Consello de Forzas Políticas Galegas

Consello de Forzas Políticas Galegas
Nome científico: [CFPG]

Organismo creado o 5 de xaneiro de 1976 como plataforma para a participación política dos partidos nacionalistas galegos na reforma política de España trala morte de Franco. Afirmaba o dereito de autodeterminación de Galicia e de ruptura democrática co franquismo. Estaba formado pola Unión do Pobo Galego (UPG), o Partido Socialista Galego (PSG) e o Partido Galego Social-Demócrata (PGSD), e asistiu como observador un representante do Partido Popular Galego (PPG), partido que non chegou a integrarse. Incorporáronse tamén a Asamblea Nacional-Popular Galega (ANPG), como plataforma asemblearia de participación política, o Partido Carlista de Galicia (PCdG), seguidor da fracción esquerdista do carlismo, e o Movemento Comunista de Galicia (MCG). Desde a súa creación, elaborou propostas programáticas para a consecución dos seus obxectivos e publicou as Medidas económicas para un Goberno provisorio galego e as Bases constitucionais para a participación galega nun pauto federal. No primeiro dos textos inclúense propostas de actuación nun programa de desenvolvemento económico a curto prazo, mentres que nas Bases se expoñen os fundamentos para a participación de Galicia nun pacto federal español, partindo da idea de autodeterminación do pobo galego. A súa ruptura produciuse en novembro de 1976, debido aos enfrontamentos entre os partidos que o integraban trala inclusión do MCG. A UPG rexeitou a súa inclusión, mentres os seus cadros sindicais non abandonasen as Comisións Obreiras e se integrasen no Sindicato Obreiro Galego; a crise culminou coa autoexclusión da UPG e do PGSD, feito que significou a disolución do propio Consello. Isto supuxo o fracaso da tentativa de influír na transición política desde unha posición nacionalista unificada, polo que o protagonismo da negociación co goberno do Estado recaeu nos partidos da oposición democrática do ámbito español.