Comunidades de Castela, As

Comunidades de Castela, As

Revolta que tivo lugar no Reino de Castela entre 1520 e 1521, motivada pola crise experimentada trala morte de Isabel a Católica (1504) e pola decepción provocada nos primeiros meses do reinado de Carlos I. Desde 1504, o equilibrio conseguido en Castela polos Reis Católicos viuse ameazado desde diversas posicións. No aspecto económico, influíron as malas colleitas e as epidemias, que se desenvolvían desde principios de século, e as variacións de prezos no período comprendido entre 1510 e 1521. Ademais, os pequenos industriais e comerciantes das cidades interiores, como Cuenca, Toledo e Segovia, reclamaron, fronte aos exportadores de la e os comerciantes de Sevilla e Burgos, unha política económica proteccionista. Desde o punto de vista político, a morte de Fernando o Católico (1516) abriu un período de crise, latente desde 1504. O seu sucesor, o príncipe Carlos de Gante, neto dos Reis Católicos, residía en Flandres e non chegou a Castela ata o outono de 1517. En 1516 a alta nobreza castelá, como sucedera en 1504, procurou recuperar a influencia política que perdera durante o reinado dos Reis Católicos. Os demais estamentos agardaban que o goberno persoal de Carlos I restablecese a normalidade e a orde pública. Non obstante , o novo soberano decepcionou os seus desexos. Os flamengos, entre eles Guillaume de Croÿ, señor de Chiévres e conselleiro principal do monarca, dilapidaron o tesouro real e distribuíronse os cargos públicos e as dignidades eclesiásticas. En 1519, Carlos I foi elixido emperador e deseguido manifestou o seu desexo de ir a Aquisgrán para ser coroado. Decretou, entón, un aumento das cargas fiscais para facer fronte ás novas obrigas derivadas da súa elección. A cidade de Toledo iniciou unha campaña contra a nova fiscalización e a política imperial. Convocáronse cortes en marzo de 1520 en Santiago de Compostela para obter un novo servizo que se concedeu nas sesións celebradas na Coruña. O rei comprometeuse a non entregar cargos estranxeiros durante a súa ausencia, aínda que nomeara rexente a Adriano de Utrecht. Cando o rei abandonou o reino o 20 de maio, Castela estaba en plena axitación: producíronse motíns, entre outras cidades, en Toledo, Segovia, Burgos e Guadalajara. Toledo propuxo unha reunión das poboacións con representantes nas cortes para confirmar os dereitos e os privilexos do país fronte ás ambicións dinásticas do monarca, posto que se consideraba que a política real era contraria aos intereses de Castela. Estendida a loita, constituíuse en Ávila a Santa Junta, asemblea revolucionaria presidida por Pedro Lasso de la Vega e que elixiu como capitán xeneral do exército comuneiro a Juan Padilla. Tralo incendio de Medina del Campo, a asemblea trasladouse a Tordesillas, onde estaba recluída a raíña nai Xoana I a Tola, e intentaron que esta se opuxese ao seu fillo. A situación experimentou unha notable evolución ao longo do outono de 1520. O movemento comuneiro, nado nas cidades, estendeuse ao campo, e nalgúns lugares de Castela a Vella os campesiños rebeláronse contra os seus señores. Esta onda antifeudal espantou a aristocracia, que se mantivera neutral ata o momento, e desde entón opúxose ás pretensións dos comuneiros. Adriano de Utrecht asociou a Iñigo de Velasco e ao condestable de Castela, Fadrique Enríquez, á rexencia de Castela. Deste xeito ligou a aristocracia ás tarefas do goberno, e os comuneiros tiveron que loitar no só contra o poder real, senón tamén contra a nobreza. A situación dos comuneiros empeorou cando a alta burguesía mercantil de Burgos rompeu a solidariedade coa Junta e se aliou coa aristocracia e co poder real. O exército comuneiro, dirixido por Pedro Girón, resultou vencido en Tordesillas o 5 de decembro de 1520. Girón abandonou as filas comuneiras e de novo Padilla foi o encargado de dirixir a revolta. Malia a vitoria de Torrelobatón, os comuneiros foron derrotados definitivamente en Villalar o 21 de abril de 1521 e os seus xefes, Juan Padilla, Juan Bravo e Francisco Maldonado, executados o 24 de abril. Toledo resistiu uns meses máis baixo a dirección de María Pacheco, a viúva de Padilla. En outubro de 1522, Carlos I outorgou un perdón xeral. Xeograficamente, a revolta opuxo o centro de Castela á periferia; socialmente, agrupou a burguesía industrial, os artesáns, os tendeiros, os obreiros e os letrados, pero tivo a oposición da burguesía mercantil e dos nobres, asociados ao redor dos beneficios do mercado da la. Ademais, un grupo de campesiños aproveitou a situación para intentar escaparse da servidume do réxime señorial. Politicamente, ameazaron os privilexios acadados no goberno municipal polo patriciado urbano e elaboraron unha constitución que limitaba o poder real e que pretendía establecer un goberno representativo, o da burguesía, nun reino onde esta non era forte e estaba moi dividida. Ademais, as súas reivindicacións políticas non incluíron un programa económico que fose capaz de interesar á burguesía mercantil. As comunidades foron unha revolución moderna pero prematura, pois intentaron entregar o poder político a unha burguesía aínda feble que, onde era prepotente e dinámica, prefería a tutela da monarquía e a alianza coa aristocracia. O fracaso deste intento revolucionario acentuou a febleza desta burguesía e comprometeu o seu porvir. A revolta das Comunidades foi obxecto de numerosas crónicas e relacións oficiais ata a gran síntese de Sandoval do s XVII, mantida en silencio ata os primeiros anos do s XIX. A partir de entón foi motivo de análise e revisión. Os intelectuais liberais exaltaron os xefes da revolta como mártires da liberdade e da loita pola independencia castelá. A finais do s XIX tomou corpo a réplica a esta corrente cos estudios, entre outros, de Ángel Ganivet e Gregorio Marañón, quen afirmaban que a revolta non deixou de ser unha algarada feudal. A interpretación marxista tendeu a ver unha revolución moderna levada a cabo pola burguesía castelá para impoñer certos dereitos políticos.