Consejo Jacobeo

Consejo Jacobeo

Órgano de colaboración entre a administración do Estado e as comunidades autónomas para as súas actuacións sobre o Camiño de Santiago. Creouse en 1991 por iniciativa do ministerio de Relacións coas Cortes e entrou en vigor o 30 de outubro dese mesmo ano. A presidencia correspóndelle ao ministro de Cultura e a vicepresidencia ao conselleiro de Relacións Institucionais e voceiro da Xunta de Galicia. Intégrano cadanseu representante (con rango de conselleiro do goberno autonómico) das comunidades autónomas de Galicia, Castela e León, La Rioja, Aragón, Navarra, Euskadi, Cantabria e do Principado de Asturias, así como dos ministerios de Economía, Facenda, Industria, Comercio e Turismo, Asuntos Exteriores e Cultura (este último actúa como secretario). O presidente pode convocar ás súas xuntanzas a representantes de institucións culturais, académicas, eclesiásticas, etc, que poidan ter relación coas súas actividades.