comporta
(
Elemento de obturación, xeralmente metálico, empregado nos aproveitamentos hidráulicos para impedir ou regular o paso da auga por un conduto. Conta cunha parte móbil, denominada taboleiro, e cunhas partes fixas suxeitas ás paredes do conduto. Segundo a forma construtiva e o principio de funcionamento dos taboleiros e das pezas fixas, as comportas poden ser: rectangulares con pezas fixas planas, de segmento ou Taintor e de abatemento. A comporta rectangular con pezas fixas planas funciona en posición vertical e ten o taboleiro constituído por unha chapa, denominada tabique, soportada por unha serie de trabes horizontais e de reforzos verticais que forman unha cuadrícula. A comporta de segmento ou Taintor ten o taboleiro formado por un tabique con forma de segmento de cilindro de revolución de eixe horizontal, soportada por unha estrutura que pode xirar ao redor deste eixe. A comporta de abatemento utilízase unicamente como comporta de superficie e caracterízase porque o taboleiro, para dar paso á auga, non se levanta, senón que baixa xirando ao redor dun eixe horizontal. As comportas tamén se poden clasificar atendendo ao lugar onde están instaladas ou ao uso que se lles dá. Segundo o lugar distínguese entre: comporta de superficie, que pecha augas vistas, en conduto aberto, e na que o nivel normal da auga, coa comporta pechada, coincide por debaixo da parte alta do seu taboleiro; e comporta profunda, que está instalada nun conduto de sección pechada comunicado cun depósito ou cun encoro onde o nivel da auga está nunha cota superior á que ten a parte alta do taboleiro cando está pechado. Respecto á función que teñen no aproveitamento hidráulico, pódense considerar os seguintes tipos: comporta de encalco, que forma parte dun encalco móbil; comporta de evacuador de enchentes, cando está instalada nun encalco fixo para poder regular o nivel de retención; comporta de baleirado do fondo, cando regula o paso da auga polo conduto máis profundo dun encalco que ten como finalidade a limpeza dos fondos ou o baleirado total; e comporta de toma de auga, cando está instalada no inicio dunha derivación de auga que sae dun encoro para alimentar unhas turbinas ou un sistema de canles de navegación ou rego.