Congrés Internationaux d’Architecture Moderne

Congrés Internationaux d’Architecture Moderne

Entidade fundada en 1928 no castelo de La Sarraz en Vaud (Suíza), onde tivo lugar o primeiro dos dez congresos celebrados. A declaración fundacional analizou a modernidade e o progreso e, sobre todo, a racionalización e estandarización do proceso creador arquitectónico, coa afirmación de que a súa historia correspondía á da arquitectura racionalista. O segundo congreso celebrado en Frankfurt do Main en 1929, tivo como tema central o habitáculo mínimo. Nesta reunión establecéronse os tres niveis de funcionamento da entidade: a asemblea xeral ou congreso, o Comité Internacional para a Resolución dos Problemas da Arquitectura Contemporánea (CIRPAC) e os grupos de traballo para proxectos específicos. O terceiro congreso reuniuse en 1930 en Bruxelas, e o cuarto, que debía celebrarse en Moscova en 1932, tivo lugar no barco Patris por razóns políticas, onde se redactou e aprobou a carta de Atenas. Nesa reunión estableceuse que o feito urbano se asentaba en catro funcións: habitabilidade, traballo, tempo libre e comunicacións. O quinto congreso celebrouse en París (1937), e o sexto, por mor da guerra, non tivo lugar ata 1947 en Bridgwater (Somerset, Inglaterra); o sétimo tivo como sede Bergamo (1949), e o oitavo Hoddesdon (Hertfordshire, Inglaterra, 1951). Nesta reunión, a carta de Atenas entrou en crise e reivindicouse a importancia da cidade como centro de intercambios e contactos. O noveno congreso, celebrado en 1953 en Aix-de-Provence, tratou o tema do hábitat. En 1956 tivo lugar en Dubrovnik o décimo e derradeiro congreso, onde os novos compoñentes do chamado Team-X, Candilis, Bakema, Smithson e Van Eyck, entre outros, enfrontáronse aos ortodoxos ou fundadores, Gropius, Le Corbusier, Giedion e Sert. En 1959 os disidentes reuníronse en Otterlo (Gelderland, Países Baixos) para ensaiar unha nova experiencia baseada na mutua discusión dos seus proxectos.

Palabras veciñas

congregante | congregar | Congreiras | Congrés Internationaux d’Architecture Moderne | Congrès pour la Démocratie et le Progrès | congresista | congreso