Compostela, Premio

Compostela, Premio

Galardón de carácter anual creado en 1996 polo Grupo de Universidades Compostela, en colaboración coa consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que se concede a aquelas persoas ou institucións que destacaron polo seu labor en favor de proxectos de carácter internacional que fomenten o espírito e ideal común europeo, a educación e a preservación dos legados culturais. En 1998, e tamén grazas á colaboración da Xunta de Galicia, creáronse os Congresos Anuais do Premio Compostela, nos que se analiza e estudia a figura e a actividade do persoeiro premiado no ano anterior. Ata agora, recibiron o Premio Compostela: Jacques Santer (1997), polo seu labor como presidente da Comisión Europea; Vaclav Havel (1998), pola súa dobre condición de dramaturgo e presidente da República Checa; e o director de orquesta alemán Helmuth Rilling (1999), polo seu traballo de preservación da obra de J. S. Bach. No ano 2000 recibiu o premio o escritor Cees Nooteboom e no 2001 a fiscal do Tribunal Penal Internacional Carla Del Ponte.