Congreve, William

Congreve, William

Escritor e dramaturgo inglés. Está considerado como o máis xenuíno representante da comedia da Restauración, período que vai de 1660, ano no que Carlos II recuperou o trono, ata 1714, cando Xurxo I foi coroado rei de Inglaterra. Educouse no Trinity College de Dublín e en 1688 regresou a Inglaterra. No 1692 publicou a novela Incógnita e no 1963 estreou a súa primeira comedia, The Old Bachelor (O vello solteirón), que xa contiña os elementos básicos da súa escrita, caracterizada pola crítica dos costumes da burguesía vilega, a nova clase social en ascenso, e pola denuncia do puritanismo, tan presente na sociedade británica desde os tempos de Enrique VIII e Isabel I. Outras comedias foron Love for Love (Amor por amor, 1695) e The Way of the World (O camiño do mundo, 1700). En 1698 publicou Amendments of Mr Collier’s False and Imperfect Citations (Aclaracións sobre as acusacións, incompletas e falsas, de Mr Collier), onde se defendía dos ataques de Jeremy Collier, quen denunciara a suposta inmoralidade do teatro da época en diversos escritos, entre eles o famoso A Short View of the Immorality and Profaneness of the English Stage (Breve comentario sobre a inmoralidade e irreverencia da escena inglesa, 1698), que tería continuidade en novos traballos que provocaron un longo debate sobre as funcións e os límites da creación teatral.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Bardsley, Leeds

  • Deceso

    Lugar : Londres