Condorcet, Marie Jean Antoine Nicolas de Caritat
Político, matemático, filósofo e pedagogo francés, marqués de Condorcet. Xunto co seu mestre D’Alambert e con Voltaire, relacionouse con Turgot, quen lle facilitou o cargo de inspector xeral da moeda (1774-1776). Como economista, foi partidario do imposto progresivo. A súa hipótese sobre as decisións colectivas, coñecida como efecto Condorcet, e sobre a súa inconsistencia, aplicada ás votacións, recolleuna a moderna politicoloxía. En 1791 foi nomeado deputado pola asemblea lexislativa de París e asumiu a súa presidencia en 1792. Ese mesmo ano presentou o informe sobre Organisation générale de l’instrution publique (Organización xeral da instrución pública), que se converteu en horizonte da política educativa republicana e que acadou unha considerable resonancia en España, tanto no momento da aprobación da Constitución de 1812 como nas medidas subseguintes ditadas en 1813. Propugnou o control da natalidade, a elevación cultural da muller e a coeducación. Defendía que a educación debía propoñerse formar homes capaces de exercitar dignamente a súa función política. Ademais, consideraba que a educación tiña que ser universal, aínda que non fose a mesma para todos ao estar condicionada polas desigualdades naturais e ambientais. Despois do derrocamento de Luís XVI, foi o encargado de estudar a nova Constitución. Os seus termos conciliadores declarárono partidario dos xirondinos e, coa chegada ao poder dos xacobinos (1793), foi condenado a morte. Ao final, conseguiu fuxir e mentres estivo escondido dedicouse a desenvolver o seu pensamento filosófico recollido en Esquisse d’une tableau historique des progrès de l’esprit humain (Resumo dun cadro histórico do progreso do espírito humano). Como matemático escribiu Essai sur le calcul intégral (Ensaio sobre o cálculo integral, 1765). Foi membro da Académie des Sciencies (1769), da que foi nomeado secretario perpetuo en 1776, e da Académie Française (1782).
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Bourg -
Nacemento
Lugar : Ribemont, Picardie -
Deceso
Lugar : Reine