Compostela, Grupo de Universidades

Compostela, Grupo de Universidades

Institución sen ánimo de lucro creada no ano 1993 a instancias da Universidade de Santiago de Compostela, coa finalidade de establecer unha rede universitaria que buscase a preservación do patrimonio histórico e cultural do Camiño de Santiago a través do fortalecemento da comunicación entre as universidades do grupo, o estudo de cuestións europeas e o fomento da mobilidade, para mellorar o coñecemento das culturas e linguas europeas. Constituída por 57 universidades europeas estreitamente relacionadas co Camiño e nas que están representados países como Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Eslovaquia, España, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Hungría, Italia, Luxemburgo, Malta, Noruega, Polonia, Portugal, o Reino Unido, a República Checa, Rusia, Suecia e Suíza. Os estatutos e o regulamento foron elaborados e aprobados en setembro do ano 1994 por unha comisión xestora integrada por representantes das universidades de Valladolid, Liexa, Nantes, Göttingen, Minho, Jaume I e Santiago de Compostela. Crearon catro órganos de goberno: a asemblea xeral, o comité executivo, a presidencia do comité executivo e a secretaría executiva. Na asemblea xeral están representadas todas as universidades e ocúpase da elección do presidente do comité executivo, da constitución das comisións de traballo e da aprobación de documentos e informes. A asemblea reúnese nas sedes das distintas universidades do grupo; en 1995 tivo lugar en Compostela. As funcións do comité executivo están vinculadas á execución dos programas de actividades, a preparación das asembleas xerais e a elaboración dos informes, programas e presupostos que debe aprobar a asemblea xeral. Entre 1995 e 1999 presidiu o grupo o profesor da Universidade de Liexa, Marc Richelle, e desde 1999, Michael Cooper, da Universidade de Karistad, en Suecia. Desde o ano 1996, o Grupo Compostela de Universidades, en colaboración coa consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, estableceu o Premio Compostela.