Consejo Escolar del Estado

Consejo Escolar del Estado

Órgano de ámbito estatal que colabora na correcta xestión da educación. Participa na programación xeral do ensino e asesora os proxectos de lei ou regulamentos propostos ou ditados polo goberno. Está formado por un presidente, nomeado a proposta do ministro de Educación; un vicepresidente, elixido polo propio consello de entre os seus membros; un secretario e os conselleiros, que agrupa a profesores, pais de alumnos, alumnos, persoal de administración e servicios; e outros representantes pertencentes ao ámbito educativo. Ten, entre outras, as seguintes competencias: aprobar e facer público o informe anual elaborado pola comisión permanente do Consejo sobre o estado e situación do sistema educativo; aprobar e elaborar para o ministerio de Educación as propostas da comisión permanente do consello sobre as cuestións tratadas nela; fixar as ensinanzas mínimas e a regulación das demais condicións para a obtención, expedición e homologación de títulos académicos e a súa aplicación en casos dubidosos ou conflitivos; e determinar os niveis mínimos de rendemento e calidade. O seu marco legal está regulado pola Constitución Española, pola Lei Orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do Dereito á Educación, o Real Decreto 2.378/1985, do 18 de decembro, polo que se regula o Consejo Escolar del Estado e pola Orde do 24 de xuño 1987, pola que se aproba o seu regulamento de funcionamento.