Compostela

Compostela

Publicación anual que naceu en 1938 en Bos Aires, editada pola Unión de Residentes de Santiago de Compostela. Dirixida inicialmente por Domingo Maza, substituíuno no cargo Manuel Picón a partir do terceiro número. Contaba coas colaboracións de Ángel Castiñeiras, Isabel Casallares, Angélica Sarobe, Xesús Serantes, Arturo Cuadrado e Alfredo J. Dunet, entre outros. Esta revista xurdiu coa intención de promover a cultura e a arte galegas. Inseriu tamén artigos científicos e antropolóxicos, novas sociais e reportaxes gráficas. No apartado literario acolleu poemas e contos. As fotografías e debuxos de motivos galegos ilustraban as súas páxinas.