concentración

concentración

(

  1. s f

    Acción e efecto de concentrar ou concentrarse.

    Ex: A concentración de tantos cartos nunha soa conta puxo en alerta á policía xudicial.

  2. s f

    Acción de fixar a atención nunha cousa concreta.

    Ex: Para realizar ben este traballo é necesario un alto grao de concentración.

  3. s f

    Agrupamento de persoas nun lugar coa finalidade de manifestarse.

    Ex: A concentración dos traballadores rematou de forma violenta.

  4. s f [QUÍM]
    1. Proceso mediante o que se incrementa a cantidade dunha substancia que existe nun volume de espacio, como, por exemplo, o incremento da cantidade de soluto contido nunha unidade de volume de solución mediante a evaporación.

    2. Cantidade dunha substancia nunha unidade de mestura, solución ou mineral que a contén. No caso dunha disolución, exprésase normalmente como a porcentaxe (en peso ou en volume) de solución na disolución; como o número de moles ou de equivalentes de soluto por litro de disolución (molaridade e normalidade, respectivamente); ou ben como o número de moles por quilogramo de disolvente (molalidade).

  5. s f [BÉL]

    Agrupación do exército en pé de guerra na zona de operacións para iniciar unha campaña.

    Ex: Produciuse unha concentración de forzas na capital fieis ó presidente.

  6. s f [IND]

    Tratamento do mineral tal e como sae da mina para separar o mineral da ganga e enriquecelo antes de extraer o metal. Os procedementos máis empregados (flotación, concentración de táboas estriadas, etc) baséanse nas diferencias de densidade, de medida ou de forma das partículas ou dos terróns a separar. Aplícanse tamén métodos magnéticos mediante a acción de electroimáns que separan os materiais paramagnéticos dos que non o son, e métodos electrostáticos baseados na acción dun campo eléctrico sobre as partículas susceptibles de adquirir unha carga superficial.

  7. s f [XEOG]

    Proporción, en relación co espazo circundante, dun fenómeno determinado e cuantificable rexistrado nun territorio concreto. Supón, en termos comparativos, unha maior relevancia do espazo afectado por ese proceso. A súa significación xeográfica presenta diversas perspectivas en función da escala territorial empregada: pódese falar de concentración a nivel mundial, continental, estatal, rexional e, incluso, local. Tamén afecta a distintos aspectos da realidade: existe unha concentración demográfica (determinada polo incremento demográfico de certos espacios respecto doutros), económica (pola acumulación diferencial no espazo da produción ou do emprego), de actividades (aparecen territorios cunha relevancia agrícola, industrial ou de servicios moi superior a outros), de benestar (derivada da existencia de rexións cun nivel de vida superior) ou de recursos naturais (relativa á evidente acumulación de minerais, de certos cultivos ou recursos enerxéticos en áreas moi concretas). En Galicia existen procesos de concentración moi claros en certos aspectos, debido á polarización do desenvolvemento rexional no litoral atlántico en detrimento dun interior cada vez máis falto de recursos humanos e económicos. Ao desequilibrio entre o interior e o litoral engádese outro entre o territorio rural e o urbano. Especialmente durante o s XX, a poboación galega tendeu a concentrarse progresivamente na banda occidental do territorio. Este fenómeno non tivo sempre a mesma intensidade, ata 1950 foi lento debido ao incremento natural dos efectivos demográficos. A partir de 1950 a poboación do interior comezou a retroceder en termos absolutos. Nesta progresiva concentración demográfica inflúe a constante acumulación dos recursos económicos no litoral, que deixou pouco a pouco o carácter rural característico da práctica totalidade da rexión a principios do s XX. Pola contra, no interior mantívose un total predominio da actividade agraria, que dá traballo aínda a principios do s XXI a unha proporción considerable da súa poboación. Á parte da concentración demográfica tamén se observa outra económica, responsable en boa medida da agrupación da poboación no occidente galego e no medio urbano. As sete grandes cidades do país e as súas áreas periféricas inmediatas concentran un continxente crecente de poboación. Este crecemento demográfico xorde en boa medida da inmigración chegada do rural e da afluencia de emigrantes retornados, orixinarios non só dos espacios a onde regresan, senón tamén doutras áreas rurais. Durante o s XX, a poboación das grandes cidades practicamente se cuadriplicou en termos absolutos, co paso de 242.785 h en 1900 (un 12,26% da poboación) a 973.800 h en 1996 (o 35,51%), aínda que o máximo se rexistrou en 1991, cando sumaban 992.826 h (o 36,5%), feito derivado dun claro proceso de éxodo cara ás periferias urbanas. Se se estende a análise ás comarcas urbanas (as grandes cidades e mais os municipios das súas periferias) hai un dato contundente: máis da metade da poboación galega (51,76%) reside nestes territorios, mentres que a principios do s XX só abranguían o 28,77% da poboación.

    Antónimos: dispersión.
  8. campo de concentración [HIST]

    campo de concentración.

  9. concentración biolóxica [ECOL]

    Acumulación nun organismo vivo ou na cadea trófica de concentracións elevadas dun composto químico que está presente no medio dunha concentración relativamente baixa. O grao de acumulación dun composto químico depende da súa capacidade de ser metabolizado ou de sufrir reaccións químicas de degradación; tamén depende da súa liposolubilidade, xa que tende a acumularse preferentemente nos tecidos graxos.

  10. concentración de capital [ECON]

    Fenómeno característico do capitalismo que define unha das súas primeiras etapas de desenvolvemento. Iniciouse na Idade Media coa canalización cara a Europa occidental de masas considerables de capital que proviñan do comercio con Oriente. O comercio marítimo colonial que se desenvolveu tralo descubrimento de América provocou a creación de sociedades por accións e o nacemento e a extensión do capital financeiro. A unión de capital comercial e financeiro non se produce só no ámbito das grandes industrias, senón tamén na banca. Coa concentración de capital, os grupos de presión adquiriron a dirección da economía capitalista. Así, pódese falar, malia as leis antimonopolio que existen en moitos países, dun capitalismo monopolista do Estado.

  11. concentración de fogo [BÉL]

    Fogo de diversas armas, especialmente de artillería, efectuado cun gran número de proxectís sobre un obxectivo determinado, co fin de conseguir, no menor tempo e coa máxima intensidade, efectos de neutralización ou destrución do inimigo.

  12. concentración de poderes [POLÍT]

    Acumulación dos tres poderes (lexislativo, executivo e xudicial) nun poder único, propia de réximes totalitarios como as ditaduras, o fascismo e os gobernos militares.

  13. concentración empresarial [ECON]

    Proceso xurídico a través do que se fusionan as actividades de dúas ou máis empresas, con perda da personalidade xurídica dalgunha delas (fusión por absorción) ou de todas (fusión por constitución) das que participan no mesmo. En sentido amplo, refírese a todo acordo encamiñado a interrelacionar a actividade de diversas empresas, incluídas as coalicións. Hai distintas formas de concentración: as sociedades de empresas buscan a prestación conxunta dun servicio necesario a todas elas; as unións temporais consisten na agrupación de dúas ou máis empresas durante un tempo limitado, para levar a termo de xeito conxunto unha obra ou un servicio; e a cesión de unidades de obra prodúcese cando se contrata con un terceiro a execución dunha parte da obra ou do servicio.

  14. concentración escolar [EDUC]

    Entidade educativa que reúne diversas unidades escolares dispersas co obxectivo de completar a educación obrigatoria. Esta denominación utilizouse particularmente na Galicia dos anos setenta, no momento álxido de unidades escolares nos colexios de EXB, seguindo as indicacións da Lei Xeral de Educación (1970) e do Plan Galicia (1971), que se instrumentou para o seu desenvolvemento. Isto supuxo o peche de moitas escolas unitarias dispersas por toda a Galicia rural.

  15. concentración industrial [ECON]

    Agrupamento nun mesmo establecemento dos diferentes procesos de fabricación. Nacida co desenvolvemento da industria téxtil, é condición indispensable e a característica máis destacada da organización industrial. A revolución tecnolóxica e a internacionalización da economía produciron un auxe do proceso de concentración industrial. Ao encarecerse o custo de adquisición do equipamento industrial e ao empregarse maquinaria de grandes dimensións, a industria precisou unha gran masa de capital en activo, o aumento da man de obra e a produción a grande escala. Coa concentración industrial altéranse os trazos máis destacados do sistema capitalista: incúmprese a lei da libre competencia, desaparece a industria de tipo familiar que se substitúe polas grandes sociedades anónimas, e a figura determinante do propietario pola do manager. A concentración horizontal designa a unión de diversas empresas ou fábricas co mesmo tipo de produción industrial, e a concentración vertical, en cambio, supón a unión de empresas con producións complementarias. Entre as formas de concentración máis relevantes están os trusts, os holdings e os cárteles, que exerceron tamén un papel político ademais de económico no desenvolvemento dos países.

  16. concentración límite/concentración máxima permisible [ECOL]

    Cantidade máxima dun contaminante que pode tolerar un organismo sen que lle resulte nocivo. Pode tratarse dun límite esixido legalmente ou simplemente recomendado.

  17. concentración migratoria [ECOL]

    Concentración nunha área concreta de gran variedade de aves migratorias como resultado da confluencia de direccións migratorias distintas.

  18. concentración mínima inhibitoria [MICROB]

    Concentración mínima de antibiótico necesaria para frear o crecemento dun cultivo bacteriano.

  19. concentración parcelaria [XEOG]

    Instrumento de reforma agraria técnica consistente en agrupar no menor número posible de parcelas todas as propiedades rústicas que posúe un propietario nun territorio concreto (en Galicia a unidade territorial de aplicación desta medida é a parroquia). Tralos traballos de concentración parcelaria, os propietarios reciben parcelas cunha superficie e características o máis equivalentes posible ás que posuían anteriormente; só poden sufrir unha leve mingua na superficie a expensas dos camiños que se constrúen para acceder a todas e cada unha das parcelas resultantes. En 1952 promulgouse en España, con carácter experimental, a primeira lei de concentración parcelaria, establecida definitivamente en 1955. A solicitude do proceso de concentración parcelaria debe contar coa aprobación dunha porcentaxe maioritaria dos propietarios do ámbito territorial sobre o que se aplica, que á vez deben reunir unha ampla maioría da superficie obxecto de concentración. O concello de Silleda foi pioneiro na aplicación destas medidas en Galicia. A concentración parcelaria ten repercusións positivas e negativas: entre as primeiras, dende a óptica do agricultor, cómpre sinalar a mellora nas condicións de traballo, pois a eliminación da dispersión das parcelas permite optimizar os esforzos e os recursos debido a que todas as parcelas resultantes teñen acceso directo aos camiños, polo que se eliminan servidumes que detraen potencialidade produtiva; entre as segundas, dende unha óptica ecolóxica, destaca a desestruturación da paisaxe agraria tradicional e, como consecuencia disto, a destrución do hábitat dalgunhas especies, sobre todo árbores, arbustos, paxaros e pequenos roedores.

Palabras veciñas

Concello, O | Concellos 12 | concento | concentración | concentrado -da | concentrador -ra | concentrar