Consello de Galiza
Organismo constituído o 15 de novembro de 1944, segundo unha iniciativa de Afonso Daniel Rodríguez Castelao e da Irmandade Galega, que pretendía reunir a todos os elementos republicanos galegos, aínda que só contou coa presenza de catro deputados: Castelao, R. Suárez Picallo e Alonso Ríos, do PG, e Elpidio Valladares, de Izquierda Republicana. No seu nacemento influíu o lehendakari vasco no exilio, Aguirre, quen buscaba un interlocutor para a reconstrución de Galeuzca, e a futura reinstauración dos estatutos de autonomía aprobados durante a Segunda República. A lexitimación deste organismo partía da elección dos deputados que o compuñan no plebiscito do 28 de xuño de 1936. Castelao foi nomeado o seu presidente e durante os anos seguintes mantivo unha notable actividade política: asistiu ás Cortes celebradas en México e integrouse no goberno republicano no exilio en marzo de 1946. No 1947 ingresou o deputado Alfredo Somoza. Á morte de Castelao (1950), o Consello perdeu boa parte da súa influencia social e política, e sufriu durante esa década un estancamento político e ideolóxico, que afectou a todo o galeguismo no exilio, e que se incrementou ante a falta dun líder consolidado. En 1958, un grupo formado por Rodolfo Prada, X. B. Abraira e Manoel Puente, propuxo a súa supresión. A reacción a esta situación chegou en xuño de 1960, cando se convocou unha asemblea de galeguistas en Bos Aires e A. Alonso Pérez, B. Cupeiro e Alonso Ríos propuxeron a reestruturación do Consello de Galiza. No mes de xullo aprobouse unha reforma na que se incrementaba o número de conselleiros; sumáronse nove conselleiros con carácter temporal, xunto aos tres vitalicios, que continuaban coas súas funcións. Creáronse ademais cinco comisións (Cultura, Facenda, Fiscal, Relacións e Xunta Consultiva), emprendeu novas iniciativas, incrementou as relacións cos exiliados republicanos e buscou apoios políticos en Galicia, aínda que xa perdera a súa relación coa realidade galega. Coa morte de E. Villaverde (1962) e R. Suárez Picallo (1964), perdeu o seu valor representativo e esmoreceu.