Congreso de los Diputados

Congreso de los Diputados

Órgano lexislativo de España que se mantivo vixente entre 1837 e 1923, e dende 1976. Forma, xunto co Senado, as Cortes Generales. A Constitución de 1837 foi a primeira que utilizou este nome para designar a cámara baixa. Os seus antecedentes foron o Estamento do Pobo, establecido en 1808, e o Estamento dos Procuradores, creado polo Estatuto Real de 1834. A Constitución de 1931 equiparou as Cortes e o Congreso de los Diputados. Logo da etapa franquista restableceuno a Lei da Reforma Política. A Constitución de 1978 instaurouno de xeito definitivo.
Composición e funcionamento
En 1982 aprobouse o seu regulamento que, xunto á Constitución de 1978, ordena a súa composición e funcionamento. A Constitución de 1978 estableceu unha composición de entre 300 e 400 deputados, e a Lei do Réxime Electoral Xeral de 1985 fixou o seu número en 350. Os deputados elíxense por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, por un período de catro anos ou ata a disolución da cámara. A circunscrición electoral é a provincia, e a cada unha delas correspóndenlle dous escanos, agás Ceuta e Melilla que teñen un; os demais deputados distribúense segundo un criterio de representación proporcional baseado no sistema D’Hont. Ao igual ca o Senado, funciona en pleno ou en comisións. O órgano reitor e de representación colexiada da cámara é a mesa do Congreso. Está formada polo presidente, catro vicepresidentes e catro secretarios. Organiza o traballo parlamentario e dirixe o seu goberno interior. Entre outras actividades, realiza a elaboración do orzamento da cámara, dirixe e controla a súa execución, ordena gastos, ten competencias en materia de persoal, programa as liñas de actuación, coordina os traballos dos seus órganos e decide sobre a tramitación dos escritos e documentos parlamentarios. Os deputados elixen o seu presidente por medio dunha votación secreta; este exerce todos os poderes administrativos e as facultades de policía no interior da cámara e, entre outras funcións, encárgase de representar a cámara, fixar a orde do día coa xunta de portavoces, dirixir os debates e cumprir e facer cumprir o regulamento. Ademais, preside as sesións conxuntas do Congreso e Senado, e referenda os decretos coa disolución das Cortes Generales nos casos que contempla a Constitución. Durante a lexislatura constitucional (1977-1979), foi presidente do Congreso Fernando Álvarez de Miranda y Torres, ao que lle sucederon Landelino Lavilla Alsina (1979-1982), Gregorio Peces Barba (1982-1986), Félix Pons (1986-1996), Federico Trillo (1996-2000) e Luisa Fernanda Rudi Úbeda (dende o 2000). Os catro vicepresidentes, elixidos polos deputados, substitúen o presidente en caso de ausencia, por estar vacante ou por incapacidade. Os catro secretarios teñen, entre outras, as funcións de dar o visto bo do presidente, das actas das sesións, da mesa, da xunta de portavoces e das distintas certificacións. Os deputados agrúpanse por afinidades ideolóxicas ou políticas nos grupos parlamentarios. Para a súa formación téñense que unir como mínimo 15 deputados, inda que tamén se pode formar grupo con 5 cando as formacións políticas obteñen un 15% dos votos das circunscricións electorais onde se presentan ou o 5% dos votos nacionais; cando o seu número se reduce á metade, disólvese. Os deputados que non se integran en ningún dos grupos creados forman o grupo Mixto. Cada grupo ten un voceiro e todos eles forman a xunta de portavoces, que é o órgano de participación dos grupos parlamentarios na ordenación do traballo da cámara e da que tamén forma parte o presidente. Ás súas reunións asisten un representante do goberno, un vicepresidente e un secretario da mesa, e o secretario xeral. A súa función principal é fixar a orde do día das sesións plenarias. As comisións son grupos de traballo integrados por un mínimo de parlamentarios, que poden ser de carácter permanente, especiais ou de investigación. As permanentes están establecidas polo regulamento da cámara e corresponden aos asuntos que desenvolve a política estatal, entre outros, defensa, educación e cultura; as especiais créanse para tratar algún tema concreto; e as de investigación constitúense para pescudar calquera asunto de interese público. Tamén existen as comisións mixtas entre membros do Congreso e do Senado. No seo das comisións creáronse as subcomisións, como órganos de estudo e preparación, e os relatorios, constituídos para tratar cada asunto. Cando a cámara non está reunida, por período vacacional ou por estar disolta, correspóndelle á deputación permanente velar polos poderes da mesma. Os seus membros, cun mínimo de 21, distribúense de forma proporcional entre os grupos parlamentarios baixo a tutela do presidente do Congreso. Entre outras funcións, propón as sesións extraordinarias da cámara, dá a coñecer os decretos-leis ditados polo goberno e asume as facultades da cámara no caso de que se declaren os estados de alarma, excepción ou sitio. A secretaría xeral ten un carácter profesional e engloba os servicios administrativos e técnicos da cámara. Os seus membros son funcionarios e está dirixida polo secretario xeral, nomeado pola mesa do Congreso a proposta do presidente entre os letrados das Cortes Generales, con máis de cinco anos de servicio. Compóñena dúas secretarías xerais adxuntas e as direccións de Asistencia Técnico-Parlamentaria, Comisiones, Estudios y Documentación, Asuntos Económicos e Infraestrutura, Relaciones Parlamentarias, Gobierno Interior e Intervención.
Funcións
O Congreso ten unha función lexislativa e outra de control e dirección. A primeira supón a iniciativa lexislativa, é dicir, o comezo do procedemento para a aprobación das leis que, no caso de ser propostas pola cámara, recibe o nome de proposición de lei. Esta proposición pode presentarse por iniciativa dun dos deputados da cámara, acompañada da sinatura doutros 14 membros da mesma, ou por un grupo parlamentario coa sinatura do seu voceiro. Ademais, encárgase de desenvolver os proxectos de lei, é dicir, as iniciativas presentadas polas asembleas das comunidades autónomas ou por un mínimo de 500.000 sinaturas ante a mesa do Congreso. En ambos os dous casos, o pleno do Congreso é quen decide aprobalas, así como acontece coas emendas propostas polo Senado. A segunda función refírese ao control que exerce sobre o goberno. Ademais de proceder á investidura do seu presidente, pode outorgarlle ou retirarlle a confianza ao goberno mediante as mocións de censura ou confianza. Ademais, os deputados elixen a catro maxistrados do Tribunal Constitucional, a dez vocais do Consejo General del Poder Judicial e a seis conselleiros do Tribunal de Cuentas, e designa, xunto co Senado, o Defensor del Pueblo.
Outros servicios
O Congreso ofrece servicios de arquivo, biblioteca e publicacións. O seu arquivo, creado no 1808, conserva fondos parlamentarios e administrativos. Ademais, preserva a sección do Archivo de Cerdeña e a serie de Cortes de Castela, á parte dun arquivo de imaxe e son. A súa biblioteca ten a súa orixe na Biblioteca de Cortes creada en 1811 polas Cortes de Cádiz. O seu fondo está constituído por máis de 100.000 monografías divididas en fondo histórico, con documentos dende o s XV, e moderno, con documentos datados a partir de 1943. As súas publicacións oficiais son a “Sección del Congreso de los Diputados” do Boletín Oficial de las Cortes Generales e o Diario de sesiones. Entre as publicacións non oficiais hai traballos parlamentarios, monografías e debates políticos, e as publicacións periódicas Revista de las Cortes Generales, Boletín de Jurisprudencia Constitucional, Boletín de Legislación Extranjera, Boletín de Derecho de las Comunidades Europeas e Revista Parlamentaria Iberoamericana.