Concurso de Obras Teatrais en Galego Abrente
Certame teatral convocado por primeira vez en decembro de 1972 pola Asociación Cultural Abrente de Ribadavia. Celebrou a súa primeira edición no ano 1973 e acompañou as Mostras de Teatro Galego Abrente. Ata 1980, ano de peche tanto da mostra de teatro coma do concurso literario, a súa importancia foi medrando e constituíuse nun dos motores fundamentais de produción dramática do teatro contemporáneo galego con nomes, entre os premiados, dos máis destacados homes de teatro das últimas décadas. Os títulos premiados son os seguintes: Zardigot, de Euloxio Ruibal (1973), O meu mundo non é deste reino, de Manuel María (1º premio ex aequo, 1973) e Eilbrief, de X. L. López Cid (premio da Asociación A Nosa Galiza de Xenebra a unha obra que tratase o tema da emigración, 1973); A tola xuiciosa, de M. Domínguez (1974), e A volta de Edipo, de A. Penas (1º premio ex aequo, 1974); O cabodano, de Euloxio Ruibal (1975); Laudamuco, señor de Ningures, de R. Vidal Bolaño (1976); Progreso e Andrómena de Antroido, de Camilo Valdeorras (1977); Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, de M. Lourenzo (1978); Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán), de Bernardino Graña (1979); e Bailadela da morte ditosa, de R. Vidal Bolaño (1980).