Conde Muruais, Perfecto
Xornalista e escritor. Comezou a carreira de filoloxía románica na Universidade de Santiago de Compostela, estudios que abandonou para ingresar na Escuela de Periodismo de la Iglesia en Madrid. O seu primeiro traballo xornalístico desenvolveuse no Diario SP. Da man de Raimundo García Rodríguez, Borobó, entrou a formar parte da revista Chan como redactor, e ademais, escribiu artigos para o Diario de Noticias Médicas. Posteriormente, colaborou na revista Triunfo e noutras publicacións como Actualidad Económica ou Gaceta Universitaria. Xunto co editor Silverio Cañada, en calidade de director editorial, participou na publicación da Gran Enciclopedia Gallega, que comezou a súa edición en 1974. Traballou no centro da TVE en Galicia e na revista Teima. A partir de 1976 principiou o seu labor como correspondente do xornal El País e como delegado da revista Interviu en Galicia, publicación á que estivo vinculado dende a súa fundación ata o ano 1995. A partir de 1984 estableceuse en Madrid, onde exerceu como redactor xefe e como xefe de investigación da mesma revista. Realizou tres longametraxes para o Canal 1 da televisión francesa, colaborou coa radio pública portuguesa e foi correspondente da BBC de Londres, na que empregou os pseudónimos de Antonio del Eo e Antón Roxo. Xefe do gabinete de prensa do concello de Ferrol, escribiu diversos artigos e colaboracións para os xornais Avui, La Región, El Progreso e El Periódico de Catalunya, e para o semanario Tiempo. Algu-nhas das súas reportaxes sobre a fuga de capitais a Suíza, as ditaduras en Arxentina e Chile, o narcotráfico en Colombia e algúns escándalos da vida política española difundíronse en diversos medios de comunicación de Alemaña, Portugal e Francia. Foi coautor do libro Galicia, realidade e conflito social (1978), e autor do conto “As dúas caras do billete” (Contos, 1988), de La conexión gallega, del tabaco a la cocaína (1991), baseado nas súas reportaxes xornalísticas centradas nas redes de tráfico galegas e latinoamericanas, e Memoria infinda (1994), unha novela curta onde mestura realidade e fición.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Xinzo, A Pontenova