Confederación Regional Galaica-CNT
Organización territorial galega da Confederación Nacional del Trabajo (CNT) fundada o 21 de agosto de 1922 no salón Ideal Cinema de Vigo por 52 sociedades (representantes de 25.256 afiliados) da Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Tui, Ferrol, Ourense, Vigo e Marín, entre outros lugares. As orixes da CRGO II Congreso da CNT (1919) acordara consolidar a organización territorial do sindicato dun xeito federal, espallando o modelo catalán, valenciano e andaluz. En Galicia, xa existira un precedente fracasado de estruturación supralocal que fora Solidaridad Obrera de Galicia. No congreso de Vigo nomeouse a Xosé Suárez Duque secretario da CRG e director do seu voceiro semanal, Solidaridad Obrera. A CRG estableceu a súa sede na Coruña e a súa traxectoria na ditadura de Primo de Rivera non foi doada; malia todo, as organizacións da CNT mantivéronse na legalidade. Santiago de Compostela acolleu nesta época o comité da CRG. No aspecto meramente sindical, a Confederación reduciuse a uns poucos milleiros de afiliados e mantivo a súa actividade tan só en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Na cidade olívica fundouse en 1925 a Federación Regional Marítima, conformada polos sindicatos mariñeiros de Vigo, Bouzas, A Coruña, Marín e Pontevedra. Ao abeiro dunha intensa conflitividade obreira, que tivo especial incidencia no ramo da construción da Coruña, a CRG reorganizouse no transcurso de 1930 e o seu comité retornou á Coruña. Daquela, evidenciouse a simpatía dos cenetistas galegos con respecto á implantación dun réxime republicano.
O sindicalismo anarquista na Segunda República
No primeiro trienio republicano (1931-1933) os anarcosindicalistas estiveron presentes nos principais conflitos laborais e sociais do país, singularmente no paro xeral de nove días desenvolvido en Ferrol contra os despedimentos na Construtora Naval (1932), as folgas da construción coruñesa (1932 e 1933), o amarre por seis meses das parellas de arrastre en Bouzas, etc. Este activismo confederal levou á expansión do sindicato por numerosas localidades do occidente galego, de xeito que en 1933 superaba a cifra de 33.000 afiliados, lixeiramente por riba do sindicato socialista UGT. A súa medra foi en gran parte resultado do intenso labor de organización e propaganda levado a cabo polo seu secretario Xosé Villaverde, un dos impulsores da actividade cenetista no agro e no mundo mariñeiro, e defensor dun anarcosindicalismo moderado, construtivo e de forte contido humanista. Non obstante , a partir de 1933, o agravamento da crise económica e social propiciou o ascenso dunha nova xeración de militantes, algúns deles vinculados á Federación Anarquista Ibérica, partidarios de radicalizar a acción sindical. Substituído Villaverde por Xosé Moreno na secretaría da CRG e por Claro Sendón na dirección do seu periódico, a CNT convocou ao longo de 1933 varias folgas xerais de carácter insurreccional que en Galicia acadaron un elevado grao de violencia: na do Nadal de 1933 producíronse enfrontamentos armados nos arrabaldes da Coruña, co resultado de tres mortos, varios feridos e máis de catrocentos detidos. A radicalización da CRG non impediu, sen embargo, o aliñamento da maioría da militancia coas teses favorables a unha alianza obreira coa UGT para avanzar cara a unha situación revolucionaria. Deste xeito a Confederación apoiou a folga xeral convocada en Galicia pola central socialista en outubro de 1934, co gallo da frustrada Revolución de Asturias, e criticou as outras federacións rexionais cenetistas que rexeitaron secundala. Duramente castigada polos diversos gobernos durante o bienio seguinte, a CRG recuperou toda a súa forza na Fronte Popular, onde, nun contexto de colaboración coa UGT, se achegou aos 40.000 afiliados e contou cunha certa presenza nas comarcas do interior de Galicia. Cando se desencadeou a Guerra Civil, a CRG presentaba uns sinais de identidade singulares dentro da CNT, presididos pola relativa moderación, a independencia con respecto ao resto das correntes do movemento libertario e a simpatía polos acordos con outras forzas obreiras.
Actividade anarquista na Guerra Civil e baixo o réxime franquista
Tralo 18 de xullo de 1936, o anarcosindicalismo galego perdeu os seus cadros máis destacados (Xosé Villaverde, Manuel Montes, Xosé Moreno, Claro Sendón, etc) na represión desatada por todo o país ou nos combates nos que participaron numerosos fuxidos cara á zona republicana; alí, os cenetistas galegos alentaron a Federación de Agrupaciones de Gallegos Libertarios e a organización de batallóns baixo o seu control, particularmente na fronte do Norte. Rematada a contenda, a CRG volveu ter un recoñecemento orgánico na CNT ilegal do interior a partir de 1941, unha vez que foi reconstituída en territorio galego. Logo dunha tarefa de recuperación de cadros, o primeiro comité da CRG na clandestinidade argallouse en 1942 na Coruña, encabezado por Xoán García Durán; dende aquela e ata 1949, a CRG participou da azarosa traxectoria da CNT. Durante a Segunda Guerra Mundial, a recuperación sindical foi notable, con comités locais organizados en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e núcleos activos de militantes en Lugo, Ourense, Tui, O Morrazo, Pontevedra, O Salnés, Bergantiños, As Mariñas e a Ferrolterra. Ata 1947 os anarcosindicalistas foron o alicerce da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas de Galicia, na que participaron xunto a socialistas, republicanos e o Partido Galeguista. Colaboraron con grupos guerrilleiros afíns, integrados algúns na Federación de Guerrillas de Galicia y León que combatía nas áreas montañosas do país. A partir de 1946 priorizou a intervención sindical e a colaboración coa oposición política do interior, debido á falta de perspectivas de éxito da loita armada; os combatentes cenetistas recibiron a orde de fuxir a Francia. A finais de 1945, logo de diversas detencións na Coruña e da obrigada fuxida do anterior secretario, o comité da CRG trasladouse a Santiago, onde Manuel Fandiño ocupou a secretaría. Na primavera de 1947, a caída do comité en pleno arrastrou a 55 militantes significativos de toda Galicia; poucos meses máis tarde, a detención de varios afiliados do estaleiro de Barreras en Vigo rematou co procesamento de 40 traballadores vigueses e coruñeses. A mediados de 1949 neutralizouse un novo comité da CRG en Compostela; producíronse apresamentos de sindicalistas na Coruña, Lugo e Ourense. Deste xeito, máis de 200 afiliados á CNT foron detidos en Galicia entre 1947 e 1949, o que provocou a desaparición da organización ata 1956. Nese ano, Víctor Francisco Cáceres, traballador do estaleiro vigués Vulcano, foi quen de proseguir o traballo sindical na cidade e contactar coa vella militancia e co exilio francés, feito que lle deu unha precaria continuidade á CRG. En 1976, vellos e novos cenetistas procedentes das principais cidades galegas acordaron en Vigo a definitiva normalización da central obreira anarcosindicalista en Galicia.
A CRG no exilio
Ó remate da Guerra Civil, algúns cenetistas galegos exiliados en Francia e México, tentaron reorganizar a cativa militancia galega dispersa nos seus respectivos lugares de adopción. No país americano, un dirixente da CNT coruñesa nos tempos da República, Xosé Prego, constituíu en 1942 un Comité da CRG en Ciudad de México, apoiado por outro vello dirixente dos estibadores da Coruña, Xesús Arenas, e por Xosé Montero. O Comité, que mantivo vínculos coa CRG clandestina do interior, durou cando menos ata 1955, aínda que con pouca actividade. Polo que atinxe ao territorio francés e ao Norte de África francófono, no momento da ocupación alemana, organizouse un Comité de Relaciones de Agrupaciones de Gallegos Libertarios ao redor de Miguel Vázquez Valiño, antigo tenente de alcalde de Noia e residente en Monterdre, localidade do S de Francia, e de Luís Chamorro, instalado en Casablanca. En xaneiro de 1945, o devandito organismo converteuse nun comité da CRG domiciliado en Toulouse, no que destacaron o propio Valiño, os ferroláns Luís Beceiro e Roxelio Leal (vinculados ás Juventudes Libertarias e á FAI), os coruñeses B. Cabanas e X. Sánchez, e o ferroviario ourensán X. Vázquez. A CRG do exilio francés, ao contrario que a mexicana, discrepou abertamente coa organización do interior no tocante á colaboración política con socialistas, galeguistas e republicanos no interior da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas, razón pola que as relacións foron dificultosas. O seu labor centrouse na solidariedade cos compañeiros presos, así como nas actividades de apoio a certas partidas guerrilleiras afíns. Para este fin, o comité da CRG de Toulouse creou unha efémera Agrupación de Milicias Gallegas en Francia para canalizar fondos recadados na emigración americana cara aos devanditos grupos armados. Así mesmo, os libertarios galegos espallados por Francia mantiveron entre 1948 e 1950 un boletín coñecido como Solidaridad e alentaron a publicación dalgúns folletos mediante a editorial Galicia Libre. A CRG deixou de funcionar en territorio francés a comezos da década de 1950.