Congo
ou Zaire Río da África ecuatorial que desemboca no Océano Atlántico logo dun percorrido de 4.371 km. Discorre principalmente pola República Democrática do Congo, na zona intertropical, drenando a cubeta á que lle dá nome. Ten moita regularidade e un gran caudal, por mor da elevada pluviosidade e alimentación que lle proporcionan os seus afluentes (Ubangui, Aruwimi e Kasai). É o segundo río máis caudaloso do mundo, despois do Amazonas. Nace nos contrafortes dos montes Kundelungu, ao S de Shaba, e segue a dirección S-N ata chegar aproximadamente ao Ecuador, onde cambia a súa dirección cara ao O; aquí toma o nome de Lualaba. Finalmente desemboca en Boma. Diogo Cão foi o primeiro en descubrir (1482-1484) o esteiro do Congo. No 1870, David Livingstone explorou as fontes do Congo e chegou ata o río Lualaba; entre 1874 e 1877 Henry M. Stanley navegou por el ata chegar á súa desembocadura. O feito de ser un río navegable ata o interior, fixo do Congo un elemento importante na colonización de África central.