflúen nunha bocana central que desaloxa as súas augas no océano. A periodicidade das mareas permite que durante a preamar circulen pola bocana as augas mariñas que asolagan as marismas e elevan o nivel da lagoa. Cara ao S do complexo, a lagoa de Vixán presenta, pola contra, augas de baixa salinidade ao estar practicamente illada do mar (recibe auga salgada unicamente durante as mareas vivas primaverais e de fins do verán). A riqueza faunística, botánica e paisaxística deste sector, así como a súa singularidade xeomorfolóxica, motivou a súa inclusión no Convenio Internacional para a Protección de Humidais (RAMSAR). Con posterioridade, o 5 de xuño de 1992, a Xunta de Galicia decretou o establecemento dun réxime especial de protección para o espazo que, cunha extensión de 996,25 ha, é o terceiro dos parques naturais declarados na comunidade autónoma.
Historia xeomorfolóxica
A formación do complexo de Corrubedo, como a da maior parte dos sistemas de praia-barreira (bastante comúns na costa de Galicia), garda unha estreita relación cos cambios no nivel do mar que se rexistraron ao longo do Cuaternario, consecuencia directa da sucesión de diferentes episodios climáticos nese período (glaciacións que significaron niveis mariños baixos e etapas interglaciares durante as que o desxeo dos casquetes polares produciu un ascenso no volume das augas oceánicas). Aínda que, en momentos anteriores, este entrante costeiro puido estar tamén mergullado baixo o mar, a fase fundamental na orixe do actual sistema de praia-barreira iniciouse coa transgresión flandriense, hai uns 10.000 anos, durante a que o nivel mariño ascendeu varios metros, asolagou gran parte da enseada e cubriu o fondo de sedimentos. Estes materiais, fundamentalmente areas, acumuláronse progresivamente baixo o mar en forma de barras paralelas entre si, que poderían quedar ao descuberto e aumentar o seu tamaño a medida que se aceleraba a deposición nas mesmas e o nivel das augas mariñas descendía. Calcúlase que hai uns 5.000 ou 6.000 anos, o mar acadou cotas similares ás actuais na fachada atlántica galega, de xeito que gran parte destas barras quedaron ao descuberto e pecharon un lagoon ou lagoa costeira. Desde ese momento, a formación de sucesivos cordóns de dunas, grazas á acción eólica, e a progresiva saturación da lagoa (xénese das marismas), serían procesos sincrónicos. Conformaríase, así, unha área costeira que mestura formas e procesos característicos dos ambientes mariños, fluviais, lacustres e, mesmo, continentais.
As dunas
O complexo de Corrubedo amosa unha enorme variedade de dunas en diferentes estadios de evolución, pero sen dúbida, o elemento dominante deste conxunto é a gran duna móbil, única polas súas dimensións en todo o noroeste da Peninsula Ibérica. Esta impresionante acumulación areosa totalmente desprovista de vexetación ten unha lonxitude de preto de 1,5 km, 300 metros de largo e unha altitude máxima de 20 m no sector central. Segue unha dirección practicamente paralela á liña de costa e avanza cara ao interior grazas á achega dos ventos procedentes do océano durante o inverno. Aínda que a morfoloxía da duna pode variar en curtos intervalos temporais, segundo a magnitude e dirección dos ventos ou durante episodios de tempestade na costa, mostra xeralmente un perfil asimétrico, cunha cara orientada ao mar de forma suavizada (na que a acción dos fortes ventos do O abriu corredores de deflación eólica que rompen o carácter masivo da duna) e un flanco interno de pendente abrupta, no que se producen constantes corrementos de area que invaden o sector de marismas. Pódese establecer en Corrubedo unha gradación tipolóxica, do mar cara ao interior, que abrangue desde as pequenas dunas nos primeiros estadios de evolución, ata as máis antigas, colonizadas por varias especies vexetais. Entre a praia e o flanco mariño da duna móbil localízase unha serie de acumulacións areosas parcialmente vexetadas e cun carácter moi dinámico. As dunas incipientes, localizadas na praia alta, teñen unha escasa espesura e poden ser ocasionalmente destruídas polas ondas durante episodios de tormenta. Están colonizadas por plantas psamófilas (adaptadas á mobilidade dos solos areosos) e halófilas (tolerantes ao sal), como a Cakile maritima, o Agropyrum junceiforme ou a Euphorbia paralias. Estas especies posúen uns longos e elaborados sistemas de raíces que facilitan a súa ancoraxe na superficie e permiten a captación de humidade, e incluso poden alcanzar os acuíferos de auga doce. Así mesmo, a vexetación exerce un papel moi relevante como trampa para os sedimentos areosos transportados polos ventos procedentes do océano, que favorecen o progresivo crecemento en altura das dunas. Cara ao interior, afastándose da acción directa das ondas, atópase un amplo sector de dunas cunha forma subcónica ou piramidal que alcanzan entre 3 e 4 metros de altura. Na parte superior das mesmas instálase unha gramínea (Ammophila arenaria, ou barrón) que é a planta máis importante nas zonas dunares activas de Corrubedo e, en xeral, da Europa Occidental, e que se converteu, a longo prazo, no elemento fundamental na estabilización das areas. Máis aló do flanco interno da duna móbil, ao abrigo dos fortes ventos de compoñente oeste, atópase un amplo sector de dunas fixas, que constitúen un conxunto pouco definido topograficamente, formado por pequenas depresións e elevacións suavizadas de escasa altitude. A redución das achegas sedimentarias neste sector fomentou a xénese dun solo superficial que favorece a instalación dunha densa e variada asociación de plantas (Crucianella maritima, Pancratium maritimum, Medicago marina, etc). En xeral, este sistema de dunas antigas mostra un alto grao de estabilización, aínda que nalgúns casos poden ser remobilizadas por ventos de certa intensidade e incluso, cara ao norte, cubertas polo avance da gran duna.
As lagoas e marismas
Á parte do interese biolóxico do complexo dunar, o Parque Natural presenta unha enorme riqueza de unidades morfolóxicas e ambientes para o desenvolvemento da fauna e da flora. En Corrubedo medran 247 especies diferentes de plantas, moitas delas de gran valor pola súa rareza e carácter endémico. Pódese afirmar que este espazo protexido ofrece unha ampla representación de todas as comunidades vexetais propias das marismas, lagoas e areais da costa de Galicia. Un dos elementos máis relevantes neste sentido é o da diversidade biolóxica existente entre as lagoas do Parque, provocada polo diferente grao de salinidade das súas augas. Mentres que nos contornos da lagoa de Carregal medran especies herbáceas adaptadas aos medios salobres, principalmente os xuncos mariños, a lagoa de Vixán pódese considerar como unha “illa florística” dentro do conxunto, xa que as súas peculiares condicións permiten que as plantas propias de augas doces, como o carrizo, convivan con outras de apetencias máis salinas, como os xuncos, feito que dá conta de importantes exemplos de adaptación biolóxica. O diverso mosaico de hábitats posibilita tamén a existencia dunha gran riqueza faunística, contabilizándose na actualidade máis de 150 especies de vertebrados en Corrubedo. Das 14 clases de anfibios existentes hoxe en día en Galicia, 10 están presentes no sector, así como 14 das 20 especies de réptiles propias do país. Entre os primeiros destacan a Hyla arborea ou o Pelobates cultripes, que habitan as áreas encharcadas e as zonas húmidas. Por outra banda, debido á súa enorme variedade, as aves acuáticas constitúen unha das maiores riquezas naturais deste espazo protexido, importantísimo lugar de paso para especies en perigo de extinción como a gatafornela, ou para aves moi pouco habituais en Galicia como o picaxuncos ou a folosa. Os limícolos abundan no inverno á beira das lagoas e praias e, algúns deles (como a píldora papuda) cría ocasionalmente nas praias na primavera. Ademais, polas súas peculiares características, o sector de Vixán constitúe un ecosistema moi adecuado para o asentamento das aves e, fundamentalmente, para varias especies de patos e garzas.
A presión humana sobre o ecosistema
O complexo Corrubedo-Vixán-Carregal é un ecosistema único e orixinal, pero moi fráxil, no que algunhas actividades humanas alteraron de xeito considerable o seu equilibrio. A temperá presenza de poboadores neste sector quedou patente tralos achados arqueolóxicos castrexos que alimentaron a cultura popular con varias lendas sobre antigas citanias sepultadas baixo as dunas. Segundo a tradición, no lugar que hoxe ocupa a lagoa de Carregal existiu en tempos remotos a cidade de Valverde, onde un vello mouro, rexeitado pola fermosa filla do rei, provocou tremores de terra que asolagaron o lugar. Dise popularmente que, aínda hoxe, se poden escoitar os berros do monarca e a súa respiración no fondo da lagoa. Unha das accións máis perniciosas para a dinámica natural deste conxunto foron as extraccións masivas de area das dunas, actividade iniciada sobre todo a partir da década de 1960 e moi ligada ao auxe dos sectores turístico e da construción. As dragaxes incontroladas de áridos (que en Corrubedo, probablemente, se practicaron ata ben entrados os anos 80) puideron provocar procesos de degradación moi rápidos e, en ocasións, irreversibles, xa que supoñen a destrución da cuberta vexetal das dunas e, polo tanto, da reactivación dos procesos erosivos mediante a formación de concas ou corredores de deflación eólica a través dos que a continua acción do vento sobre a superficie pode ocasionar o rebaixamento da altura ou a total desaparición das acumulacións areosas. A partir da declaración deste conxunto como Parque Natural (xuño de 1992) tratouse de controlar este tipo de accións cunha serie de prohibicións para os veciños e persoas que se achegan a este espazo protexido, así como co inicio de labores de ordenación, vixilancia e mantemento do mesmo. Non obstante, con esa declaración o número de visitantes ao complexo dunar de Corrubedo aumentou progresivamente, feito que supuxo o novo reto de tentar conciliar a conservación e o uso público.