Condillac, Étienne Bonnot de

Condillac, Étienne Bonnot de

Filósofo francés. Foi autor dunha concepción psicolóxica sensualista que exerceu unha grande influencia sobre os ideólogos, como Destut de Tracy ou Cabanis. Prolongou a análise gnoseolóxica de Locke e sostivo que a reflexión non era unha segunda fonte do coñecemento, senón un efecto natural e espontáneo das sensacións que, ao combinarse entre elas, facían xurdir desde o exterior (antiinnatismo), e de xeito progresivo, todas as ideas e facultades. Este sensualismo determinou tamén a súa concepción da vida social e económica, que se baseou na sensación de necesidade. Na súa análise da linguaxe afirmou que non existía unha correspondencia entre signo e significado e que polo tanto a linguaxe non era perfecta. Estimou entón que unha ciencia para ser perfecta tiña que ter unha linguaxe perfecta e definiu a ciencia como unha linguaxe ben feita. Das súas obras destacan Essai sur l’origine des connaissances humaines (Ensaio sobre a orixe dos coñecementos humanos, 1746), Traité des systèmes (Tratado dos sistemas, 1749), Traité des sensations (Tratado das sensacións, 1754) e Cours d’études pour l’instrution du prince de Parma (Curso de estudios para a instrución do príncipe de Parma, 1769-1773).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Grenoble

  • Deceso

    Lugar : Beaugency, Loiret