Congo, República do

Congo, República do
Nome científico: [nome oficial francés: République du Congo]

Estado de África ecuatorial que limita ao N con Camerún e a República Centroafricana, ao L e ao S coa República Democrática do Congo, ao SO con Cabinda (Angola), ao S con Angola e ao O con Gabón e o Océano Atlántico (342.000 km2; 2.758.000 h [1998]). Esténdense entre os 4° N 5° S de latitude e os 11° 18° de lonxitude L. A súa capital é Brazzaville.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
A estreita fachada atlántica da República do Congo comprende unha chaira litoral de materiais aluviais dun centenar de quilómetros de longo, que se eleva lentamente cara aos macizos precámbricos de Chaillou e Mayombe, cunha altura media de 550 m. Este sector de pregamento transfórmase nun conxunto de altiplanos que separan as concas dos ríos Congo e Ogooué. A rexión central está ocupada polo val do río Niari. Cara ao N esténdese unha rexión de terras altas, coa meseta de Batéké atravesada por numerosos afluentes dos ríos Congo e Ubangui. No resto do territorio aparecen as terras baixas da cubeta do Congo e os seus afluentes.
Hidrografía e climatoloxía
O clima é ecuatorial caloroso e húmido, cunha temperatura media de 23,9°C. A maior parte do territorio conta con dúas estacións húmidas e dúas secas. A precipitación media anual oscila entre os 1.520-2.030 mm. Ten uns ríos moi caudalosos, especialmente o Congo e os seus afluentes (o Sangha e o Alima).
Medio ambiente
A maior parte da chaira está ocupada pola selva ecuatorial, mentres que nas zonas altas predomina a sabana e os bosques de ribeira ao longo dos cursos fluviais.
Xeografía económica

Economía
Os enfrontamentos entre as guerrillas e o goberno en 1998 debilitaron a xa precaria economía do país, situación que viña arrastrando desde a Guerra Civil de 1997. Segundo estimacións do goberno, deixou un custo global de 500.000 millóns de francos CFA e interrompeu o proceso de reforma económica iniciado en 1997, apoiado por organismos internacionais como o FMI (Fondo Monetario Internacional) e o BM (Banco Mundial). A finais de 1980, o orzamento nacional era de 435 millóns $ USA en ingresos e 743 millóns $ USA en gastos. A súa débeda externa é de 5.240 millóns $ USA (1996), cunha inflación do 8,6% (1997). En 1996 recibiu do exterior unha axuda de 429,7 millóns $ USA. O PIB por habitante era en 1996 de 670 $ USA. A poboación activa en 1998 era de 1.141.000, cunha porcentaxe de mulleres do 43%. A moeda oficial é o franco CFA, polo que forma parte da zona euro.
Recursos e sectores de actividade
A maior parte da poboación activa que non ten un traballo estable está empregada na agricultura de autoconsumo, na que destacan os cultivos de mandioca, cana de azucre e patacas doces. A agricultura de plantación desenvolvérona os franceses a partir da Segunda Guerra Mundial. A súa fonte de riqueza máis importante, mentres non se explotou o petróleo, era a explotación forestal. A minería tradicional é variada, pero con xacementos pouco importantes: exportan chumbo, cinc e diamantes en bruto da conca do río Niari. Recentemente, descubriuse gas natural e petróleo en Point-Noire. As súas reservas petrolíferas son importantes, pero a viscosidade do petróleo encarece a extracción. Os principais xacementos están controlados por empresas estranxeiras (Elf e Shell). O petróleo constitúe o 90% das exportacións do país. O desenvolvemento industrial vese freado pola carencia de enerxía, aínda que o potencial hidroeléctrico é grande. A súa industria baséase na transformación dos produtos agrícolas -azucre principalmente- e da madeira. Tamén destaca a elaboración de cervexa, cemento e cigarros.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un signo positivo. O valor das exportacións en 1997 acadou os 1.744 millóns $ USA, mentres que as importacións alcanzaron no mesmo ano os 883 millóns $ USA. Os principais clientes e provedores son a UE, EE UU e países africanos, como Gabón, Camerún e a República Centroafricana, cos que está asociado na Unión Aduaneira e Económica de África Central.
Transportes e comunicacións
As comunicacións, pouco estendidas, limítanse a unha liña férrea que une Pointe-Noire (Océano Atlántico) con Brazzaville (río Congo), e outra que vai de Pointe-Noire a Mibinda, cun total de 795 km (1994). Existen 12.800 km de estradas, das que só 1.242 están asfaltados (1996). Posúe 1.120 km de vías navegables (1995). Destaca pola súa importancia internacional a rede fluvial do río Congo e un dos seus afluentes, o Ubangui. Pointe-Noire é o seu porto principal. Os aeroportos máis importantes son os de Brazzaville e Pointe-Noire.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación non é moi elevado (2,3% [1992-1997]), debido ao alto índice de mortalidade infantil (81‰ [1996]). O índice de mortalidade situábase en 1995 no 14,7‰, mentres que a natalidade era do 43,6‰. A esperanza de vida no período 1995-2000 era de 48,6 anos.
Poboamento
A poboación está distribuída de xeito irregular e concéntrase no litoral e nas beiras do río Congo. Dous tercios da poboación establécense ao longo da vía férrea Brazzaville-Pointe-Noire. A densidade de poboación en 1998 era de 8 h/km2. A poboación urbana representa o 41,1% (1991). Os principais núcleos, ademais da capital, son Point-Noire (576.206 h [1992]), Loubomo (83.605 h [1992]) e Owando (16.021 h [1992]).
Sociedade e Goberno


Diversidade étnica e cultural

Os grupos étnicos autóctonos son maioritarios e a poboación europea apenas suma un total de 8.500 persoas. Do total de pobos que habitan no Congo, os máis importantes, no que respecta ao seu peso demográfico, son: kongo (46,5% da poboación total), shanga (20%), teke (17%), mboshi (12%), mbete (7%). A lingua oficial é o francés, aínda que a Constitución de 1992 recoñece como linguas nacionais o lingala (da familia níxer-congo) e o munukutuba (crioulo falado polo 60% da poboación). Ademais, fálanse preto dunhas cincuenta linguas máis, tamén pertencentes á familia lingüística níxer-congo (entre elas, o mbete, o mboshi, o lumbú, o mbanza e o teke). Debido á tradición marxista-leninista, recollida parcialmente na Constitución de 1992, defínese o Congo como unha república secular, aínda que polo artigo 26 garántese a liberdade de cultos. Entre a poboación congolesa predominan os cristiáns (65%), tanto católicos como protestantes; sen embargo, a maioría deles practican cultos tradicionais asimilados polo cristianismo. Así mesmo, os animistas representan o 33% da poboación e os musulmáns conforman unha pequena minoría (2%). O ensino é obrigatorio e gratuíto entre os 6 e os 16 anos. En 1989, as escolas primarias contaban con 158.300 alumnos, e máis de 204.000 estaban matriculados en escolas secundarias. O país conta cunha soa universidade, a de Marien Ngouabi, situada na capital.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a República do Congo entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o posto número 139 cun índice do 0,507). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 48,9 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 78,4% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 65%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 995$ USA.
Goberno e política
Antigo territorio da África Ecuatorial Francesa, xunto con Gabón, Ubangi-Xari e Chad, converteuse nunha república independente o 15 de agosto de 1960. Durante o mandato de Marien Ngouabi (1969-1977), aprobouse a Constitución de 1970, de inspiración marxista-leninista, e proclamouse a República Popular do Congo (1970-1992). En 1979, trala chegada ao poder de Denis Sassou-Ngusso, aprobouse unha nova Constitución, tamén inspirada nos principios do marxismo-leninismo, que recoñecía un único partido político legal, o Parti Congolais du Travail (PCT). A nova Constitución, aprobada por referendo o 15 de marzo de 1992, consolidaba un sistema presidencialista con multipartidismo; sen embargo, trala autoproclamación presidencial de Denis Sassou-Ngusso en 1997, constituíuse unha comisión constitucional para reformar a Constitución de 1992 antes do ano 2001. Tralos acontecementos de 1997, Denis Sassou-Ngusso asumiu a presidencia da República e do goberno; formou un goberno de unidade nacional integrado polo PCT e o MCDDI; disolveu o Parlamento que, segundo a Constitución de 1992, estaba integrado pola Asemblea Nacional, composta por 125 membros elixidos por sufraxio universal directo, e o Senado, formado por 60 membros en representación das asembleas locais e rexionais; creou un Consello Nacional de Transición (1998-2001), composto por 75 membros designados polo presidente, con poderes lexislativos, e convocou un Foro Internacional para a Paz e a Reconciliación Nacional en xaneiro de 1998. O sistema xudicial está baseado no dereito francés e nas normas locais. A pena de morte está en vigor; sen embargo, pódese considerar abolicionista na práctica debido a que nos últimos dez anos non se consumou ningunha execución. Dende finais de 1999, o país recobrou certa estabilidade grazas á sinatura dun cesamento das hostilidades entre as milicias en conflito; este feito abriu un proceso de desmobilización militar e permitiu o regreso aos seus fogares das 800.000 víctimas dos conflitos armados de 1997 e 1998, que se viran obrigadas a desprazarse; sen embargo, sufriu unha crise de refuxiados debido á chegada de milleiros de desprazados dos conflitos que se desenvolvían na veciña República Democrática do Congo. Segundo o Informe 2001 de Amnistía Internacional, decenas de opositores permaneceron recluídos sen cargos nin xuízo e algúns foron torturados e soportaron un trato cruel e inhumano; neste sentido, cómpre salientar que no ano 2001, 13 detidos baixo custodia policial morreron de asfixia. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención sobre os Dereitos do Neno; Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional; Carta Africana dos Dereitos Humanos e dos Pobos (1981); e a Carta Africana sobre os Dereitos e Benestar do Neno (1990), asinada pero aínda non ratificada. Fundado en 1969 por Marien Ngouabi, o Parti Congolais du Travail (PCT, Partido Congoleño do Traballo), de inspiración marxista-leninista, foi o único partido legal entre 1970 e 1991. Dirixido dende 1979 polo coronel Denis Sassou-Ngusso (presidente do país entre 1979 e 1992), nas eleccións de 1992 quedou como terceira forza política, convocatoria na que se presentaba en coalición coa Union pour le Renouveau Démocratique (URD, Unión para a Renovación Democrática), que apenas obtivo apoio electoral. Logo dunha rebelión armada, na que tamén participou o exército angolano, Denis Sassou-Ngusso autoproclamouse presidente da República o 25 de outubro de 1997, co que se iniciou un goberno de unidade nacional no que participaron o PCT e o Mouvement Congolais pour la Démocratie et le Dévelopement Integral (MCDDI, Movemento Congolés para a Democracia e o Desenvolvemento Integral), dirixido por Jean-Pierre Thystère Tchicaya (quen fora secretario xeral do PCT e xefe de estado durante uns días en 1979) e segunda forza política nas eleccións de 1992. Outros partidos políticos destacables, debido á súa presenza nos gobernos democráticos de 1992 a 1997 e á súa actividade opositora dende ese ano, son: a socialdemócrata Union Panafricaine pour la Démocratie Sociale (UPADES, Unión Panafricana para a Democracia Social), que foi a primeira forza política nas eleccións de 1992 e, polo tanto, o partido do goberno entre 1992 e 1997 liderado polo presidente Pascal Lissouba; e a centrista Rassemblement pour la Démocratie et le Développement (RDD, Agrupación para a Democracia e o Desenvolvemento), presidida por Joachim Yhombi-Opango, secretario do comité militar do PCT en 1977 e xefe de estado entre 1977 e 1979. Administrativamente, o país está dividido en nove rexións e unha comuna (Brazzaville). Forma parte destes organismos internacionais: ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e está asociado á UE.
Historia
A división da conca do río Congo, establecida entre os estados europeos como consecuencia do Tratado de Berlín, supuxo a creación de dous estados diferentes que compartían un pasado común ata a súa colonización.
A configuración histórica do territorio
A rexión coñecida como República do Congo estivo poboada nas rexións selváticas por tribos de pigmeos e por grupos de bosquimáns nas sabanas do S. Estes grupos desprazáronse cara a territorios marxinais trala chegada dos pobos bantús. Establecidos nas sabanas, introduciron novos cultivos e desenvolveron unha activa economía derivada da metalurxia (do cobre e do ferro) dende o s VIII. A finais do s XIV, o reino do Congo estableceu o seu predominio sobre un grupo de estados da rexión dende a súa capital de Mbanzakongo (Angola), co apoio dos xefes locais ou dos líderes dos clans. O señor do Congo, Manicongo, recibía os tributos e lexislaba as relacións entre os reinos de Loango (na costa das actuais Gabón e Congo), Kacongo, Cabinda, Ngoio (máis ao interior); Matamba e Imbangwla no val do río Kuango (Angola-República Democrática do Congo); Ndongo e Mbundu no val do Cuanza (Angola); Ovimbundu (entre o Cuanza e a costa); e Kuba, no río Kassai. As primeiras expedicións europeas, dirixidas polo portugués Diogo Cão (1482), acharon no esteiro do Congo un reino extenso, organizado e pacífico, no que fundaron unha colonia e estableceron os primeiros contactos comerciais co Manicongo Nzanga Nkuwu. Axudado polos portugueses, consolidou o seu poder, pero co aumento do tráfico de escravos e as intervencións na política interior dos xesuítas, producíronse as primeiras desavinzas entre os monarcas portugueses e congoleses. A mediados do s XVI, o enfrontamento entre eles recrudeceuse e os portugueses foron expulsados do reino do Congo. A consecuencia destes conflitos, produciuse na rexión unha modificación dos centros de poder, e os reinos de Loango e Kacongo, situados no territorio da actual República do Congo, escaparon dos intentos de colonización portugueses e asumiron un papel de predominio na rexión. Os portugueses foron substituídos polos holandeses, que conquistaron as súas bases de comercio de escravos en Luanda (1641), mentres os reinos de Loango e Kacongo, xunto co reino bateke de Anzico, participaron como intermediarios no tráfico de escravos dos ingleses e franceses dende o s XVII. Os contactos cos europeos supuxeron a introdución de novos alimentos, algúns de orixe americana, como o millo e a mandioca, que favoreceron o crecemento da poboación e a emerxencia dun incipiente mercado de excedentes alimentarios. A presenza de factorías francesas nas costas, dedicadas ao tráfico de escravos, víronse afectadas polas prohibicións inglesas (1833-1841); pero, despois da fundación da cidade de Libreville (1849), no río Gabón, comezaron o proceso de exploración do interior. Pierre Paul Savorgnan de Brazza, oficial francés, chegou ata o Congo na segunda das súas viaxes africanas, explorou o territorio por conta do goberno francés e asinou un pacto co monarca ou Makoko de Loango, polo que recoñecía a protección francesa (1880).
A colonización
O Congreso de Berlín (1885) estableceu a soberanía francesa sobre a beira dereita do Congo, definiu as fronteiras entre os territorios de Angola, Camerún e Congo, e sentou as bases para futuras expedicións. Savorgnan de Brazza, que foi o primeiro dos comisionados xerais, exerceu o seu cargo entre 1886 e 1897. A colonia do Congo francés creouse en 1891 e administrárona, nun primeiro momento, as compañías francesas que tiñan as concesións para a explotación do caucho, do aceite de palma e do marfil. Os escándalos motivados polo emprego da poboación nativa nun réxime de explotación e traballos forzados, unido á altísima mortalidade, orixinou o retorno de Savorgnan de Brazza en 1905, momento no que emprendeu a primeira investigación sobre as condicións de traballo da poboación nativa. En 1910, como consecuencia desas investigacións, o Congo integrouse como colonia na África Ecuatorial Francesa (1910). Polo acordo do 4 de novembro de 1911, Francia cedeulles unha parte do interior do Congo aos alemáns e recuperouna no transcurso da Primeira Guerra Mundial. Os franceses continuaron a explotación dos indíxenas africanos despois da guerra, coa imposición do pago de altos impostos e o seu emprego para traballos forzados, como a construción da liña férrea entre Brazzaville e Pointe-Noire (1921-1934), onde se calcula que morreron unhas 20.000 persoas. Os abusos continuados desembocaron na revolta africana de 1928 e noutros movementos anticoloniais e relixiosos, como o dirixido por Matswa. Despois do enfrontamento con estes movementos e a posterior represión, o goberno francés modificou a súa política e buscou a asimilación dos congoleses. En 1944, durante a Segunda Guerra Mundial, Charles de Gaulle e o gobernador xeral francés, organizaron unha conferencia en Brazzaville, na que participaron diversos líderes africanos, e desde alí anunciaron unha política máis liberal. Mentres, as tropas da Francia Libre converteron o Congo nun dos centros desde o que loitaron contra os alemáns e o réxime de Vichy. En 1946, o Congo converteuse nun Territorio Francés de Ultramar, con representación no Parlamento francés e cunha Asemblea Territorial elixida polos seus habitantes. Accedeu á autonomía en novembro de 1958, dentro da Comunidade Francesa de Nacións, e Abbé Fulbert Youlou, dirixente da Unión Democrática para a Defensa dos Intereses Africanos, que contou co apoio dos franceses, gañou as primeiras eleccións en 1959, e accedeu ao cargo de primeiro ministro. O 15 de agosto de 1960 proclamouse a independencia da nova República do Congo, presidida por Youlou.
A República socialista: do Mouvement National de la Révolution ao Parti Congolais du Travail
A política marcadamente neocolonialista de Youlou, xunto á corrupción imperante, a desfeita económica, a oposición sindical e as loitas étnicas, provocaron unha revolta popular entre os días 13 e 15 de agosto de 1963. Como consecuencia dela, Youlou dimitiu e substituíuno Alphonse Massemba-Débat, presidente da Asemblea Nacional e fundador do partido Mouvement National de la Révolution (MNR), de inspiración marxista-leninista. Massemba-Débat forzou a retirada das tropas francesas establecidas no país e emprendeu un conxunto de novas medidas, das que destacan a reforma da Constitución, a adopción dun plan quinquenal que recompuxo a economía do país e a creación dunha milicia popular, instruída polos cubanos. En 1965, o MNR converteuse en partido único; sen embargo, as tensións entre o goberno e o exército orixinaron golpes e contragolpes de estado entre Massemba e un oficial da etnia mboshi, Marien Ngouabi, que remataron co triunfo do golpista en 1968. O novo líder disolveu o MNR e fundou o Parti Congolais du Travail (PCT), tamén de ideoloxía marxista-leninista, e proclamou a República Popular do Congo o 1 de xaneiro de 1970. En 1973, Ngouabi adoptou unha nova Constitución revolucionaria, coa que se intensificaba a orientación socialista do seu antecesor, coa nacionalización da enerxía eléctrica, das augas, das grandes empresas e a comercialización do petróleo. Dende decembro de 1975 emprendeu un proceso de revisión do aparato do Estado, modificou as súas estruturas e realizou unha reforma educativa. Ngouabi foi asasinado o 18 de marzo do 1977, nunha conspiración dirixida polo ex-presidente Massemba-Débat, quen fracasou no seu intento de chegar ao poder e foi executado polo novo goberno que recaeu no comité militar do PCT. O xeneral Joachim Yhombi-Opango foi nomeado xefe de Estado no mes de abril de 1977 e tentou restablecer o control militar sobre o PCT, enfrontándose cos sindicatos e co partido. Viuse obrigado a renunciar ao seu posto, acusado de corrupción e de abuso de autoridade en febreiro de 1979; en consecuencia, o poder recaeu en mans dun comité provisional nomeado polo PTC. Ao mes seguinte, o presidente deste comité, o coronel Denis Sassou-Nguesso, foi nomeado presidente da República e presidente do comité central do PCT. O goberno, presidido por Sassou-Nguesso, emprendeu unha campaña de renovación administrativa e ministerial. Os problemas co seu comercio exterior, que se manifestaron a finais de 1981, equilibráronse temporalmente no exercicio seguinte, grazas a un aumento nas exportacións de petróleo, aínda que as deficitarias empresas estatais lastraban a economía. A situación popular empeorou durante estes anos e a oposición ao réxime incrementouse. Nas relacións exteriores, o goberno mantivo unha política neutral, asinou un tratado de amizade e cooperación coa URSS, pero beneficiouse dos investimentos de Francia, dos EE UU e da China Popular. En xullo de 1987 produciuse un presunto intento de asasinato, no que participaron numerosos membros dunha etnia orixinaria do N do país, os kouyou, á que pertencían Ngouabi e Yhombi-Opango. Unha comisión investigadora determinou a responsabilidade de Yhombi-Opango e condenouno a arresto domiciliario. No congreso do PCT de xullo de 1989, Sassou-Nguesso foi reelixido presidente do partido e da República por un período de cinco anos. No mes de agosto, Alphonse Mouissou Poaty-Souchalaty foi nomeado primeiro ministro e anunciou a creación dun novo goberno. Nas eleccións lexislativas de 1989 apareceron por vez primeira nas listas candidatos que non pertencían ao partido único e, no mes de novembro, Sassou-Nguesso anunciou un conxunto de reformas que tiñan como obxectivo a liberalización da economía estatal e o fomento da participación das empresas privadas. A caída do Muro de Berlín e os cambios políticos que tiveron lugar no L de Europa, unido á intensificación dos enfrontamentos de orixe étnica e ás manifestacións populares, motivaron a convocatoria dun congreso extraordinario do PCT en xullo de 1990, no que o partido único renunciou ao seu papel dirixente no país e ao marxismo-leninismo. O goberno de Sassou-Nguesso acordou co FMI a aplicación dun programa de reaxustes económicos nos que se incluían as xubilacións anticipadas e a conxelación salarial, a cambio de axuda económica; a aplicación destas medidas foi rexeitada pola Confederación Sindical Congolesa (CSC) no seu congreso de setembro, que esixiu unha transición inmediata a un sistema multipartidista xunto a un incremento dos salarios dos empregados do sector público. Ante a negativa do goberno, a CSC convocou unha serie de folgas que obrigaron o comité central do partido a aceptar o rexistro dos novos partidos políticos dende comezos de 1991 e o adianto do congreso extraordinario do PCT, despois da dimisión de Poaty-Souchalaty como primeiro ministro. Neste congreso suprimíronse as referencias ao marxismo-leninismo como doutrina oficial e aprobouse de xeito definitivo o multipartidismo, confirmado pola Asemblea Nacional Popular o 27 de decembro de 1990.
A transición cara á democracia parlamentaria
A Conferencia Nacional de 1991, convocada por Sassou-Nguesso, contou coa participación de máis de 70 grupos da oposición, autoproclamouse soberana baixo a presidencia do bispo Ernest N´Kombo e creou un Consello Superior lexislativo encargado da redacción dunha nova Constitución cun sistema multipartidista, mentres se constituía un goberno de unidade nacional dirixido polo primeiro ministro Louis Sylvain Goma. A este sucedeuno Andre Milongo nun goberno de transición (8.6.1992), que tería vixencia ata as eleccións xerais e presidenciais. A nova Constitución foi aprobada en referendo pola maioría da poboación o 15 de marzo de 1992. Nas eleccións xerais que tiveron lugar o 16 de agosto de 1992, saíu elixido novo presidente do goberno Pascal Lissouba, líder da Union Panafricaine pour la Démocratie Sociale (UPADES, Unión Panafricana para a Democracia Social). A vitoria de Lissouba, sen embargo, non lle concedeu a maioría en ningunha das cámaras e gobernou con dificultade fronte á coalición opositora formada pola Union pour le Renouveau Démocratique (URD, Unión para a Renovación Democrática) e o PCT. O presidente Lissouba, ante a situación de bloqueo, disolveu a Asemblea Nacional; o rexeitamento da oposición á súa medida orixinou numerosos enfrontamentos e choques, ata que Claude Antonio Dacosta formou un novo goberno de unidade nacional (6.12.1992), no que participaron membros da URD e do PCT. As novas eleccións parlamentarias de maio de 1993, marcadas polas acusacións de fraude feitas pola oposición, remataron nunha loita sanguenta entre as forzas do goberno e da oposición, con diferente base étnica. Lissouba nomeou primeiro ministro a Yhombi-Opango e a oposición formou un goberno paralelo, dirixido por Bernard Kolelas. A existencia dos dous gobernos orixinou unha situación de loita civil ata o mes de xullo, cando, coa mediación da OUA e dos representantes da Comunidade Europea, as partes en conflito chegaron ao acordo de repetir as eleccións naquelas circunscricións dubidosas. As novas eleccións déronlle a maioría absoluta á UPADES, pero como consecuencia da confusa situación política produciuse, durante 1993, unha proliferación de milicias rivais que defendían os intereses dos líderes políticos. As loitas entre os defensores do presidente Lissouba, as forzas de Sassou-Nguesso e as do opositor Kolelas, prolongáronse durante 1994, e adquiriron unha especial violencia nos distritos de Bacongo e Makeke-Kele (SO da capital), mentres a situación económica do país chegaba á bancarrota. A mediados de marzo produciuse un acordo entre o goberno e a oposición, cun cesamento das hostilidades, que permitiu asinar un pacto dende xullo de 1994, polo que Kolelas accedeu á alcaldía de Brazzaville. Lissouba aceptou as condicións que impuxo o FMI para manter a axuda destinada ao axuste estrutural da economía e emprender unha redución no número de funcionarios. A situación foise normalizando e, a comezos de 1995, Yhombi-Opango encabezou un gabinete no que participaron catro ministros do grupo opositor URD. Malia a aparencia de estabilidade política, o goberno adoptou un conxunto de medidas polas que se limitaban as liberdades sindicais e de expresión. En outubro de 1995, o goberno emprendeu unha reorganización das forzas armadas para representar nelas os intereses rexionais e étnicos. O pacto asinado a finais de decembro de 1995 entre os partidos políticos do movemento presidencial e os grupos da oposición, incluía o desarme das milicias partidarias do presidente Lissouba e do líder opositor Sassou-Nguesso, e a súa integración no exército. A este incorporáronse en 1996 ao redor de 4.000 milicianos, pero as actividades dos grupos independentes continuaron contribuíndo á inestabilidade política.
A Guerra Civil e o regreso de Denis Sassou-Nguesso
O conflito armado entre as milicias reproduciuse durante 1996, e en febreiro de 1997 as milicias de Lissouba amotináronse na capital, coa esixencia do pagamento dos seus atrasos. Mentres, Charles David Ganao foi nomeado primeiro ministro o 27 de agosto de 1997 e formou un novo goberno no que incluíu varios grupos opositores; sen embargo, os enfrontamentos entre as faccións rivais do presidente Lissouba e de Sassou-Nguesso desembocaron nunha loita civil despois do atentado contra este último o 11 de maio de 1997. Dende o mes de xuño, a loita xeneralizouse e as eleccións presidenciais programadas para xullo de 1997 canceláronse. Durante os meses seguintes, os combates estendéronse pola rexión de Likouala, no N do país. No mes de outubro, as forzas de Sassou-Nguesso, axudadas polo exército de Angola, conquistaron Brazzaville e Lissouba abandonou a capital. Sassou-Nguesso instalouse na capital como presidente a finais de outubro e formou un novo goberno de transición en novembro. Case ao mesmo tempo, comezaron os enfrontamentos na rexión de Pool, limítrofe coa capital, do exército congolés, axudado polas tropas angoleñas e a milicia Cobra de Sassou-Nguesso, contra as milicias Cocoye e Ninja, partidarias de Lissouba e de Bernard Kolelas. Os combates estendéronse polas rexións do S entre decembro de 1998 e os primeiros meses de 1999, e supuxeron o desprazamento de centos de milleiros de refuxiados aos estados veciños de Gabón e da República Democrática do Congo. O 29 de decembro de 1999, os mandos militares e os líderes da oposición asinaron un acordo para o cesamento das hostilidades, coa mediación do presidente de Gabón, Omar Bongo. A situación durante o ano 2000 estivo marcada polo proceso de desarme das milicias implicadas no conflito, o retorno dos refuxiados e a reconstrución económica do país. O período de transición política, establecido polo goberno de Sassou-Nguesso, culminou no 2001 cun referendo constitucional e unhas eleccións lexislativas e presidenciais.