Consello de Contas de Galicia

Consello de Contas de Galicia

Órgano supremo de control externo da actividade económica e financeira da Comunidade Autónoma de Galicia. Creouse pola Lei 6/1985, do 24 de xuño, modificada pola Lei 4/1986, aínda que non se constituíu ata o 1 de marzo de 1991, data da toma de posesión dos seus cinco primeiros membros no Parlamento de Galicia. Segundo a lexislación, o seu ámbito de actuación abrangue a Administración autonómica e todos os seus organismos, sociedades, empresas ou entes públicos dependentes, calquera que sexa a súa forma xurídica, ademais das corporacións locais, cámaras agrarias, da propiedade, de comercio, industria e navegación, confrarías de pescadores e outras de natureza semellante.