dispersión

dispersión

(< lat dispersĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de dispersar ou dispersarse.

    Ex: As autoridades ordenaron a dispersión da manifestación.

  2. s f [BOT]

    Condición de disperso.

  3. s f [MAT]

    Desviación dun conxunto de valores respecto dun valor central, xeralmente o valor medio. Mídese mediante a desviación media, a desviación típica e a variación.

  4. s f [FÍS]

    Proceso mediante o que ten lugar un cambio nas constantes físicas, ou mesmo da natureza, dunha onda ou dun feixe de partículas que atravesan un medio, a causa da interacción coas partículas deste. Denomínase tamén así a difusión á que se somete a onda ou o feixe de partículas en cuestión, como consecuencia deste proceso.

  5. s f [FÍS]

    Fenómeno consistente no feito de que unha parte do fluxo magnético dunha máquina eléctrica, como por exemplo un transformador, se desvía do circuíto magnético, xeralmente de ferro, e se pecha a través do aire, co que se reduce o fluxo útil.

  6. s f [FÍS]

    ariación do índice de refracción dunha substancia ao cambiar a frecuencia da luz incidente.

  7. s f [QUÍM]

    Sistema heteroxéneo formado por dúas ou máis fases, en que a fase dispersa está en suspensión no medio da fase dispersante, que pode ser un líquido, un sólido ou un gas.

  8. dispersión de poboación [DEMOG]

    Forma de poboación que corresponde ao hábitat disperso.

  9. dispersión de tiro [BÉL]

    Distribución, arredor do obxectivo de tiro, dos impactos producidos polos proxectís disparados por unha peza de artillería, sen variar os datos da puntería e coa mesma carga de proxección. Esta distribución segue a lei de Gauss ou lei normal. A dispersión de tiro prodúcese principalmente polas irregularidades na rotación do proxectil debidas a desprazamentos do centro de gravidade e polas pequenas diferencias nas cargas de proxección.

Palabras veciñas

dispersador -ra | dispersante | dispersar | dispersión | dispersivo -va | disperso -sa | dispersoide